InicioEn profundidadeDiario de inspiración en Narla: sentimento, infancia, samurai, pezoeira, variola, participación e...

Diario de inspiración en Narla: sentimento, infancia, samurai, pezoeira, variola, participación e a historia de Juan Antonio

Queremos vivir unha experiencia diferente? Enriquecedora sempre. Porque esa é a filosofía destes museos, queremos pasar de puntillas como espectador a ver o que hai ou queremos vivir o museo? Se escolles a segunda opción entras nun novo mundo cheo de mil alternativas de viaxe, de experimentación e coñecemento, tamén de sentimento.

Publicado o

- Advertisement -

A base da educación debería ser ese sistema que percibe as túas potencialidades e as incentiva, ademais de educarnos nesas cuestións que eran básicas e xa non sei que cuestións eran porque agora xa non se ensinan ou non son básicas. Ao que ía é que na EXB, no instituto e na facultade tiven a sorte de ter alomenos en cada etapa unha educadora e educador que me inspiraron, me motivaron e incentivaron. Iso ocorría porque as dúas partes tiñamos a mesma vontade, sintonizamos.

Adéntrome no Museo Fortaleza de San Paio de Narla, incriblemente por primeira vez, digo incriblemente porque estando en Friol, as distancias non son escusas, estou na provincia. San Paio de Narla nunha mañá de calor recíbete con ese verde rodeado de sombra e esa pedra que auguran fresco.

Como na casa

Narla é como estar na casa, non é alleo. Xa o viviches ou corre polo teu sangue. Só tes que entrar.

Aquí comeza todo. Con Narla nace a rede, en 1985 trasládase a sección de etnografía da Deputación ao Castelo. No 2003 e despois dunha viaxe a Polonia nace Narla como museo etnográfico. Un museo que non tiña nada no seu interior e encheuse de vida. De recordos e historias, de memoria, a túa, a miña, a nosa.

San Paio de Narla / ABF

Como en Tor ía a Narla buscando o novo, o non contado ata agora naquela contorna, sobre todo con historias de moita valentía protagonizadas por mulleres e nenos. E achégaste a esas historias nun ambiente de casa, desde a raíz.

Entras polo corazón, porque convídante a pasar e soterradas está á túa esquerda mentres uns zocos te chaman a seguir e todos ese apeiros que respiraches, que viches e tocaches e que agora son museo,… e os que xa eran historia e agora están acompañados dunha vaca coloreada.

San Paio de Narla / ABF

Con cada pedazo de historia esa presenza actual, a historia facéndose. E ti nela.

Pouco despois de estar en Narla, as rapazas que participaban na residencia artística do Pazo de Tor facían unha primeira presentación do seu traballo. Traballo non é a palabra. O traballo ten connotacións negativas en canto a esforzo e sacrificio. Fixeron unha presentación do que son e do que lles gusta facer. Das súas paixóns e como as materializan. Presentación con sinceridade, dúbida e confianza, participación, curiosidade, paixón,… Moita vida había neste encontro!

Residencia artística 2022 Museo de Tor

As creacións desta residencia están expostas en Tor ata finais de ano e alí volverei nesta viaxe de inspiración.

Nese encontro da residencia artística tod@s @s asistentes eran iguais, tiñan inquedanzas similares, explicaban, opinaban, soñaban e curioseaban, conversaban,…non había diferenzas. As diferenzas, os estamentos vense en Narla a medida que sobes, pasas de estar na Galicia rural agrícola e gandeira á Galicia nobre de armas e camas, polo medio mil detalles que dan sentido á vontade do museo como tranformador. E o guerreiro samurai… Esas camas chaman a deitarse así que como mínimo sentarme ao carón de todas esas xanelas. Por que? Porque requiren pasar un pedazo. Sentir esa pedra, a paisaxe fóra e a brisa quente e non pasa nada máis que o tempo.

San Paio de Narla / ABF

Queres vivir o museo ou pasar de puntillas como espectador

O caso é que o segredo é a participación. Para achegarse aos museos da Rede Provincial a participación é a chave mestra. Como queremos achegarnos a un museo?

Queremos vivir unha experiencia diferente? Enriquecedara sempre.

Porque esa é a filosofía destes museos, queres pasar de puntillas como espectador a ver o que hai ou queres vivir o museo? Se  escolles a segunda opción entras nun novo mundo cheo de mil alternativas de viaxe, de experimentación e coñecemento, tamén de sentimento.

Comezar a entrar en Narla é exactamente iso, invita a participar no museo porque entra desde o sentimento, desde o sentimento pódese e débese educar. Dicíame un educador vencellado ao Courel despois dos incendios que o atacaron este verán, “gústame educar desde a emoción e desde os afectos”. Iso fai Narla se te deixas e se queres entrar noutro mundo que son pinceladas da túa propia historia contada por pezas vivas, e debuxos de moitas historias que fan historia e que se comezan a contar agora.

