A unha semana das eleccións xerais, os candidatos do PSdeG-PSOE ao Congreso e ao Senado por Lugo, Patricia Otero e César Mogo, chamaron este domingo en Monforte a concentrar o voto progresista no PSOE para gañar o segundo deputado pola provincia e revalidar o Goberno de Pedro Sánchez.
Otero asegurou que a entrada de Jorge Bustos no Congreso é “unha posibilidade cada día máis real”. “Xogámonos o escano co PP”, advertiu, e pediu aproveitar a última semana de campaña para falar coa veciñanza e coas amizades e pedirlles o voto, “o que gañan cun Goberno de progreso, co Partido Socialista e con Pedro Sánchez como presidente. O día 29 temos que petar as furnas cos votos socialistas”, reclamou.
A candidata puxo como exemplo a revalorización das pensións durante os gobernos de Sánchez e pediu dirixirse a quen sente a política como algo alleo”, a este respecto, Mogo advertiu de que abrir a porta a unha coalición do PP coa extrema dereita suporía “recortes nos servizos públicos, recortes nas súas pensións e recortes nos seus dereitos”.
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, pediu levar a conversa política ás casas para lembrar o que significan dereitos que hoxe se dan por sentados, “matrimonio igualitario, o salario mínimo, o ingreso mínimo vital e a suba das pensións. Se non goberna o noso partido, todos estes dereitos están en risco”, advertiu.

A candidata número 3 ao Congreso, Eva Blanco, situou a educación, o emprego e o acceso á vivenda entre as prioridades para a próxima lexislatura. O candidato ao Senado, Roberto Castro, alertou da proximidade entre o PP e Vox e apelou a concentrar o voto progresista na provincia. Castro cuestiona a credibilidade de Feijóo cando promete actualizar as pensións conforme ao IPC e destacou a “inxección económica que supoñen para os concellos da provincia as subas das pensións, do salario mínimo e dos soldos do persoal público”.

