IniciosociedadeDiario de Quiroga, o dixital que triunfa da man dun rapaz de...

Diario de Quiroga, o dixital que triunfa da man dun rapaz de 16 anos

Este medio dixital vén de cumprir un ano e pode presumir de competir en calidade cos medios de comunicación profesionais que cobren a información da Comarca de Quiroga. O artífice deste bo traballo é un rapaz de tan só dezaseis anos, amante da comunicación e que se chama Carlos Julio. Falamos con el para coñecer de preto este admirable fenómeno.

Publicado o

- Advertisement -

Para calquera xornalista que se prece é unha recompensa atopar xente tan nova, con tanto talento, tanta humildade e tan bo facer no que á comunicación se refire. Nós tivemos esta sorte, coñecer persoalmente a Carlos Julio, un rapaz de Quiroga ao que lle gusta comunicar, sabe facelo e recibe moitas felicitacións dos seus veciños e veciñas polo bo labor que fai en Diario de Quiroga desde hai xa un ano.

Este rapaz de tan só 16 anos empezou a coller práctica e interese polo xornalismo no proxecto “Escola de prensa” para centros escolares da provincia de Lugo impulsado por El Progreso e tamén facendo unha colaboración semanal para Radio Voz Valdeorras con tan só 14 anos. Dende o ano 2015 colabora coa Radio Municipal de Quiroga con colaboracións en tempadas de Nadal e no Verán e dende o 2018 con Fórmula FUN, unha radio musical moi asentada en Coruña. Recoñece que os temas de comunicación sempre se lle deron ben e foi avanzando por esa liña. Seguíndoa por simple afección, creou hai un ano o medio dixital Diario de Quiroga, xornal de moda que informa cada día da actualidade da Comarca de Quiroga e en galego.

Carlos Julio fai todo isto por pasalo ben, para divertirse e ofrecer aos seus lectores información actualizada do que acontece na contorna, sen máis ambición e, como el recoñece, “con protagonismo cero”. O xornal que creou cumpriu un ano hai pouco máis dunha semana e cando lle preguntamos por estatísticas sorpréndenos cos seguintes datos: no ano 2018 chegou ás 36.000 páxinas vistas pero no que vai de 2019 alcanzou xa as 25.000. Moi bos números e un gran traballo o deste rapaz que xa case lle debería convalidar para media carreira de xornalismo. Falamos con el e comprobamos que o refraneiro galego trabúcase con aquilo de “xente nova e leña verde, todo é fume”.

Á pregunta “que queres ser de maior”, que fuches contestando ao longo dos anos? 

A verdade é que cambiei moitas veces de resposta para esa pregunta ao longo dos anos. Unha das profesións que máis me gustaban de neno era ser médico.

A que te queres dedicar profesionalmente cando chegue o momento?

Encantaríame traballar en algo relacionado co mundo da comunicación, todo o relacionado coas redes sociais… mais en concreto sempre fun moito de radio, gustaríame poder traballar nela no futuro.

Carlos Julio na radio. Fonte: C.J.

Como chegas a facer radio e a redactar noticias e que experiencia tes no mundo da comunicación aos teus 16 anos?

Comecei na escola. Faciamos unha actividade na clase na que había diferentes grupos e cada un facía un programa de radio dunha temática diferente. O noso grupo facía deportes. A partir de aí comecei a interesarme pola radio e no verán de 2014 entrei en Radio Voz Valdeorras, alí realizaba unha sección semanal de novas e actividades da comarca de Quiroga. Dende hai un tempo tamén fago colaboracións periódicas coa Radio Municipal de Quiroga, que precisamente hai uns días celebraba o seu 25 aniversario e o pasado verán comecei a colaborar con Fórmula FUN, unha radio musical moi asentada na provincia da Coruña.

Que te leva a crear o xornal dixital Diario de Quiroga? Encher tempo libre, coller práctica redactando, probar cousas novas?

A idea de Diario de Quiroga naceu a partir dun blog que tiven antes, “Quiroga Xoga”, de información deportiva e que era parte dun traballo do instituto. Gustoume o formato e un día decidín comezar tamén co actual, xa pola miña conta. Cando estaba en Radio Voz vía como case ninguén se preocupaba pola información de Quiroga e había que buscala en moi diversas fontes, por aquel entón aínda non funcionaban dixitais como Xornal de Lemos. Por iso, recompilar toda a información da comarca era outro dos meus obxectivos. Diario de Quiroga non me proporciona ningún beneficio económico, para min é un pasatempo.

Autodidacta, ou tiveches algunha axuda para poder impulsalo e xestionalo? 

Autodidacta. Creo que a mellor aprendizaxe é o traballo en situacións reais. Mais sempre que teño a oportunidade de falar con algún profesional dalgún medio que me dá algún consello ou recomendación intento aplicalos para poder mellorar.

A lingua que empregas no dixital é o galego, por que escolliches esta e non o castelán?

Non o pensei, a verdade, saíume natural.

Diario de Quiroga acaba de cumprir un ano. Contabas co éxito alcanzado e con ter esta continuidade?

É algo que non pensara. Cando creei o blog non me marquei ningunha meta nin nada polo estilo. Estou moi agradecido con todas as persoas que me seguen nas redes sociais e que consultan as noticias. Ver como hai xente que valora o traballo que fago é a mellor recompensa.

Plans de futuro para este medio de comunicación?

A miña idea é continuar como ata o de agora. Xestionar o blog e as redes sociais de Diario de Quiroga xa consume unha parte do meu tempo libre, e por suposto a miña prioridade son os estudios, ademais tamén o teño que compaxinar co deporte e con saír cos meus amigos/as. Con todo, nun futuro non descarto ampliar algo a páxina, incluíndo máis seccións por exemplo.

Famoso xa na Comarca de Quiroga ou aínda hai xente que non sabe quen está detrás deste xornal dixital?

(Risas) Non, por suposto que non. Tampouco pretendía ser famoso nin nada polo estilo. Protagonismo ‘cero’, non oculto quen son pero tampouco o pregoo. Como dixen antes, para min é unha forma de divertirme ao tempo que intento aprender día a día para nun futuro poder vivir do xornalismo.

Algunha/s anécdotas que queiras comentar na túa traxectoria como Director e Xornalista de DdQ?

Destacaría a sorpresa que se leva a xente cando se decatan de que só un rapaz de 16 anos está detrás da páxina. E tamén as mensaxes que chegan ás veces felicitando a Diario de Quiroga, ver que recoñecen o teu traballo dálle a un forza para continuar adiante.

Que cláusula de rescisión tes por se te queremos fichar para Xornal de Lemos? 

Non teño representante, pero todo se andará (risas).

ÚLTIMAS

210.000€ para a mellora de tres estradas provinciais en Chantada e no Saviñao

No caso de Chantada, a Xunta de Goberno acordou licitar a mellor de dúas...

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...