HomesociedadeMargaride de Lor convida a chourizo asado

Margaride de Lor convida a chourizo asado

A Asociación de Veciños desta localidade quiroguesa organiza este venres 24 a ‘Festa do Chourizo’ dentro do programa das festas patronais que se alongará ata o domingo 26 de xaneiro.

Publicado o

- Advertisement -

Dende hai uns 9 ou 10 anos os veciños e veciñas deste lugar fan que o ‘chourizo da casa’ e ‘asado ao espeto ou na grella’ sexa o protagonista na véspera da fin de semana grande das súas festas patronais na honra a San Vicente.

Preguntámoslle a Olga Aira Olmo, presidenta da asociación de veciños, como xurdiu a idea de facer a ‘Festa do Chourizo’ e cóntanos que a esta celebración sempre veu moita xente da montaña do Lor pero tamén da Pobra do Brollón, concretamente de Salcedo e de Vilachá. “Antigamente, esta xente traia os seus propios chourizos e a xente de Margaride cocíallos nas casas e tamén na cantina, proba clara da afinidade que había con eles. Despois comíanse acompañados do viño novo”, explica Olga.

Con estes antecedentes pensaron un bo día que “podíamos facer iso, asar os chourizos nós aquí e ofrecerllos á xente”, comenta Olga; e así foi como, facendo de xenerosos anfitrións, decidiron encargarse da elaboración caseira da materia prima e ofrecer a veciños/as e visitantes os chourizos esa noite. Non se cobra nada por participar na degustación pero os asistentes colaboran mercando rifas para sufragar os custes de organización.

Chourizos afumados preparados para o día 24 de xaneiro / Asoc. de Veciños de Margaride

Ademais dos chourizos caseiros, este ano preto de 300, tamén haberá panceta asada, roscón, queixo e café.

Esta paparotada popular e enxebre abre as festas o 24 de xaneiro, ás 21:00 h., e a continuación haberá verbena. O 25 e 26 pola mañá terán misa, procesión e sesión vermú, tendo os dous días pasarrúas amenizado polo grupo tradicional O Recanto e verbena o sábado.

A procesión do San Vicente / Asoc. de Veciños de Margaride

A Asociación de Veciños de Margaride de Lor é un referente na dinamización desta localidade, ademais de preocuparse polos servizos da veciñanza tamén organizan a coñecida “Festa do Ouro” en agosto, o magosto e o San Xoán.

ÚLTIMAS

Preséntase o cartel e o programa de actos das XXXVII Xornadas da Rota do Románico de Pantón

Da presentación das XXXVII Xornadas da Rota do Románico de Pantón encargáronse o alcalde...

Inaugúrase no Viveiro dos Trollos unha senda divulgativa da riqueza forestal de Galicia

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez,  acompañada pola directora xeral de Planificación...

Chantada reparte máis de 1.000 árbores para potenciar a reforestación

Así este 5 de xuño e aproveitando a celebración do día de feira, o...

Roberto Castro: “A xente vén pola cereixa e quédase e repite porque lles gusta tamén a zona da praia fluvial”

A festa terá lugar na praia fluvial de San Clodio e contará coa participación...