Homesociedade"Medo ao rexeitamento cando ves que a túa condición non é igual...

“Medo ao rexeitamento cando ves que a túa condición non é igual da do veciño”, Paul Hugo

"Estamos educados para xulgar todo, catalogalo e cada un no noso andel coa nosa etiqueta; e se non estás incluída nese andel, como non teñen onde meterte, bótante. É un pouco así, temos que seguir pelexando por isto." Paul Hugo de AQde Galicia, Asociación lgtbiq de Galicia

Publicado o

- Advertisement -

AQde Galicia, Asociación lgtbiq de Galicia nace en abril do ano 2019, con sede social en Lugo, a asociación ten ámbito galego. A asociación nace coa intención de dar visibilidade a todos os colectivos de homosexuais, lesbianas, bisexuais, transexuais,… e para “dicirlle á xente que toda esta xente existe e axudar ás persoas que pola súa especial situación estean en circunstancias máis difíciles, para normalizalo o máis posible,” comenta Paul Hugo Arias, secretario de administración da asociación. Conversamos con el.

Agora mesmo que é AQde Galicia?

É unha asociación de recente creación de ámbito galego que quere traballar para corrixir os déficits que hai en canto a igualdade de xénero principalmente, en canto a actitudes. Queremos traballar nisto con actuacións que dean visibilidade a este tipo de temas. Agora somos unha trintena de persoas porque estamos arrincando. Contactando con outras asociacións, completando trámites administrativos, porque custa sangue, suor e bágoas que che dean un papeliño. Temos de presidente a Daniel Mourín e imos comenzando.

Esperades que a situación do voso colectivo mellore co novo goberno?

Home si, por suposto. Vendo o que había de atrás, se nos caese calquera outra cousa sería moito máis difícil. Vémolo en cidades grandes onde gobernan outros partidos, que as cousas están máis difíciles. Esperamos que cun goberno progresista este tipo de situacións melloren. Hai novas leis específicas que está previsto aprobar.

AQde Galicia

Que seguides vendo que pasa?

Vémolo todos os días na televisión, por exemplo co tema do machismo,… Aínda que avanzamos moito e somos a envexa de moitos países nese sentido, quédanos moito, porque hai moita xente que pensa que somos enfermos, que só nos poden dar fillos se son os atrasados que ninguén quere, e cousas así. Aínda hai xente que pensa así, máis da que parece. Vémolo tamén nos medios, que segue habendo actos de homofobia e hai que seguir traballando nestas cousas.

Considerádesvos castigadas/os?

Castigadas/os non, pero si un pouquiño esmagados, supérannos un pouquiño algunhas situacións. Non é fácil saír, no caso de moita xente, dar a cara e facerse visibles sen ningún problema, igual que calquera outra persoa; que non teñas que poñer o xénero ou a túa situación sexual para facer nada,… aínda costa.

A quen está pensando dar o paso de dicir a súa condición sexual, que lle dirías?

Depende de en que condición e circunstancias estea. Hai casos no rural nos que dar ese paso é difilisimo. Persoalmente é moi complicado, xa desde os teus pais, tes medo á reacción dos demais. Nas cidades hai un pouco máis de sensación de liberdade de poder decidir. Pero sobre todo o medo ao rexeitamento é o que a maioría sinte cando alguén ve que ten unha condición que non é a mesma que ten o seu veciño.

Unha condición sexual nácese con ela ou faise?

Entendo que hai de todo. Os científicos igual poden dicir algo algún día, non o sei. Non ten importancia. Nas situacións persoais, ás veces estás dun lado, e nun momento dado pódeste dar conta de que estás do outro lado, e non pasa nada.

Estamos educados para xulgar e etiquetar todo?

Para xulgalo, catalogalo e cada un no noso andel coa nosa etiqueta e se non estás incluída nese andel, como non teñen onde meterte, bótante. É un pouco así, temos que seguir pelexando por isto. Ás veces tamén connosco mesmos, que etiquetamos demasiado e iso pode dar lugar, precisamente a unha separación que non ten lugar. Todos somos seres humanos.

Para contactar con vós tedes o correo aqdegalicia@gmail.com e a web AQde Galicia, que esperas deste ano para a asociación?

A min gustaríame que a asociación funcionase, se fora movendo, que rulara, como se adoita dicir. E con facer algo que axudase a alguén eu xa estaría satisfeito,… ese inmigrante que ademais da súa situación de inmigrante, ten unha condición sexual que lle limita,… Axudar a unha persoa sería un éxito.

AQde Galicia

ÚLTIMAS

A aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas do rural no Nadal

As decoracións de Nadal a nivel particular e a nivel público semella que van...

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...