HomeEn profundidadeOs Ministreles: “Nalgunha parroquia xa é o cuarto ano consecutivo que acudimos”.

Os Ministreles: “Nalgunha parroquia xa é o cuarto ano consecutivo que acudimos”.

Esta formación musical, que comezou como cuarteto tradicional e seis integrantes, alcanza hoxe os quince compoñentes. Aínda que din ser de Monforte de Lemos, porque é onde ensaian, máis da metade do grupo son dos concellos veciños: Pantón, Sober, A Pobra do Brollón, Chantada, Bóveda e o Courel. Falamos con eles en profundidade.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

“Somos un pequeno grupo de amigos unidos pola música tradi, porqué o noso único fin e manter viva a tradición”, esta é a carta de presentación desta agrupación con “base operativa” en Monforte que conta con compoñentes de toda a contorna. Tanto é así que máis da metade do grupo son dos concellos veciños: Pantón, Sober, Pobra do Brollón, Chantada, Bóveda e incluso do Courel.

Os Ministreles comezaron a súa andaina como tales no 2022, na 10ª edición dos Cantos de Taberna da Pobra do Brollón, e dende aquela a súa sona e os bolos que teñen van a máis. “A nosa axenda cada ano é máis completa, e diso non cabe dúbida. Agora mesmo temos varias asociacións e entidades locais que se puxeron en contacto con nós para a súas festas do próximo ano, incluso nalgunha parroquia xa é o cuarto ano consecutivo que acudimos; nós sempre dicimos, que onde imos repetimos”, comentan.

Falamos co grupo para coñecer a súa historia e traxectoria máis polo miúdo.

Como nacen os Ministreles e en que ano?

Os nosos comezos foron ao abeiro doutra Asociación Cultural. Naquel tempo, formabamos parte do grupo Amigos da Pandeireta de Monforte, e o 9 de decembro do ano 2017 decidimos participar na 7ª edición dos Cantos de Taberna da Pobra do Brollón. Alí prendeu a semente da nosa paixón polos Cantos de Taberna.

Despois veu a Covid-19, e un tempo de “reflexión” ata que no ano 2022 celebrouse a 10ª edición dos cantos da Pobra e decidimos apuntarnos, agora si, co nome “OS MINISTRELES”.

Cal diriades que é o voso labor como grupo? Contades con local propio?

Somos un grupo moi constante, xuntámonos tódalas semanas para facer un ensaio de dúas horas, que nos serve para repasar o cancioneiro popular, e ao mesmo tempo facemos un labor de escolma de cantigas e coplas que pouco a pouco imos introducindo no noso repertorio.

Non temos local en propiedade, posto que somos unha moi pequena Asociación Cultural sen ánimo de lucro e de nova creación, e sería inviable poder adquirir ou alugar un local que se adapte ás nosas esixencias. Agora mesmo tódolos compoñentes tamén formamos parte doutra asociación que é a que nos facilita as instalacións para poder facer os nosos ensaios semanais.

Cantos compoñentes empezastes e cantos sodes na actualidade?

Cando comezamos eramos un cuarteto tradicional, dúas gaitas, un tamboril e bombo, o pouco tempo comezaron dúas pandereteiras e pasamos a ser 6 integrantes no grupo. Ao longo da nosa pequena historia pasaron diferentes persoas polo noso lado, das que temos un moi bo recordo, e dende aquí mandámoslles moitas apertas.

Hoxe en día somos 15 os compoñentes e aínda que “dicimos” que somos de Monforte de Lemos, porqué facemos os ensaios alí, a realidade e que máis da metade do grupo somos dos concellos veciños: Pantón, Sober, A Pobra do Brollón, Chantada, Bóveda e incluso do Courel.

Un grupo tradicional de música ou tamén de baile?

