InicioOpiniónDía 2 de corentena: cousas que nunca pensaras e agora pensas

Día 2 de corentena: cousas que nunca pensaras e agora pensas

Teño a sensación de que a maioría estamos igual ante a situación creada pola pandemia do coronavirus. Son xornalista, e fai días que estou pensando en cando comezou todo en Wuhan, China, o 1 de decembro do 2019 e a magnitude que agora está tendo. Estaba tan lonxe, pero unha sociedade hiperglobalizada favorece a rápida transmisión do virus e a medida lóxica para contelo, parece o illamento social.

Publicado o

- Advertisement -

Unha situación así enfróntase como cada un considere desde a súa responsabilidade individual e social e estou convencida de que, individualmente, a maioría cumpriría como corresponde, pero en “masa” funcionamos dun modo irracional e alimentamos o medo; a lo menos iso foi o que vimos nos casos de compras masivas/compulsivas e outros exemplos de alarma social.

En Monforte, onde vivo e traballo, pero serve de exemplo do funcionamento xeral, en canto que mentres non chegue aquí, non me preocupo; comezouse a falar do coronavirus cando salta a alerta en Italia. China estaba moi lonxe,… neste momento houbo xente que xa se comezou a poñer nerviosa. E máis cando chega a España, e o día 8 a Xunta anuncia 6 casos en Galicia.

No Xornal de Lemos a seguinte vez que falamos do coronavirus foi o 11 de marzo, nesa xornada comezaron a chegar comunicacións de cancelación de actos culturais e Enfermeiras en loita anunciaba que cancelaba a súa convocatoria do día 12 polo coronavirus, esa foi a información que demos.

O Presidente da Xunta declarou a emerxencia sanitaria e fixo un chamamento ao illamento social

O día 12 xa se anunciaba o peche das aulas para este luns día 16. O día 13 avanzamos o que ía acontecendo no sector comercio e hostalería; a hostalería en Monforte comezaba a pechar, os concellos comezaron a remitir bandos coas medidas de contención que tomaban e esa noite, o Presidente da Xunta declarou a emerxencia sanitaria e fixo un chamamento ao illamento social como medida de contención do virus.

Monforte centro día 2 corentena COVID / XdL

Nesta xornada, na do 13, o SERGAS confirmaba un caso de coronavirus nun traballador do Hospital Comarcal de Monforte. De China a Monforte en 3 meses e medio. O venres 13, data moi de película, como a situación; había confirmación oficial dun caso de coronavirus, pero había rumores de varios casos máis e comeza o estado de alarma social, pouco despois chegaría a sanitaria.

Esta situación é nova para todos, así que non pensei en ir a mercar o sábado, a fin de semana adiqueina unicamente a ver o que pasaba no mundo e aquí, co coronavirus; de ser algo lonxano na distancia e, co paso dos días case me atrevo a dicir, no tempo; a estar plenamente introducido nas nosas vidas, e de que modo!.

Cousas que nunca pensaras e agora pensas

Levaba toda a fin de semana na casa, pero este luns tiña que saír. Tiña que saír a mercar e ver como levaba Monforte o segundo día de corentena. Antes de saír estaba nerviosa, estaría facendo o correcto? Teño que manter a distancia e protexerme. Nunca pensei nas máscaras, pero ía a ir ao caixeiro e si pensei nos guantes. Tamén na fin de semana, sen saír da casa, me dei conta de que tocaba a cara moi habitualmente. Cousas que nunca pensaras e agora pensas.

A partir das 10:00 da mañá a imaxe era a prevista, menos coches e pouquiña xente pola rúa. Non era moi diferente dun domingo de inverno, a excepción dos bares e cafeterías pechados. Os establecementos pechados é o que máis se nota. No estanco estaban abertos, o que vín despachaba na porta, utilizábanse guantes e os clientes mantiñan unha cola de seguridade; nas ópticas non vín a ningúen. Pola rúa a xente procuraba non achegarse ao outro.

