O voceiro municipal do BNG, Emilio J. Sánchez, asegura que en distintas rúas de Monforte aínda hai beirarrúas estreitas, desniveis, obstáculos e pasos de peóns con pouca iluminación ou sinalización insuficiente, “Nalgúns puntos, a falta de espazo ou de rebaixes obriga a baixar á calzada para seguir o percorrido. Son situacións que afectan especialmente ás persoas maiores, ás persoas con discapacidade ou mobilidade reducida e ás familias que se desprazan con carriños de bebé”.
A moción tamén propón establecer zonas de preferencia peonil nos puntos que o precisen, previo informe da Policía Local. O BNG pide que se revise en particular o itinerario entre o Campo de San Antonio, a rúa Méndez Casal e a Ponte Medieval, atendendo á continuidade dos percorridos accesibles, á localización e á iluminación dos pasos de peóns e á separación entre o tráfico e as persoas que camiñan.
Emilio J. Sánchez destaca que “actuacións como retirar un obstáculo, rebaixar un bordo ou mellorar a iluminación dun paso de peóns poden facilitar os desprazamentos do día a día” e pídelle ao concello que á hora de decidir onde actuar primeiro, “teña en conta os criterios técnicos e escoite as persoas e os colectivos que atopan máis dificultades para moverse por Monforte”.

