Os promotores do proxecto elixiron Triacastela para a entrega dos galardóns por ser o que máis participou no certame achegando numerosas fotografías do Concello de Triacastela polo que pasa o Camiño Francés e fin de etapa desde o Códice Calixtino.
Ademais, das tres fotografías premiadas, dúas delas son de veciñas de Triacastela e, a outra, dun veciño de Sarria. Os gañadores foron: Mirella López Díaz, primeiro premio, Laura López López, segundo premio, e Edgar Villanueva, o terceiro premio.
O proxecto O teu Xacobeo con jjiffy naceu para enriquecer a experiencia do Camiño de Santiago utilizando unha aplicación ou plataforma social que axuda a compartir as fotografías deses momentos, paisaxes e vivencias do Camiño da forma máis sinxela.
Difundir e poñer en valor o patrimonio
Entre as principais actividades deste proxecto está, en primeiro lugar, a divulgación a través dos albergues de kits para os peregrinos e peregrinas nos que se lles da acceso gratuíto a esta aplicación e se fomenta o uso da mesma coa fin de difundir e poñer en valor o patrimonio e cultura do Camiño a través das súas imaxes.
En segundo lugar, entre outras actividades, en cada un dos concellos seleccionados, promoveuse un concurso para que entre os habitantes locais e entre os peregrinos e peregrinas fosen xuntando todas as fotografías que se estaban a facer no paso por cada concello. A información e acceso a estes concursos foi divulgada a través da páxina web do proxecto xacobeo.jjiffy.in.
Con este proxecto preténdese fomentar a cultura dixital e a innovación a través das novas tecnoloxías, dunha forma simple e accesible, á vez que se promoven as relacións a e convivencia no Camiño.