HomeOpinión“Na regueifa atopei o formato perfecto para me expresar”, Alba María

“Na regueifa atopei o formato perfecto para me expresar”, Alba María

O colectivo Segredos de Pantón achéganos nesta entrega unha entrevista a esta cantora e regueifeira con orixes familiares en Tuiriz. Artista de gran proxección e orgullosa de ter chegado a este punto seguramente por influenza da súa avoa Carmiña, "a única que canta habitualmente na casa".

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Alba María naceu en Las Palmas de Gran Canaria, no ano 1995, aínda que o seu pasado familiar está na parroquia pantonesa de Tuiriz. Vive en Vigo, cidade na que se formou como filóloga e onde estudou canto e acordeón. Canto n’aCentral Folque e acordeón no CMUS da cidade olívica. Actualmente imparte docencia de regueifa e improvisación oral por toda Galicia.

Previo de preguntas rápidas:

Cal foi o teu 1º concerto?

Foi no 2012, en Vigo, no café Detrás do Marco.

O teu concerto máis especial?

Habería moitos… Pero quizais o primeiro que dei en Compostela co meu irmán, Queco Díaz, á guitarra, na Gentalha do Pichel. Ou calquera ao que viñese vernos a nosa familia.

Concerto nunha sala ou ao aire libre?

Nunha sala, para facerlle xustiza ao verbo “arreconchegarse”. Unha sala pequeniña. Ou o salón dunha casa mesmo mellor, para verlle as caras e as almas ao público.

Regueifa ou canción?

Ultimamente improviso cancións. Así que… elixo as dúas, que combinan ben!

Alba María con outros músicos. Foto cedida pola protagonista.

E, a partires de aquí, comeza a entrevista a fondo con Alba María.

Sabemos que foi a túa avoa de Tuiriz quen te animou ao canto. Como foi isto? Lembras algunha canción ou cantiga en especial?

Vivín toda a vida con meus pais e meus avós, que marcharan de novos desde Tuiriz a traballar a Vigo. Miña avoa Carmiña é a única que canta habitualmente na casa. E din que se te crías con persoas que teñen bo oído quizais o desenvolvas mellor. Así que ao mellor foi iso. A canción que máis cantamos xuntas é “La violetera”, porque as dúas somos fans de Sara Montiel (risas). Lembro que para durmir cantábame de pequena “Arronrrón cascarrón”. Agora ensínolle eu a regueifar, e mesmo algún rap xa se marcou aos seus 80 anos. É unha xefa.

“A canción que máis cantamos xuntas é “La violetera”, porque as dúas somos fans de Sara Montiel (risas)”

A túa carreira musical pegou un xiro ao gañar o “I Certame de Canción de Autor” organizado polo concello de Teo. Que obra presentaches ao concurso? E que supuxo para ti?

Presentei ao concurso a “Habaneira de Berlín”, unha peza que falaba da emigración xuvenil a Alemaña, cunha letra da que aínda hoxe, 6 anos despois, me sinto moi orgullosa. Para min gañar ese concurso supuxo comezar a ter consciencia do mundo profesional da música galega, coñecer persoas que tiñan as mesmas ganas de facer música en galego ca min… O premio era gravar un disco e iso tamén foi un grande camiño.

A día de hoxe tes un disco publicado, “Aínda” (aCentral Folque, 2014). Como foi para ti a experiencia de poder gravalo? E de poder reflectir desta forma a túa música?

Gravar “Aínda” foi un enorme reto e unha grande aprendizaxe para min, que tiña por aquel entón 19 anos e nunca me metera nun estudio. Eran as miñas cancións e n’a Central Folque, que considero a miña casa, fornecéronme non só de edición discográfica, senón tamén de asesoramento, músicos acompañantes, produtor musical… Poder reflectir a miña música nun formato feito para “permanecer” supuxo un impacto grande na miña carreira como cantora, e tamén unha conciencia de que esa permanencia da gravación está ben, mais non é o único. De aí que guste de facer cancións mais tamén de improvisalas, de crear letras e melodías que só se poden escoitar no aquí e no agora e nunca máis.

“Eu daquela era unha neofalante con moitas ganas de mesturar poesía e música, e na regueifa atopei o formato perfecto para me expresar”

Sabemos que dentro da improvisación es unha das voces máis novas. Como empezaches neste arte? E que ten de especial para ti a regueifa?

Unha das cousas que máis me gusta dicir é que, sen contar os ámbitos profesionais, non son unha das voces máis novas. Actualmente teño compañeiras regueifeiras de 6 anos ou menos, o que me fai moi feliz ao ver que este xénero ten continuidade, sobre todo tendo en conta que hai nenas e mulleres que se atreven a mostrarse no espazo público.

Comecei nesta arte como alumna dos obradoiros que organizaba (e segue a organizar) a Asociación ORAL de Galicia na área de Vigo, a miña cidade, en 2009. Tiña 14 anos cando Luís O Caruncho e Pinto de Herbón, dous grandes regueifeiros, viñeron ao meu instituto. Eu daquela era unha neofalante con moitas ganas de mesturar poesía e música, e na regueifa atopei o formato perfecto para me expresar. Despois cambiei de instituto e atopei outra compañeira tamén interesada na regueifa, Sara Marchena. Con ela comecei a improvisar nos recreos e ata agora, cando nos convertemos en formadoras. A regueifa e toda a improvisación oral para min implica asumir: asumir a realidade e os estímulos que atopas no momento, para así poder permanecer, adaptarte e seguir improvisando. Non hai unha mellor aprendizaxe tamén para a vida. 

Cóntanos un pouco que é o proxecto “é-Romance/é-Brindo” d’aCentral Folque?

É-Romance e É-Brindo, son dous proxectos artísticos e educativos d’aCentral Folque vinculados ao Xacobeo 2021, cuxo obxectivo é poñer en valor dúas realidades culturais que constitúen unha parte ben relevante do patrimonio inmaterial galego: os brindos (xénero de improvisación oral das montañas orientais galegas) e os romances (xénero oral de poesía narrativa). Dentro deste proxecto houbo edición de libros de divulgación, obradoiros para a infancia, conferencias e concertos.

Sabemos que sobre este proxecto fixeches un obradoiro no C.E.I.P. Monte Baliño e un concerto no mosteiro do Divino Salvador no Castro de Ferreira. Como foron estes actos?

A verdade é que foi moi especial, por ser o concello de onde vén a miña familia. O obradoiro démolo a zanfonista Uxía Muíño e mais eu, e no concerto acompañounos á guitarra eléctrica Queco Díaz, meu irmán. Foi lindo porque veu vernos a nosa familia de Tuiriz, e mesturamos o contemporáneo da guitarra eléctrica co tradicional da zanfona. Sentímonos moi arroupados e fíxonos moita ilusión devolver á comunidade todo o que aprendemos dela.

ÚLTIMAS

Cita co teatro este 18 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

A compañía Teatro do Miolo representará a obra para todos os públicos Saíndo do...

Arias destaca en Monforte os investimentos da Xunta no sur de Lugo

Entre outros asuntos, Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, fixo referencia á...

O Goberno destina 10 millóns de euros para renovar o abastecemento en Monforte

O Consello de Ministros autorizou destinar 10 millóns de euros a renovar a rede...

Courel Vivo propón potenciar o uso do castiñeiro nas obras públicas de Folgoso do Courel

A proposta destaca as vantaxes do castiñeiro, como a súa alta durabilidade, resistencia natural...