O Edificio Multiusos de Monforte acolle este xoves, 23 de novembro, ás 20:15 horas, a representación da obra de teatro “A cámara escura”, da compañía Vórtice Escénico, incluída na programación organizada polo Concello de Monforte a través da Rede de Teatros e Auditorios de Galicia. Trátase dunha proposta dirixida ao público adulto que aborda a realidade das vítimas do ciberacoso, que se ven conducidas a unha espiral de desprezo e dor.
“A cámara escura” é unha obra escrita por José Luis Baños de Cos, baixo a dirección e adaptación de Sara Rey Seoane. Andrea Blanco Dios, Ana San Fernando e Marcos Grandal Tojeiro integran o elenco artístico. O prezo da entrada é de 5 euros, cunha tarifa reducida de 3 euros para estudantes, persoas en situación de desemprego e persoas xubiladas.
Que pasa cando unha adolescente de dezaseis anos comparte unha foto íntima co seu crush nun contexto social como o que estamos a vivir? Alicia está namorada, fai un selfie e preme enviar. Do outro lado do móbil, alguén reenvía, e reenvía, e reenvía. Os chats tolean. Unha avalancha de mensaxes, de vexacións, de insultos, de censura.
“A cámara escura” fala das vítimas de ciberacoso que se ven conducidas cara un buraco negro de desprezo e dor. Trata das persoas que, agresión tras agresión, van construíndo un perigoso perfil de cara ao futuro. A cámara escura diserta sobre esas nais e pais que ven, con absoluta impotencia, rotas ás súas fillas e aos seus fillos. A través de Alicia, esa rapaza dividida en dúas voces internas, podemos asomarnos á realidade que sofren cada día máis adolescentes a nivel mundial.

