HomeSucesosAcaba no hospital e sen 20.000 euros tras ser vítima dunha banda...

Acaba no hospital e sen 20.000 euros tras ser vítima dunha banda de falsos vendedores dun Porsche

Os estafadores efectuaron un par de disparos para amedrentar o suposto comprador, que levaba encima os cartos para pagar o coche, tal como quedaran. Trátase do terceiro caso similar que sucede na provincia. "O modus operanti é sempre o mesmo", di a Policía.

Publicado o

- Advertisement -

EFE.- Un veciño de Burgos de 37 anos de idade acabou onte pola tarde no Hospital Comarcal de Monforte de Lemos por mor dun forte golpe na cabeza que recibiu nun encontro cunha banda de falsos vendedores de coches. O home dispoñíase a pechar a compra dun vehículo de alta gama, pero rematou ferido e sen 20.000 euros.

Fontes policiais informaron de que este suceso se produciu á primeira hora da tarde, concretamente na parroquia monfortina de Tor, onde a vítima quedara cun suposto vendedor de coches para comprarlle un Porsche Panamera. Levaba encima os 20.000 euros para formalizar a compra, pero os supostos vendedores non cumpriron a súa parte do trato.

Os membros da banda presentáronse nun coche marca BMW e instárono a que lles entregase o diñeiro. Chegaron a efectuar polo menos dous disparos para amedrentar o comprador e, como aínda se resistía a darlles o diñeiro, propináronlle un forte golpe na cabeza.

Veciños do lugar atoparon a vítima tirada no chan e ferida, polo que chamaron aos servizos de emerxencias, que se ocuparon de evacualo ao Hospital Comarcal de Monforte de Lemos.

APARECE UN COCHE QUEIMADO

Ademais, sobre as sete da tarde dese día, na parroquia de Piñeira apareceu ardendo un coche de similares características ao usado polos estafadores. Sospéitase que foi o que utilizaron os autores do roubo e que logo decidiron queimalo para eliminar pegadas.

TERCEIRO CASO NA PROVINCIA

Fontes policiais informan de que todo indica que os autores deste violento roubo son os mesmos que antes protagonizaron sucesos similares en Sarria, Coles ou no propio concello de Monforte. Crese que é a cuarta ocasión que actúan en Galicia.

“O modus operanti é o mesmo”, din. En todos os casos, citaron as súas vítimas “no arrabalde dos núcleos de poboación” e, nada máis establecer contacto con elas, o primeiro que fixeron “foi quitarlles o teléfono móbil”. Desa maneira asegúranse de que “terán tempo suficiente para fuxir do lugar do roubo”. “Cando as vítimas teñen posibilidade de dar aviso, probablemente eles xa están lonxe”, engaden.

Asemade, fontes policiais lamentan a falta de prudencia das propias vítimas, ao acudir a unha zona apartada para atoparse con xente á que non coñece de nada e cunha “gran suma de diñeiro en efectivo”, cando hoxe en día hai formas de pago moito máis seguras.

ÚLTIMAS

OPINIÓN: O Bóveda Slam Poetry no XV campionato de Poetry Slam España

A cidade de Cartaxena acolleu, os días 17, 18 e 19 de setembro, o...

O paro aumentou en setembro 131 persoas na zona centro sur da provincia

Desde o Sindicato ven con preocupación o aumento con respecto ao mes de agosto,...

O IES Río Cabe de Monforte proclámase, no Palacio da Bolsa de Madrid, campión de España de Educación Financeira

O IES Río Cabe de Monforte de Lemos proclamouse este luns campión de España...

O Concello de Monforte concede preto de 78.000 euros a entidades deportivas, culturais, sociais, lúdicas e formativas

O Concello de Monforte vén de informar da concesión de axudas dirixidas a diversas...