HomeOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: As máscaras que te asfixian

Así viviamos hai un ano a pandemia: As máscaras que te asfixian

Confinados na casa faltouvos o aire? A min non, e coa máscara si. Asfixia esa incapacidade de respirar aire puro e ese respirarte a ti mesmo mentres se che abafan as gafas, co olor a hospital de fondo.

Publicado o

- Advertisement -

Diario de Corentena do 26 de abril do 2020:

Cando saímos da casa nesta crise sanitaria pídesenos que sexa por necesidade e mantendo o distanciamento social, usar luvas no caso de que sexa necesario e poñer máscaras nos casos nos que non se pode manter o distanciamento social. As máscaras apuntan a que van ser protagonistas do proceso de desescalada, cando case todos volvamos a estar na rúa.

O 25 de marzo no Diario de Corentena, cando o medo impregnaba todo e o peor estaba por vir: “Isto é unha locura, é un fracaso de modelo social,”dixéronme á outra banda do teléfono. “Este ten que ser tempo de reflexión sobre o propio capitalismo, sobre a globalización e sobre o modelo de produción e de sistema que temos, onde non somos capaces de producir mascarillas.”

Sanitaria atende a unha paciente de coronavirus (imaxe de arquivo). EFE

Hoxe, un mes despois, o Xornal de Lemos publicaba entrevista coa empresa de Taboada que antes da chegada do Covid19 a Europa vendía mascarillas a China. Desde Comercial Midaexplican que os seus provedores son nacionais e o 80% deles importan de China. Sobre a dependencia do xigante asiático afirma que aínda vai ser maior despois desta crise.

CON FALTA DE ALGO QUE NOS AFOGA

Non me tiña preocupado polas máscaras porque non había, e nas saídas ao supermercado procuraba manter as distancias. En China, cando comezaron a saír á rúa, todos o fixeron con máscara para non desencadenar un rebrote. E aquí ocurrirá algo parecido, e a semana pasada encarguei máscaras na farmacia. Recollinas o venres e mañá o concello de Monforte comeza o reparto a domicilio das máscaras entre a veciñanza empadroada.

A.B.

O caso é que onte pola mañá ía saír mercar e quixen ir de estrea coa máscara, a que teoricamente protéxete a ti e aos demais de ti; 9 euros, creo que foron. Púxena na casa antes de saír para ver que pinta tiña. Despois dun minuto tiven que sacala, pódese respirar, pero eu afogo. Confinados na casa faltouvos o aire? A min non, e coa mascarilla si. 

Saín á rúa, con ela no peto da cazadora para poñela antes de entrar ao super e mentres tanto poder respirar. Cando ía chegando e pensei en poñer a máscara, revolvéuseme o estómago e optei por non usala. De repente non fun capaz de entrar nin sen máscara e volvín para a casa sen mercar. Onte pola tarde volvina poñer e xa non me impresionou tanto, pero asfixia esa incapacidade de respirar aire puro e ese respirarte a ti mesmo mentres se che abafan as gafas, co olor a hospital de fondo.

Bosque autóctono de Galicia.

Claustrofobia?… e penso nos profesionais que as teñen que utilizar constantemente e en como as teremos que utilizar a partir de agora cando esteamos con xente. Esas mascarillas que asfixian porque chegan dun mercado globalizado que só responde a intereses económicos. E teremos falta de algo que nos afoga, pero que axuda a controlar o virus.

SEGUE O DIARIO, AGORA OS MARTES, XOVES E DOMINGOS

O 16 de marzo Xornal da Mariña, Xornal de Lugo e Xornal de Lemos iniciamos este Diario de Corentena. Os corenta días xa pasaron e hoxe os nenos comezaron a saír á rúa e a partir do día 2 maio, se todo segue estable, deixarannos saír a pasear e facer deporte, espero que sen mascarilla.

Pouco a pouco irase facendo a desescalada e nos xornais seguiremos acompañándovos co Diario, publicacións que agora se farán os martes, xoves e domingos.

ÚLTIMAS

Moito público e gran participación no Desfile de Martes de Entroido monfortino

Con máis de 1.300 participantes no Desfile de Comparsas e Disfraces e as rúas...

O Oso de Salcedo volveu facer das súas este luns

Arias felicitou á veciñanza de Salcedo polo seu traballo para preservar "un dos Entroidos...

1.300 inscritos na XII edición do Quiroga Trail Challenge

Pechadas xa as inscricións unhas horas antes da data límite por prazas esgotadas destácase...

‘Amandi. Un viño de cine’ anunciará a cita de Sober

O xurado, formado por técnicos municipais, elixiu entre unha vintena de propostas chegadas de...