Homesociedade“Foi aquí en Monforte, cando eu cantei por primeira vez diante dun...

“Foi aquí en Monforte, cando eu cantei por primeira vez diante dun público que non fose a xente da miña familia e do meu pobo”, Lucía Pérez

A pregoeira das Festas Patronais monfortinas lembrou os seus comezos artísticos e as vivencias que a unen á cidade. Aproveitou tamén para reivindicar o papel da Ribeira Sacra e das mulleres.

Publicado o

- Advertisement -

O tradicional pregón dende o Casa do Concello, onte domingo 11 de agosto ás 20:30 h., encetou oficialmente a semana das Festas Patronais diante dunha nutrida asistencia que se congregou alí para escoitar de primeira man as palabras da protagonista, Lucía Pérez.

No discurso previo á intervención da pregoeira, José Tomé presentouna como “unha gran artista, recoñecida en Galicia, en España e no estranxeiro, principalmente en Hispanoamérica”, e dixo tamén que ademais de ser do concello veciño do Incio tiña moita relación con Monforte e que era moi querida polos monfortinos e polas monfortinas.

Público asistente ao pregón. Foto: Prensa Concello de Monforte

Respecto ao pregón, Lucía Pérez trufou a lectura do mesmo con cancións e poemas, e como ela mesma recoñeceu neses momentos “non vos engano se vos digo que eu son máis de cantar que de falar…”

Ao longo da súa intervención foi deixando constancia das vivencias que a relacionan con Monforte: cando viña de nena ás festas ou coas súas curmáns as fins de semana ás piscinas e despois comían un bocata no Nº 6; e tamén cando xa de adolescente gozaba do ambientazo da Rúa Duquesa nas Festas de Agosto. Seguindo coas lembranzas recoñeceu que “foi aquí en Monforte, cando eu cantei por primeira vez diante dun público que non fose a xente da miña familia e do meu pobo”. Neste punto referiuse ao concurso da Discoteca Idea no que imitou á mítica Rocío Jurado e aos concursos de karaoke infantil que retransmitía a antiga TV7, “O voso ritmo”, presentados por Rafa Aguiar de Radio Principal Monforte Cadena Ser. Nun deses concursos foi onde gañou o seu primeiro premio por cantar.

Para Monforte tamén houbo agradecementos polas repetidas oportunidades que lle brindou nos comezos da súa carreira profesional, dende a actuación na explanada da Compañía en agosto de 2011, despois de ter representado a España no Festival de Eurovisión, e outras posteriores, na praza de España e hai un ano outra vez na Compañía.

No discurso tamén aproveitou para mencionar a Ribeira Sacra e presentala como un dos lugares máis atractivos de Galicia e camiño de ser “Patrimonio da Humanidade”, para citar intelectuais como Lois Pereiro ou Manuel María e mulleres de referencia monfortinas como María Emilia Casas Baamonde, primeira muller que alcanzou a presidencia do Tribunal Constitucional, e Saleta Fernández, atleta internacional de éxito.

Como remate, e poñéndose ela como exemplo de clienta de varios comercios monfortinos, convidou a todos e todas a apoiar o comercio local para manter viva a cidade.

ÚLTIMAS

O músico Sergio Alba presenta “Dous rombos… pasa para a cama!”

O vindeiro 17 de abril, o intérprete con alma de cómico Sergio Alba, presenta...

Prohibidas as queimas forestais e agrícolas de particulares

Quedan fóra da prohibición as queimas prescritas que executa o Servizo de Prevención e...

Ata o 25 de abril pódense solicitar as axudas para a colleita en verde

Estas axudas están dotadas cun orzamento de 600.000€ do Fondo Europeo Agrícola de Garantía...

O Multiusos de Monforte acolle este 10 de abril a representación de “Mulleres que viven soas”

Representarase a obra, Mulleres que viven soas, da compañía Berrobambán, obra escrita por Paula...