HomeOpiniónDiario de corentena: Que bos tempos aqueles!

Diario de corentena: Que bos tempos aqueles!

O confinamento lémbrame moito a un deses domingos de inverno nos que te abandonas na casa desatendendo calquera tentación de acción produtiva para centrar a túa mente en cousas do pasado.

Publicado o

- Advertisement -

“Calquera tempo pasado foi mellor” ou “o pasado, písalo”? Supoño que ningunha destas frases feitas ten porque ser dogma de fé, e dependendo do momento e/ou das circunstancias persoais de cada un, tenderemos a escoller entre unha ou outra.

Estes días faime moita graza cando os meus pequenos, de 4 e 7 anos, din en modo retranca -alédame que a teñan xa incorporada- e referíndose a antes da corentena: “que bos tempos aqueles!”. Semella que arromeden aos vellos para referirse á época pre-corentena, hai 37 días, como se tivesen transcorrido anos e anos… Ou será que se lles está convertendo nunha eternidade? Seguramente.

“a corentena, non sei a vós?, estame levando ao pasado”

Referíame ao comezo deste artigo que a corentena, non sei a vós?, estame levando ao pasado. En momentos nos que desconecto da realidade informativa, e do presente vivencial entre catro paredes, dáme por ordenar cousas, revisar caixóns e facer inventario do “meu Dióxenes”. Neste entretemento tan particular estou facendo arqueoloxía emocional, cada obxecto atopado lévame a unha emoción, a experiencias vividas no pasado con gran satisfacción. A nostalxia remove conciencias, toca a fibra e incluso é un negocio, mirade se non para os creadores do fenómeno “Yo fuí a EGB”.

Que bos tempos aqueles!. Sen entrar no tema fotos, tan socorridas estes días para vernos de nenos, de mozos ou ver amigos e familia con aquelas pintas “ochenteras” ou en fotos en branco e negro, hai moitas máis cousas que nos poñen en modo “rewind”.

Entre a chea de cousas vellas que atopei: fotos, libros, cómics, casettes, dvds, cds, cromos, chaveiros, chapas, pins, postais, entradas, carpetas da universidade, libretas con anotacións… reservo para este artigo catro trangalladas coas que creo que igual se identifica xente da miña xeración e destas comarcas.

Sempre tiven afección aos cómics e dende pequeno fun moito de tragar televisión, moitos debuxos animados e moitas series. Pois ben, estes días atopei -agachado nun estante- un cómic do mítico Mazinguer Z, e nunha carpeta moi vella, adhesivos que viñan coa revista favorita de miña nai naquela época, a Tele Indiscreta. Entre os adhesivos había uns de “V”, mira que eran desagradables aqueles visitantes pero aínda nos daban menos medo que o actual coronavirus.

Cómic de Mazinguer Z
Autocolante de Diana da serie “V”
A Nave Nodriza e Tyler, da Resistencia

Outro achado interesante ten que ver co debuxo e co fútbol. Sempre fun do Barça e simpaticei -máis agora que antes- co Deportivo da Coruña, e estes días apareceron nunhas caixas uns cromos de dous xogadores que me marcaron en diferentes épocas, Maradona e Koeman, e un debuxo daquel Súperdepor que gañou a liga 1999-2000.

Cromo de Maradona cando xogaba no F.C Barcelona
Koeman cando xogaba no F.C. Barcelona
Superdepor, tempada 1999/2000. Ilustración: Xosé Manuel

E nesta particular rebusca cheguei a eses obxectos que che lembran as noites de marcha. Para non dar moito a brasa quedo cunhas reliquias da noite quiroguesa, trivesa e monfortina, daqueles anos dourados nos que se saía como se non houbese un mañá, había xente en todos os locais, non había medo ningún ao roce nin a que che tusiran na cara e se quedabas quedabas, non había whatsapp para cambiar de plan e poñer escusas. Aquí podedes ver unha entrada da Discoteca Paneque da Pobra de Trives, creo que do 1995, pegatinas das discotecas Orinoco, La Clave e N-120 de Quiroga -grandes noites, Dior Mío-, e dúas caixas de mixtos das discotecas Deima e Camel’s de Monforte. Neste apartado hai algunha doazón, detalles dos DJs Míchel e Rafa.

O que estea libre de pecado que tire a primeira “frikallada”

Teño moitas máis “perlas” destas e seguro que moitos e moitas de vós tamén, ou acaso non? O que estea libre de pecado que tire a primeira “frikallada” (je, je, je).

E neste retorno ao pasado, non sei se mellor ou peor, paso o tempo, boto unhas risas e desconecto do presente e do incerto futuro que nos espera.

ÚLTIMAS

‘Ok(c)toberfest’ no barrio de Carude, en Monforte

O popular barrio de Carude, en Monforte de Lemos, vivirá este sábado unha xornada...

Sarria celebra dez anos do Esmorga Fest os días 17 e 18 de outubro

O festival comeza o venres 17 ás 20:00 horas coa apertura de portas na...

Publicadas as listaxes definitivas de admitidos no Programa Activa de Monforte que abre prazo extraordinario para cubrir vacantes

Xa están publicadas na páxina web municipal as listaxes definitivas de persoas admitidas nas...

Prodeme participa no Meeting Internacional Special Olympics 2025

Son 9 os deportistas de PRODEME quen viaxaron a Castelló, 7 xogadores compiten na...