A rúa Cardenal, das zonas máis concorridas de Monforte tamén hoxe era a que tiña máis movemento, persoas de paso, nos caixeiros e os traballadores da empresa que está amañando a rúa. Cos establementos pechados os traballos nesta rúa non “interfiren” tanto.

Obras Cardenal Monforte día 2 corentena COVID / XdL

Cheguei a mercar a un dos supermercados do centro pouco antes das 11.00, había unha cola no exterior que mantiña a distancia de seguridade e ían entrando segundo saía alguén, despois deixáronnos entrar sen cola. En xeral, había de todo; papel hixiénico, nin pinga; pizzas poucas.  Todo os traballadores con guantes, noutros supermercados tamén levaban máscaras. Colles o carro e pensas nos guantes, que antes só poñías para coller a froita. A distancia de seguridade na caixa pareceume máis aleatoria, pero tamén me transmitiu certa normalidade,… pero iso é bo ou é malo?. Os supermercados en Monforte anunciaban por megafonía que adiantaban a hora de peche ás 20.00 horas, para poder repoñer.

Supermercado Monforte día 2 corentena COVID / XdL

Teremos tempo de ir aprendendo xuntos

Despois parei nunha pequena tenda de alimentación onde eramos tres que conversamos brevemente a unha distancia mínima de metro e medio.

Cousas que comentaron:

Isto está preparado para que cando apareza a vacina todos nola poñamos.

Como se lle pode impedir á xente andar en bici nun espazo natural?

Temos como mínimo para un mes!

Tamén nunha conversa telefónica, alguén me suxeriu que vía todo isto como algo provocado desde o comezo, para ver como resposta o planeta a unha ameaza mundial. Neste caso non sei se é provocado, pero si teño claro que a situación é unha proba como sociedade. Estes días de encerro serán importantes e darannos o tempo que moitas veces desexamos. Darannos o tempo para reflexionar sobre unha morea de cousas, sobre como vivimos como individuo e como sociedade. Isto acaba de comezar, así que teremos tempo de ir aprendendo xuntos.

Caixeiros Monforte día 2 corentena COVID / XdL

Un caos regulado para aprender

A Policía Nacional e a Policía Local pasan cada pouco polos supermercados e lugares onde se podería producir concentración de xente. Ao parecer, xa onte a policía enviou para casa a xente que paseaba pola cidade. Tiña pensado ir a ver á miña nai a aldea; non por necesidade, pero para pasar un pedazo con ela ata novo aviso, ou quizáis quedarme alí e non relacionarme máis que con ela. Que non fora unha “necesidade” fíxome quedar en Monforte, a conexión a internet para seguir traballando desde a casa é mellor.

Este domingo pola noite un amigo de Lugo, que ten unha empresa de transporte, que non transporta comida, non sabía moi ben que facer hoxe cos camións que tiña cargados:

-Pódese traballar, os camións están cargados, pero non sei se as tendas abren e os condutores non terán onde comer no traxecto.

Así foi, un dos camións quedou parado na neve, a maioría pudieron descargar, pero non comer; e outro queda en Madrid ata que a empresa receptora o descargue este martes.

Os amigos e coñecidos con fillos enfróntanse a días complexos. Nas cidades, en pisos, os nenos non entenden que non haxa clases, e que non se poida ir ao parque. Os días de encerro serán toda unha experiencia da que confío poidamos aprender. No campo os nenos poderían saír a correr ao redor da casa, cando o seguinte veciño está a 300 metros.

Estas situacións sacan o mellor e o peor de nós. Unha situación incómoda? si,… de consecuencias socieconómicas difíciles de imaxinar, que supón que sanitarios e administracións estean ao límite nunha actualización constante de protocolos,… Un caos regulado do que todos deberíamos de aprender moitas cousas sobre como vivimos e como melloralo.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...