A realidade é que nos identificamos cun grupo de música; agora mesmo somos dous gaiteiros, un bombo e tamboril, tamén tres pandeiretas, cunchas e dous tipos de voces. E temos un repertorio de canción tradicional moi coñecida, temas por exemplo, Carmiña Carmela, A saia da Carolina ou o Sancristán de Coimbra, entre outras moitas.

Pero tamén é verdade que somos moi festeiros e a todos nos gusta moito bailar, e claro, non somos capaces de resistirnos a botar un baile alí onde nos atopemos. Como dixemos ao principio, o noso único fin e manter viva a tradición cultural galega e sempre animamos a xente a cantar e botar un baile con nós.

A nosa vestimenta e moi colorida, distínguesenos ben cando imos os Cantos de Taberna porqué somos o único grupo en toda Galiza que imos vestidos con traxe tradicional galego cotián e de faena. Levamos sombreiros, panos de mil cores, zocos con calcetíns de lá, faixas de colores, e saias ata os pes con mandil, facendo un espectáculo visual moi chamativo.

“o noso único fin e manter viva a tradición cultural galega e sempre animamos a xente a cantar e botar un baile con nós”

Considerades que está valorada dabondo a música tradicional polas comisións de festas e as institucións?

Bueno… esta é unha pregunta complicada, porque na nosa traxectoria encontramos de todo, xente apaixonada da nosa cultura que lle encanta o que facemos e outros que só buscan un recheo para ese rato que queda entre a misa e o dúo que contrataron para a sesión vermú.

E dentro das institucións públicas pois pasa un pouco o mesmo. Atopamos algúns concellos nos chaman para ser o referente musical dun pequeno festexo, outros din que é para facer algo de “ruído” e tamén temos concellos ben achegados que aínda non nos chamaron nin se puxeron en contacto con nós.

Estades no programa Tradigalu da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que vos parece a iniciativa?

En efecto, aquí si que temos unha postura clara. Este é o primeiro ano que participamos neste programa e démonos conta que a súa máxima é protexer aos músicos tradicionais prohibindo abusos repetitivos que viñan acontecendo en moitos lugares, tales como exceso de horarios, mal remunerados ou incluso ter que facer o espectáculo en malas condicións como exceso de frío, sol, choiva, montados nun remolque sen seguridade, etc.

“Este é o primeiro ano que participamos neste programa e démonos conta que a súa máxima é protexer aos músicos tradicionais prohibindo abusos repetitivos que viñan acontecendo en moitos lugares”

Gustaríanos agradecer a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, publicamente a súa implicación nesta protección tan especial.

Adoitades ir a cantos de taberna e festas ou tamén a outro tipo de eventos?

Os Ministreles somos un grupo de cantos de taberna, iso é indiscutible, e o que nos gusta é o que queremos facer. Pero tamén é verdade que os cantos de taberna non son retribuídos e para acudir a eles dispoñemos dunha serie de gastos que moitas veces non se teñen en conta, como é o transporte, a manutención, en ocasións necesarias a pernocta, vestiario, instrumentos e moitos outros; que para unha pequena asociación os gastos de quince persoas poden ser inasumibles. A nosa maneira de cubrir eses gastos e indo a outro tipo de festas ou eventos que si son remunerados para compensar os gastos xerados.

O prototipo de festa que se adapta ao noso espectáculo é unha festa pequena tradicional galega comprendendo dende a festa do santo patrón de aldea, alboradas pasarúas e sesións vermú, pasando por magostos, pancetadas e feiras do viño e ata cantos de Nadal, cumpreanos ou incluso entroidadas cos nosos correspondentes disfraces.

Os Ministreles nun Entroido. Foto cedida por eles.

É cada ano máis completa a vosa axenda, verdade? Como está indo este 2026?

A nosa axenda cada ano é máis completa, e diso non cabe dúbida. Agora mesmo temos varias asociacións e entidades locais que se puxeron en contacto con nós para a súas festas do próximo ano, incluso nalgunha parroquia xa é o cuarto ano consecutivo que acudimos; nós sempre dicimos, que onde imos repetimos.

