IniciosociedadeEsculpindo en madeira con motoserra

Esculpindo en madeira con motoserra

Eugenio Linares, do municipio de Pantón, comezou a facer escultura en madeira hai 7 anos. Estaba na casa cortando madeira, probou a facer unha cabeza de cocodrilo e rematou facendo o cocodrilo enteiro.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Linares asegura que esa primeira experiencia lle pareceu sinxela e seguiu a elaborar máis esculturas, que comezou a coleccionar na casa e despois a vender. O colectivo dinamizador Segredos de Pantón conversou con el.

Que madeira adoita empregar?

Pódense empregar moitos tipos de madeiras cada unha coas súas vantaxes. As máis duras permiten máis detalles pero son máis complicadas de traballar. As brandas ao revés, máis sinxelas á hora de traballar pero non se poden facer tantos detalles. A miña favorita é a de cedro, que é unha combinación perfecta.

Precisa dunha motoserra especial?

Non. Cunha motoserra da que todos temos na casa podo facer o 99% da escultura. Aínda que grazas á miña colaboración con Arbogal podo acceder a todas as ferramentas de Husqvarna, non acostumo a traballar con elas excepto en exhibicións, xa que prefiro desenvolver un estilo de escultura que non me faga depender das ferramentas.

Como consegue tanto detalle?

Sorprenderíadesvos o detalle que podo conseguir coas puntas da espada da motoserra, ata eu cando comecei quedei sorprendido. Logo para detalles máis pequenos, emprego un cúter de papelería.

Eugenio Linares / Segredos de Pantón

Trala talla bótalle algún produto á madeira?

Depende do encargo en si, xa que se é para exterior precisará pero se é de interior non. Para o meu gusto prefiro que non leven ningún produto a maiores.

Pódese vivir desta práctica?

Si, pódese vivir disto. Sempre que sexas capaz da dar co nicho de mercado que cho permita. Pero sobre todo é importante ser versátil en canto ao produto que poidas ofrecer e que poidas ofrecer presupostos variados tamén, coa mesma calidade pero de menor prezo. Ao final a versatilidade é o segredo.

Cales foron os seus primeiros encargos e como os conseguiu?

Os primeiros traballos eran cousas que me apetecía facer e fixen. Ademáis tiña a sorte de vivir no faro de Estaca de Bares, e as fins de semana facía as esculturas e deixábaas fóra no xardín. Cando volvía á semana seguinte o meu pai dicíame que un turista mercara unha ou outra obra, foi así pouco a pouco que comecei.

Agora vostede realiza os seus encargos por medio da empresa de arboricultura “Arbogal”, que lle consegue traballos. Como foi posible este feito?

Con Arbogal comecei dende o primeiro día. O dono da empresa é moi amigo meu, e ademáis é embaixador da marca Husqvarna e cando fixen a escultura do cocodrilo e estaba a buscar xente para facer exhibicións, ao ver a miña obra gustoulle e xa fun contratado por eles. Tiven a inmensa sorte de poder estar respaldado pola marca máis potente do mercado como é Husqvarna e o respaldo dunha empresa como é Arbogal, de traballos de xardinaría, podas e trepas.

Eugenio Linares / Segredos de Pantón

Que tipo de encargos de esculturas son os máis frecuentes? E cales son cos que máis goza?

Os encargos máis frecuentes son temáticas de natureza, animais sobre todo, para os xardíns. Aínda que na maioría das veces conxenio a natureza co mobiliario. Xa que todo o mundo ao mellor non quere ter unha escultura pero si un banco, así que é moi freceunte que faga un banco cunha aguia por un lado. Ao final son obras únicas e orixinais, seguindo as peticións expresas do cliente. Co que máis gozo é facendo animais, encántame.

Co paso do tempo, que é o que máis lle gusta de estar desenvolvendo este traballo?

Sobre todo desfruto o trato ca xente, poder amosar o que fago onde vivo, mesmo conversar mentres estou a facer unha obra.

Uns dos produtos que máis fago son as denominadas demostracións en directo, xa que entre 1-2 días podo levar a acabo unha obra, e é algo moi visual polo tema das motoserras. Chámanme de media España, tendo traballos en Jaén, Cantabria, Catalunya, Euskadi, León… Contactan comigo de toda España pero, sen embargo, aquí onde vivo, é máis complicado. Entón, estar nunha feira facendo unha exhibición si que me gustaría para amosalo á xente e sobre todo aos meus veciños.

Unha obra de Eugenio Linares / Segredos de Pantón

ÚLTIMAS

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...

A Deputación urxe á Xunta a acometer o desdobramento da totalidade do corredor Nadela-Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar...