HomesociedadeCartel sobrio para presentar "un Festival que se concibe como un evento...

Cartel sobrio para presentar “un Festival que se concibe como un evento de degustación e non como un botellón”

O museo do Centro do Viño da Ribeira Sacra foi testemuña hoxe, 7 de xuño, da presentación do cartel oficial do 'Festival do viño da Ribeira Sacra de Monforte', evento que chega á súa terceira edición. O alcalde de Monforte lembrou a idea de presentar este festival como evento formal e de degustación, evitando dar imaxen de botellón.

Publicado o

- Advertisement -

Tras a falta de entendemento co Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, o Concello de Monforte decidiu impulsar a organización do festival vitivinícola deste ano en solitario. O evento terá lugar no paseo do Malecón da cidade do Cabe os vindeiros 5, 6 e 7 de xullo e a presentación da imaxe oficial do mesmo correu a cargo do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, quen estivo acompañado pola tenente de alcalde do Concello, Gloria Prada, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada.

A deseñadora que se encargou da imaxe gráfica do cartel foi a artista coruñesa Teresa Candal, licenciada en Bellas Artes, na especialidade de Deseño Gráfico con máis de 10 anos de experiencia. Ademais de deseñadora é pintora e xa colaborou no deseño do cartel do festival nas edicións anteriores.

O Alcalde explicou que “o cartel que finalmente seleccionamos de entre as propostas que nos fixo Teresa, é porque transmite unha imaxe sobria, serena. A autora, ideou un cartel dirixido a un público que desfruta do viño ou que ten curiosidade polo mundo do viño, tanto da xente do rural como do urbano.”

En canto á composición do mesmo, moi sobria e tendo como base unha fotografía, destaca unha copa de viño elegante co gravado do escudo do Concello de Monforte e o texto “viños da Ribeira Sacra”. Como color destacado emprégase o violeta Sacro ou burdeos, en alusión á Ribeira Sacra, aos seus viñedos, mosteiros e lugares de culto. No cartel tamén figura información textual co nome do Festival, as actuacións e actividades programadas, as datas e o lugar do encontro, así como os logos do Concello e Deputación de Lugo, organizador e colaborador respectivamente.

Cartel oficial do evento

O Alcalde aclarou que os detalles definitivos do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2019 daranse a coñecer coa presentación do programa nos vindeiros días e engadiu que se mantén a idea de presentalo como un evento de degustación, dentro dun ambiente tranquilo, familiar ou de grupo, dentro dun turismo de calidade e ‘non como un botellón’.

Xornal de Lemos interesouse pola decisión de facer o cartel integramente en galego e non en castelán como en anos anteriores. Lembrouse ademais que o tema xerou queixas e certo debate nas redes sociais, sobre todo o pasado ano. O Alcalde foi claro e directo afirmando que non houbo dúbidas neste tema e fíxose o encargo do mesmo en galego pois “limitámonos a cumprir coa Lei de Normalización Lingüística igual que o facemos no resto de actividades administrativas e institucionais do concello”.

ÚLTIMAS

Quiroga viaxa a Santiago o 18 de xaneiro para ver “Memorias dun neno labrego”

A obra que se representará é “Memorias dun neno labrego”, baixo a dirección e...

13.600€ na rehabilitación da Fonte de Piñeiro en Bóveda

O Goberno local solicitou unha axuda para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinada...

Unha vintena de titulacións universitarias de Galicia serán distinguidas este ao co selo de excelencia

A Xunta informou de que este ano unha vintena de titulacións universitarias de Galicia...

Éxito do Mercado de Nadal de Pantón que abrirá os mercados da comarca na primeira fin de semana de decembro

O Concello de Pantón abría o Mercado a profesionais na decoración de Nadal, nas...