San Paio de Narla / ABF

E nese ambiente de casa e de sentimento, esa torre fortificada que podería alonxar, reúne. Reúne a case un cento de cativ@s que pasan a noite no museo, almorzan na lareira e teñen cea medieval. Curiosidade infantil e museo retroaliméntanse. Ese museo comunitario que Tor demanda ser, xa é Narla.

A participación, o segredo para namorarte destes museos. Estabamos en Narla c@s nen@s, esa educación tan fundamental e eses cativ@s encantad@s pasando a noite na torre. Cativas e cativos implícanse porque lles gusta Narla e porque agora teñen unha mascota, a serpe, que decora o escudo de Friol e ten a súa orixe na lenda da cova da serpe. E así a mascota do Museo Pazo de Tor é a garza, a do Museo Provincial de Lugo o lobo, e a do Museo Provincial do Mar en San Ciprián, a balea.

Amadriñando a Rede

A educación e a participación. Se queremos aprender de verdade algo novo e cambiar algo na nosa forma de ver, temos que participar. Iso propón a Rede Museísta co proxecto Amadriñando a Rede para que as crianzas de menos de 3 anos comecen a convertirse en protectoras do patrimonio, territorio e comunidade. De pequeniños @s cativ@s e a Rede establecen un compromiso vital de acompañamento e de educación en valores a través do libro de amadriñamento onde recollen como o Museo inflúe nas distintas etapas da súa vida. Medrar amadriñando a rede é unha porta máis á educación e amplía desde a infancia a autonomía para que as rapazas e rapaces descubran as súas potencialidades.

San Paio de Narla / ABF

E ao redor de Narla os rapaces implícanse. Narla é a orixe, teñen iso en común, son o comezo. Narla é mestiza, esas pedras seculares cheas de historias vivas. Historias delas e dos nenos; a primeira telefonista de Friol guíanos polo museo, tamén foi a primeira muller que entrou soa nun bar nos anos ¿?, ou María González a rapaza de Ombreiro que traballaba como criada e foi violada por un fidalgo, en 1738 María gaña a sentenza; a labranza, a cociña, a tradición, as armas, o samurai, as camas, os berces e ao final as almeas.

San Paio de Narla / ABF

Polo medio, no primeiro cuarto con berce, a pezoeira nunha vitrina. Esa peza que parece unha cunca de barro. Esa pezoeira protexería do agarimo? Neste museo onde percorremos os distintos estamentos, que peso suporía para a ama de cría utilizar a pezoeira? Pretenderíase separar as súas mamilas da boca do bebé para non mesturar clases, para impedir crear un vínculo crianza-ama de cría?

San Paio de Narla / ABF

O noso heroe volve á casa

Agora a todo isto, Narla engade a historia do neno de Friol que levou a primeira vacina ata América. Ese é parte do traballo que desenvolve o museo, achegarse á xente, recuperar as historias e darlles valor. E atoparon a partida de nacemento de Juan Antonio e seguiron a documentación ata recuperar a historia deste rapaz. A partir de setembro a vida de Juan Antonio e as que naceron do proceso de investigación están a exposición en Narla.

Juan Antonio naceu o 22 de xaneiro de 1797, a súa historia que o museo ten documentada levouno a ser un neno salvador, como outros expósitos. Juan Antonio era unha vacina que foi levada a América. Agora que acabamos de pasar a pandemia, xa sabemos algo máis de pandemias e vacinas, e Juan Antonio, ese neno expósito de Friol foi un heroe, axudou a salvar vidas.

Ese museo, ese lugar onde nacen as historias, funciona c@s nen@s, porque non teñen barreiras, queren coñecer e experimentar. Se os adultos nos achegásemos así aos museos, o efecto, os resultados serían incribles como c@s cativ@s. Foi o que vín nos encontros da residencia artística de Tor.

Esas mulleres creadoras, inspiradoras, valentes, soñadoras que se elevan e aterrizan, que can e reconstrúen, que se deixan ser nun ambiente, no Pazo de Tor e desde aí afondan no que o Pazo lles pide, e pode querer ser protagonista ou levalas a outros lugares que lles son máis propios.

Non pasei a noite en Narla, pero lembrándome nena eses cativos gozárona. O mesmo que eu 40 anos despois na presentación de proxectos da residencia artística. Ese acto que un pode pensar, “ui iso non é para min,… non vai comigo”. Pois ese acto aberto ao público é como unha noite nos museos e agora o resultado desa residencia está a exposición en Tor no que queda de ano. Dentro duns días verei materilizadas as experiencias e proxectos que escoitei.

San Paio de Narla / ABF

ÚLTIMAS

Que acontece coas Unidades de Drogodependencias dos concellos?

Na última xuntanza dos concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia...

Xornadas Pacegas sobre as Revoltas Irmandiñas, o 6 e 7 de maio no Museo Pazo de Tor

O Museo Pazo de Tor acollerá os vindeiros 6 e 7 de maio a...

Prohibidas desde este luns as queimas agrícolas e forestais de particulares ata novo aviso

A partir deste luns, 15 de abril, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas...

2 meses para as obras de mellora da contorna da Pinguela que se veñen de adxudicar

Este proxecto suporá a mellora do entorno que rodea as instalacións deportivas e os...