Os Ministreles ao pé do lume no Incio. Foto cedida por eles.

Pero para nos tamén é moi importante coñecer lugares e xente nova, por iso imos a lugares tan dispares como: A Illa de Arousa, onde fixemos unha grande amistade coa xente de Sondailla Arousa ou a Navia de Suarna, onde alugamos unha casa rural impresionante e moi económica para pasar a noite despois dunha longa xornada de cantos. Pero ben certo é, que os integrantes somos xente que temos traballo e familiares a cargo, polo que non dispoñemos do tempo necesario para atender tódalas actuacións que apareceron ao longo do ano, agora ben, tamén estamos orgullosos de que nunca faltamos á nosa palabra e onde dixemos que iamos, fomos.

Os Ministreles nos Cantos de Taberna da Illa de Arousa. Foto cedida.

Por certo un ano este no que constituístes como asociación cultural, que supón para vós este paso?

Constituírnos como Asociación Cultural sen ánimo de lucro non foi sinxelo, dende logo é un trámite que fomos aprazando pola súa complexidade. Tivemos que darnos de alta en facenda, no rexistro de asociacións, cumprir con requisitos bancarios, emitir facturas… E claro isto aparte de ter que precisar do asesoramento dunha xestoría é un traballo persoal, e gasto económico importante, que temos que sufragar entre os membros da asociación coa nosa cota mensual.

Algunha ou algunhas anéctotas curiosas destes anos de actividade percorrendo vilas e eventos trouleiros?

Esta clase de preguntas encántannos xa que nos fan lembrar momentos incribles que pasamos todos xuntos. No último ensaio, cando nos xuntamos para responder esta entrevista, saíron anéctotas que algúns xa non recordábamos, e foron as risas revivindo aqueles momentos. Unha delas, cando fomos á festa do Botelo e cantos de taberna no Barco de Valdeorras e rematamos cantando nun karaoke do Malecón ás cinco da mañá, ou o ano pasado, cando á volta dos cantos de taberna de Trives rematamos xa case con día no Festival do Castro bailando a muiñeira a ritmo de tecno cos Festicultores… Estas foron moi graciosas pero tamén tivemos algunha non tan graciosa, como cando nos parou o coche no medio da autovía de camiño á Illa de Arousa e íamos todos vestidos de gaiteiros coas maletas.

En fin… E outras moitas que darían para escribir un libro.

“á volta dos cantos de taberna de Trives rematamos xa case con día no Festival do Castro bailando a muiñeira a ritmo de tecno cos Festicultores”

Que lle pedides o ano 2027?

Polo momento non podemos pedir nada porque somos un “grupo superunido e con moi bo rollo entre nós”, nas actuacións pasámolo en grande e disfrutámolas a tope.

Pero se tiveramos que pedir algo ao 2027 sería a creación dunha escola-obradoiro onde puideramos ensinar gratuitamente aos nosos veciños e veciñas o folclore da nosa terra, o baile, o canto e a música tradicional.

E para despedirnos gustaríanos dicirlle a todos os lectores que poden seguirnos en redes sociais: Facebook e Instagram.

Ceas en grupo dos Ministreles. Foto cedida.

ÚLTIMAS

Rueda enche no mitin de Monforte e visita a feira de Chantada

Rueda lembrou en Monforte que Lugo foi na anterior convocatoria das Eleccións Xerais, en...

O programa “Lugo de corazón a corazón” leva aos concellos da provincia a formación en prevención cardiovascular

O programa, que conta co apoio da Deputación de Lugo, busca facilitar o acceso...

Tres feridos nun accidente entre dous coches en Sarria

Segundo informou o 112 Galicia, un particular deu aviso deste accidente arredor das 20.00...

Este 22 de novembro ás 18:00 na casa da cultura de Monforte, maxia para público familiar na programación do 25-N

Esta actividade enmárcase na campaña “Monforte en negro contra as violencias”, organizada polo Concello...