No acto de presentación en Bóveda, a candidata do Partido Socialista á alcaldía de Bóveda, Carmen Macía, estivo arroupada polo Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e a Deputada do PSOE por Lugo no Congreso, Sonsoles López Izquierdo.
Carmen Macía subliñou que “presentamos un equipo moi ilusionado que traballará para facer fronte ao desgoberno do Alcalde do PP que durante máis de 10 anos non fixo nada para que Bóveda teña un centro de día público. Actualmente os veciños téñense que trasladar a Concellos limítrofes porque o municipio non conta con dito servizo. Dende o PSOE cremos no estado do benestar e consideramos prioritario que Bóveda conte cunha dotación que resulta fundamental para os nosos maiores. Debe ser pública e de calidade, como sempre defendemos os socialistas e como se está a facer dende o Goberno da Deputación. Por iso, poremos en marcha o proxecto para construír o centro de día tan demandado polos nosos veciños”.
Noutra orde de cousas, os socialistas reclaman atención polo rural denunciando “o total abandono por parte do Alcalde e dos concelleiros do PP” e lembran que “os veciños das parroquias de Bóveda contan cunhas prestacións moi precarias”. Prometen de cara ás municipais mellora nos accesos para facilitar a actividade agrícola e gandeira e a construcción progresiva de saneamentos públicos, con infraestruturas de calidade e a ampliación da limpeza nas parroquias.
Outros temas que levan para o programa de goberno son a redución do IBI, Imposto de Bens Inmobles, medidas para abaratar os custos de produción das explotacións gandeiras e a creación dunha bolsa e emprego municipal para facilitar as posibilidade de emprego e fixar poboación no concello.
Pola súa banda, Santos Ramos e López Izquierdo, puxeron en valor os investimentos achegados dende o Goberno da Deputación para a mellora dos servizos públicos do Concello de Bóveda. Segundo eles os recursos económicos que chegaron superaron o millón de euros.
Para rematar, a candidata socialista salientou que “somos un equipo forte e sólido, que combina experiencia e xuventude, comprometido con Bóveda. Somos 11 veciños/as que nacemos e vivimos en Bóveda e que cremos nas oportunidades do municipio. Queremos ser a alternativa as políticas retrógradas do PP”.
As persoas que integran a lista son: María del Carmen Macía Rodríguez, Roberto Carlos Piñeiro Pacio, Gonzalo Fernández Carreira, María Carmen Carballada Rodríguez, Jesús González Carballada, José Manuel González Losada, María del Carmen González García, Manuel Fernández López, José López Castro, Cristina Pereiro Rodríguez e José Casas Franco.