HomeOpiniónOPINIÓN: Seguiremos co 'estado de alarma', sabemos realmente o que significa?

OPINIÓN: Seguiremos co ‘estado de alarma’, sabemos realmente o que significa?

Cando se producen circunstancias extraordinarias, situacións de alteración do orde público e alarma social, como é o caso, a Constitución ofrece mecanismos de reacción que supoñen medidas excepcionais. Coñecemos o que siginifca o 'estado de alarma' pero tamén outras ferramentas que nos ofrece a carta magna para afrontar estas situacións.

Publicado o

POR
Xanín Carpinteiro
- Advertisement -

A Constitución no seu artigo 116 regula os estados de alarma, de excepción e de sitio, precepto que foi desenvolto pola Lei Orgánica 4/1981, do 8 de xuño. As medidas e a súa duración serán unicamente as estritamente indispensables para asegurar o restablecemento da normalidade e a súa aplicación debe ser proporcionada. A declaración de calquera destes estados de alarma, excepción e sitio será publicada de maneira inmediata no BOE e entrará en vigor desde o mesmo instante da súa publicación. Será difundida obrigatoriamente por todos os medios de comunicación que se determinen.

O estado de alarma, o máis leve dos estados, é declarado polo Goberno mediante Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros, que determinará o ámbito territorial afectado, a duración, que non poderá exceder de 15 días, e os efectos, ademais dará conta ao Congreso dos Deputados. O Presidente dunha Comunidade Autónoma que se vexa afectada por unha situación de crise tamén pode solicitar do Goberno que se declare o estado de alarma.

Cando se pode declarar un estado de alarma?

Cando se produzan catástrofes, calamidades ou desgrazas públicas (terremotos, inundacións, incendios ou accidentes de gran magnitude), crises sanitarias (epidemias e contaminacións graves), paralización de servizos públicos esenciais para a comunidade e situacións de desabastecemento de produtos de primeira necesidade.

A prórroga do estado de alama require da autorización expresa do Congreso, quen poderá establecer o alcance e as condicións da prórroga. No precedente que hai na España democrática, a crise dos controladores aéreos, produciuse unha prórroga que foi autorizada polo Congreso a solicitude do Goberno. O Congreso autorizou a prórroga sen introducir ningunha modificación a esa solicitude.

O estado de alarma obriga a que todas as Autoridades civís da Administración Pública do territorio afectado pola declaración, os integrantes dos Corpos de Policía das Comunidades Autónomas e das Corporacións Locais, e os demais funcionarios e traballadores ao servizo das mesmas, queden baixo as ordes directas da Autoridade competente en canto sexa necesario para a protección de persoas, bens e lugares, podendo impoñerlles servizos extraordinarios.

Medidas que se poden acordar nun estado de alarma

a) Limitar a circulación ou permanencia de persoas ou vehículos en horas e lugares determinados, ou condicionalas ao cumprimento de certos requisitos.

b) Practicar requisas temporais de todo tipo de bens e impoñer prestacións persoais obrigatorias.

c) Intervir e ocupar transitoriamente industrias, fábricas, talleres, explotacións ou locais de calquera natureza, con excepción de domicilios privados, dando conta diso aos Ministerios interesados.

d) Limitar ou racionar o uso de servizos ou o consumo de artigos de primeira necesidade.

e) Impartir as ordes necesarias para asegurar o abastecemento dos mercados e o funcionamento dos servizos e dos centros de produción afectados polo desabastecemento de produtos de primeira necesidade.

Ademais do anterior a autoridade competente tamén poderá adoptar as medidas establecidas nas normas para a loita contra as enfermidades infecciosas, a protección do medio ambiente, en materia de augas e sobre incendios forestais, a intervención de empresas ou servizos, así como a mobilización do seu persoal.

Por outra banda, os actos e disposicións da Administración Pública adoptados durante a vixencia do estado de alarma, igual que no caso dos estados de excepción e de sitio, son impugnables na vía xurisdicional. Por exemplo, no caso do estado de alarma decretado en relación coa crise dos controladores aéreos, foi o Tribunal Constitución quen resolveu o recurso de amparo exposto por estes. (Tribunal Constitucional (Pleno), S 28-04-2016, nº 83/2016, BOE 131/2016, do 31 de Maio de 2016, rec. 4703/2012).

Cal é a diferenza co estado de excepción e o estado de sitio?

A gravidade dos distintos estados é gradual, de menor (alarma) a maior (sitio), e segundo a mesma a limitación dos dereitos tamén varía.

O estado de excepción prodúcese cando o libre exercicio dos dereitos e liberdades dos cidadáns, o normal funcionamento das institucións democráticas, o dos servizos públicos esenciais para a comunidade, ou calquera outro aspecto da orde pública, resulten tan gravemente alterados que o exercicio das potestades ordinarias fose insuficiente para establecelo e mantelo.

Para a declaración de estado de excepción, o Goberno remite a solicitude de autorización ao Congreso dos Deputados, lugar onde se debaterá. A partir de aquí a solicitude pode ser aprobada nos seus propios termos, aprobada introducindo modificacións ou non aprobada. Se se produce a autorización, o Goberno declarará o estado de excepción por medio de decreto aprobado polo Consello de Ministros. Os dereitos fundamentais que se poden suspender nun estado de excepción son: a liberdade (art. 17 da CE); a inviolabilidade do domicilio e o segredo das comunicacións (art. 18.2 e 3 da CE); a elección de residencia e a libre circulación (art. 19); a expresar e difundir libremente os pensamentos, ideas e opinións, e a comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión (art. 20.1 a) e d) da CE); os dereitos de reunión e de folga (arts. 21 e 28.2 da CE) Poderá acordarse o secuestro das publicacións, as gravacións e outros medios de información (art. 20.5 da CE)

O estado de sitio declárao o Congreso por maioría absoluta a proposta do Goberno. Será o Congreso quen determinará o ámbito territorial, a duración e as condicións. Haberá lugar a tal declaración cando se produza ou ameace con producirse unha insurrección ou acto de forza contra a soberanía ou independencia de España, a súa integridade territorial ou o ordenamento constitucional. Tal declaración ademais das medidas previstas para os estados de alarma e excepción, poderá suspender temporalmente as garantías xurídicas do detido establecidas no artigo 17 da C.E. (ser informado inmediatamente e de maneira comprensible dos seus dereitos e das razóns da súa detención, non podendo ser obrigado a declarar e a asistencia de avogado ao detido nas dilixencias policiais e xudiciais). Ademais, o Goberno designará á Autoridade Militar que actuará baixo a súa dirección para executar as medidas que procedan.

ÚLTIMAS

Obradoiro contra a desinformación en Taboada

Esta actividade de alfabetización mediática será impartida por Selina Otero Verdes, licenciada en xornalismo...

En outubro aumentou en 110 o número de parados no centro-sur da provincia

Paro comarca de Sarria no mes de outubro 751 (+35): O Incio 32 (-1) Láncara 73...

O BNG de Monforte reclama transparencia no proceso selectivo da Policía Local

Os nacionalistas aseguran que as informacións publicadas sobre os resultados da primeira proba, na...

“Os dous de sempre”, do dúo Mofa & Befa, este 5 de novembro no Multiusos de Monforte

A función enmárcase na programación cultural impulsada polo Concello de Monforte a través da...