InicioCultura"Cando as dúas beiras do Sil tiñan viñas, o viño non chegaba",...

“Cando as dúas beiras do Sil tiñan viñas, o viño non chegaba”, Arturo Ceide, pintor

"Na Ribeira Sacra, cada época na que vaias ten as súas luces e as súas cores diferentes. Non ten nada que ver o outono coa primavera. Cando hai néboas é diferente a cando chove e cando fai sol, ten outra luz. E logo a pedra das igrexas, a luz que se reflicte nelas é diferente en cada época do ano." Falamos co pintor, Arturo Ceide, que ten no Centro do Viño da Ribeira Sacra a mostra de acuarelas, 'Ribeira Sacra e outros Patrimonios da Humanidade'.

Publicado o

- Advertisement -

O pintor monfortino, Arturo Ceide, expón acuarelas da Ribeira Sacra e outros Patrimonios da Humanidade no Centro do Viño da Ribeira Sacra. A mostra, que se abre tamén, á tapería do Centro do Viño, conta con 30 obras que se poden visitar ata o 20 de xaneiro. Este é o cuarto traballo de Ceide tendo como protagonista este territorio. Falamos co artista sobre a exposición e o camiño da Ribeira Sacra cara ser Patrimonio da Humanidade.

Ribeira Sacra e outros Patrimonios da Humanidade, a onde nos levas de viaxe?

Á Ribeira Sacra, Venecia, A Toscana, Edimburgo,… outros Patrimonios da Humanidade nos que eu estiven. Ás veces pintaba alí e ás veces tomaba bosquexos. É unha motra de acuarela figurativa sobre papel, incluíndo á Ribeira Sacra xa como Patrimonio da Humanidade. Á falta de que a Unesco o conceda, o demais xa está. É unha homenaxe ao capital humano da Ribeira Sacra e a un territorio con centos de anos de historia. Non é unha casualidade que todo isto estea aquí.

Arturo Ceide pintou as acuarelas este ano?

Deste ano é un 40% da obra. Aquí utilizo a acuarela porque non vou mesturar a arte figurativa, neste caso, coa abstracción, por exemplo; sobre todo por espazo. En exposicións anteriores da Ribeira Sacra, utilicei técnicas mixtas sobre táboa, acrílico,…

Exposición Ribeira Sacra e outros Patrimonios da Humanidade / XdL

Ribeira Sacra tenlle que envexar algo aos outros Patrimonios da Humanidade que coñeces?

Todos son bos, cada un reúne as súas condicións, non se trata de comparar, trátase de aproximar. Cada un ten as súas características e todos son importantes. Por que a Ribeira Sacra está á beira de Florencia? Estou a aproximar.

Comecei no 2010 con Ribeira Sacra. Fixen Luz, auga e Ribeira Sacra, Ribeira Sacra e outras luces, RibeiraSacra e outros patrimonios e, agora, Ribeira Sacra e outros Patrimonios da Humanidade. A declaración para esta zona sería importantísima, eu coñezo patrimonios ligados ao viño como a Toscana baixa e o desenvolvemento turístico e cultural destas zonas é impresionante.

Ribeira Sacra como motivo de inspiración. Seguirala pintando sempre?

Non sei. Depende das condicións climatolóxicas, vén unha primavera agradable ou chove, porque se pintas no campo… A ribeira é un espazo moi aberto non é como unha paisaxe castelán que só che dá a oportunidade de pintala no verán co dourado dos trigos e cando se recolle, pero é que na Ribeira Sacra, época na que vaias ten as súas luces e as súas cores diferentes. Non ten nada que ver o outono coa primavera. Cando hai néboas é diferente a cando chove e cando fai sol, ten outra luz, e logo a pedra das igrexas, a luz que se reflicte nelas é diferente en cada época do ano. Para esta mostra tiven que facer bosquexos previos, apuntamentos de luz, fotografías. A acuarela din que se pinta coa cabeza, pintala píntase rápido porque ou pintas rápido ou non funciona. Tela que ter moi pensada e traballada.

Exposición Ribeira Sacra e outros Patrimonios da Humanidade / XdL

Cando te ven pintando na ribeira, que che din?

Cóntanme moito. Un contoume que tiña 90 anos e que o seu pai pescaba salmóns e lampreas e anguías, lembraba todo sen láminas de auga como está agora. No Sil collíase de todo, xa Plinio o mozo di nun escrito que os traballadores dos auríferos do Sil queixábanse aos capataces de que non querían comer salmón dúas veces á semana. Salmóns que non viñan de Noruega, jajajajaj. Eu mesmo lembro pescar anguías no Sil. E todo iso desapareceu. Desapareceron os froiteiros, probablemente batracios, paxaros,… Estaría ben coñecer todo o que aquí había antes dos encoros.

Que máis cousas che contaron?

Estaba a pintar deste lado e estaba a ver a parte de Ourense, que se te fixas aínda que hai bosque vense os socalcos;… e vén un home de 90 e tantos anos e pregunteille se se acordaba das viñas na outra beira do río. Dixo que si, que estaba todo cheo de viñas, que había moito viño, pero que non chegaba a nada.

Todo cultivado, sen nada a monte, non chegaba. Por que?, pregunteille, e explicoume que en Vilachá de Doade, de onde el era, agora vivían 5 veciños, pero eran 300. 300 persoas funcionando no campo co viño como alimento. O consumo era moi alto, díxome, que o viño non chegaba a nada. Non chegaba porque eran moitos.

Cóntanme que nunca granizaba, que non había as néboas que hai e que non había que botar os produtos que se botan agora. Cambio climático, os encoros… cambian os ciclos, antes na ribeira non entraban as tormentas nin as néboas. Por todo iso a exposición é unha homenaxe ao capital humano da Ribeira Sacra. Por toda a riqueza  que está baixo a auga. Os froiteiros antes dos encoros, o agricultor e o gandeiro que ten que vivir diso, o clero que constrúe porque o viño fai falta, os viticultores…

Exposición Ribeira Sacra e outros Patrimonios da Humanidade / XdL

Como convidamos á xente a visitar a mostra?

Todo o mundo di que ten tanto interese pola Ribeira Sacra,… hai xente que a ama de forma bucólica, o amor que eu teño pola Rineira Sacra, din. Que veñan a vela porque poden ver a Ribeira Sacra concentrada e á beira doutros lugares moi interesantes, que son Patrimonio da Humanidade. Espero que a xente que a vexa, pense e recapacite sobre a importancia que ten a Ribeira Sacra e o capital humano que a fixo que é moi importante, agricultores, gandeiros, viticultores, canteiros, ou o clero;  con esas pendentes e esas distancias.

Inauguración exposición Ribeira Sacra e outros Patrimonios da Humanidade / Onda Cero Monforte

ÚLTIMAS

A Xunta tamén colaborará co ‘Campionato de España de Taekwondo’ de Monforte

A Xunta vén de anunciar que colabora co Campionato de España de Taekwondo, que...

Axudas para a reconversión da viña e ‘Día do viño DO’

No DOGA do 26 de marzo publicábase a Orde da Consellería do Medio Rural,...

Intenso mes de actividade deportiva en Prodeme

Este mes de maio a asociación Prodeme levará a cabo unha serie de actividades...

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra oponse á instalación de Altri en Palas de Rei

Segundo apunta a Federación, "o proxecto de macrocelulosa busca obter inxentes fondos públicos, por...