O Courel segue sen brigada contra incendios

C@urel Vivo denuncia que o Concello de Folgoso do Courel aínda non convocou ningunha praza de brigadista nin motobomba, a pesar do alto risco de incendios destas semanas.

Souto do Courel. Foto: Barucho

O concello de Folgoso do Courel aínda non formou ningunha brigada de extinción de incendios, a pesar do alto risco de incendios que recae sobre esta área na época estival. De momento, a Corporación Municipal segue sen convocar as prazas de brigadista e motobomba ás que ten dereito este concello. Así o denunciou o voceiro de C@urel Vivo, Óscar Carrete, quen sinalou que isto “supón un gran risco para a nosa terra e a nosa xente”.

Deste xeito, Carrete sinala que tampouco se están a cumprir as faixas de perímetro para protexer os núcleos de poboación en caso de incendio. Isto é especialmente grave en aldeas que teñen unha soa saída por estrada ou que están arrodeadas de monte con especias pirófilas (silvas, xestas, uces…).

Carrete lembra o acontecido no verán do ano pasado, cando o Concello estivo a piques de renunciar a unha brigada por falta de persoal. Naquela ocasión, C@urel Vivo pediu unha semana máis de prazo para anotarse e mellor difusión para esa oferta laboral. Por iso, o partido de Óscar Carrete pídelle ao equipo de goberno que saquen xa esas dúas prazas a concurso e que as anuncien de forma axeitada.

Incendio no Courel en 2017 / C@urel Vivo

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here