InicioMedio ambiente e Patrimonio"A alteración da paisaxe é unha perda de biodiversidade", Serafín González, investigador...

“A alteración da paisaxe é unha perda de biodiversidade”, Serafín González, investigador científico do CSIC

Segredos de Pantón falou con Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. para coñecer que pasou para que unha zona de bosque caducifolio galego fose eliminado dentro da Rede Natura en Pantón.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Serafín González é Doutor en ciencias biolóxicas, investigador científico do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e traballa no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia; nesta dedicación está centrado nos ciclos dos nutrintes, especialmente nitróxeno, nos solos. E ademais, é o Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural dende o ano 1995.

Para comezar coa entrevista, queriamos saber como dende a Sociedade Galega de Historia Natural -SGHN- lle destes difusión aos feitos relacionados cun proxecto de viñedos de Pantón?

Dende hai bastantes anos, SGHN é unha das entidades ás que a Consellería de Medio Ambiente solicita que emita informes sobre plans ou proxectos, públicos ou privados, con posible incidencia sobre o medio ambiente. Entre os centos de proxectos que SGHN informa anualmente, o catro de decembro deste ano SGHN respondeu ás consultas sobre dous proxectos de Adegas O Castro SL para arrotear -labrar para o primeiro cultivo- e plantar viñedos en 349 predios (71,6 ha) de catro parroquias -Pantón, Santa María de Ferreira, Espasantes e Serode- na Ribeira Sacra de Pantón. Desa superficie, 57 hectáreas eran terreos forestais con “abundantes árbores frondosas (carballos, castiñeiros, amieiros, bidalos, ) de idade reducida (10-15 anos aproximadamente) nados por rexeneración nunha parte das parcelas… Hai algúns exemplares de árbores frondosas (carballos, castiñeiros, amieiros, bidalos, ) de idade mais elevada (25-30  anos aproximadamente) pero  illados ou en recintos e parcelas pequenas, sen continuidade.”

Predios Arroteamento ZEC. Fonte: Serafín González

SGHN solicitou que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático desestimase a solicitude de arroteamento dos terreos incluídos na Rede Natura 2000 (ZEC Canón do Sil ES1120014) e os cubertos por frondosas autóctonas. SGHN solicitou, así mesmo, que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental pedise un informe á Dirección Xeral de Patrimonio Natural sobre a veracidade ambiental da documentación presentada polo solicitante e que se incluíse como mínimo no condicionado unha idade ou dimensións máximas para as árbores que se poderían tallar, un mínimo de cabida cuberta a conservar e unha supervisión do cumprimento do condicionado por parte do axente ambiental de zona.

“SGHN solicitou que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático desestimase a solicitude de arroteamento dos terreos incluídos na Rede Natura 2000 (ZEC Canón do Sil ES1120014) e os cubertos por frondosas autóctonas”

Mesmo hai unha zona dentro do proxecto de viñedos en intensivo que supuxo a talla de bosques caducifolios integrados na Rede Natura. Isto pódese facer? E neste caso seguíronse tódolos procesos para levalo a cabo correctamente?

A talla de formacións forestais de frondosas autóctonas en terreos agrícolas para dedicalos á viticultura intensiva é incompatible cos obxectivos de conservación da Rede Natura 2000, tal como establece o seu Plan Director para Galicia.

De tódolos xeitos, mesmo para proxectos ou actividades que puideran ser autorizables en Rede Natura (que non é o caso), a súa execución nunca podería comezar antes de ter todos os permisos preceptivos. Pero Adegas O Castro SL realizou as obras sen ter recibida a autorización da Direción Xeral de Calidade Ambiental.

“Mesmo para proxectos ou actividades que puideran ser autorizables en Rede Natura (que non é o caso), a súa execución nunca podería comezar antes de ter todos os permisos preceptivos”

Que supón dende o punto de vista da biodiversidade o arroteamento destes bosques caducifolios?

Nunha comunidade como a galega, onde as formacións forestais de especies exóticas (eucaliptos, piñeiro de Monterrei, acacias,…) son xa máis abondosas que os bosques autóctonos, a talla destes supón unha perda dende o punto de vista da paisaxe tradicional galega e un grave prexuízo para a conservación da biodiversidade, que é sempre moito máis reducida nas plantacións de especies exóticas. Lamentablemente, o que estamos a ver dende SGHN é que a meirande parte dos proxectos de cambio de uso de forestal a agrario para os que se solicitan permisos, sobre todo na provincia de Lugo, pretenden arrotear formacións de frondosas autóctonas. Para maior sen sentido, e como mostra da carencia absoluta de ordenación do territorio, a miúdo esas formacións de frondosas autóctonas son as últimas que quedan nunha contorna literalmente inzada de plantacións de especies exóticas realizadas sobre terras agrícolas.

Malia todos estes feitos medioambientais, do lado do dereito á información dos expedientes que está a acontecer?

No caso dos arroteamentos en Pantón, SGHN leva solicitando insistentemente dende hai sete meses toda a información sobre os expedientes de Adegas O Castro, que a Consellería debería entregar no prazo dun mes. É un dereito recoñecido pola Convención de Aarhus e a normativa europea (Directiva 2003/4/CE, Directiva 2003/35/CEE), estatal (Lei 27/2006, Lei 42/2007) e galega (Lei 5/2019). Un dereito que está a pisar dende hai medio ano a Consellería de Medio Ambiente nun gravísimo incumprimento da lexislación vixente.

“A alteración da paisaxe É unha perda de biodiversidade”

Estes proxectos intensivos na nosa terra que impacto teñen na natureza en todo o seu conxunto?

Basicamente a alteración da paisaxe é unha perda de biodiversidade. Como sinalei antes, un incremento das perdas de solo por erosión ao arrotear e destoconar as árbores en terreos de forte pendente, ademais dun consumo intensivo de agro-químicos e unha alteración do ciclo da auga.

ÚLTIMAS

8ª Andaina polo Corazón de Galicia, o 21 de abril en Chantada

O domingo, 21 de abril, celébrase a 8ª Andaina polo Corazón de Galicia, que...

Que acontece coas Unidades de Drogodependencias dos concellos?

Na última xuntanza dos concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia...

Xornadas Pacegas sobre as Revoltas Irmandiñas, o 6 e 7 de maio no Museo Pazo de Tor

O Museo Pazo de Tor acollerá os vindeiros 6 e 7 de maio a...

Prohibidas desde este luns as queimas agrícolas e forestais de particulares ata novo aviso

A partir deste luns, 15 de abril, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas...