HomePolíticaUnanimidade na Cámara para reclamar melloras na estrada N-120 entre Monforte e...

Unanimidade na Cámara para reclamar melloras na estrada N-120 entre Monforte e Ourense

A oposición critica que o PP realice "demandas de cuestións que non fixeron mentres gobernaban".

Publicado o

- Advertisement -

Todos os grupos con presenza no Parlamento de Galicia apoiaron unha iniciativa do PPdeG que reclama melloras de seguridade na estrada N-120 no tramo que transcorre entre Monforte e Ourense para dotala de carrís adicionais que eliminen os riscos que actualmente se dan na vía.

A proposición contou co apoio de todos os grupos con excepción do mixto, que non participou na Comisión 2ª na que se debateu a iniciativa sobre unha infraestrutura que foi definida como “vital” para o sur da provincia de Lugo e o norte de Ourense por parte da deputada popular Julia Rodríguez Barreira.

Na súa intervención, a parlamentaria do PPdeG lembrou que existe “un grave risco” para os condutores que transitan por esta estrada debido aos posibles desprendementos de rocas das ladeiras que delimitan a vía.

Para iso, a iniciativa aprobada polo Parlamento reclama ao Ministerio de Fomento que leve a cabo actuacións para eliminar estas regas e proceda á “consolidación definitiva” das ladeiras das zonas polas que transcorre a N-120.

Así mesmo, Julia Rodríguez tamén aproveitou a súa intervención para criticar que o proxecto da autovía que conectaría o sur de Lugo con Ourense “permaneza nun caixón”, situación da que culpou ao Goberno do Estado presidido polo socialista Pedro Sánchez.

Na súa quenda de intervención, Luís Álvarez (PSdeG) replicou que o Grupo Popular “non dicía nada cando o grao de execución dos orzamentos en infraestruturas” para Galicia “non chegaba ao 40%” durante o goberno de Mariano Rajoy.

Para Marcos Cal (Común da Esquerda), a situación que atravesa a N-120 é o reflexo de “anos de abandono absoluto da rede de estradas estatais” en Galicia. “Non é de onte nin de hoxe”, aseverou, antes de afear ao PP que realice “demandas de cuestións que non fixeron mentres gobernaban”.

O deputado do BNG Luís Bará, tamén se detivo nos “incumprimentos” con Galicia en materia de infraestruturas durante a etapa do PP na Moncloa, á vez que avanzou que o seu deputado nas Cortes tratará de arrincar compromisos ao Goberno para a mellora da rede viaria galega nas negociacións dos orzamentos do Estado.

ÚLTIMAS

“O encontro de Sober” analiza durante dous días a relación rural-industria

No encontro destacábase que o 95% do territorio galego é rural, unha singularidade a...

‘Foliada Guímara’ en Pacios da Veiga

As Foliadas Guímaras son unha iniciativa que impulsa o Concello da Pobra do Brollón...

12 creacións e 3 participantes nas coplas para celebrar ‘Os maios’ en Monforte

O pasado mércores 7 de maio celebrouse en Monforte unha nova edición do Concurso...

O PP critica “os 18 anos de abandono” de Augas Mestas

Este área recreativa, construída no ano 1996 pola Deputación cun goberno popular, tiña como...