HomeMedio ambiente e Patrimonio400.000 euros para a conservación e rehabilitación dos Escolapios de Monforte

400.000 euros para a conservación e rehabilitación dos Escolapios de Monforte

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou este venres o proxecto de conservación e rehabilitación que a Xunta de Galicia vén de adxudicar e que se levará a cabo na igrexa, claustro e áreas de visita pública grazas a un investimento de 420.000€.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O titular de Cultura e Educación subliñou que esta importante achega, sumada á declaración BIC “garante o futuro dun inmoble clave para a paisaxe cultural da Ribeira Sacra e para comprender a historia deste municipio e o desenvolvemento do Renacemento en Galicia”. Neste senso, o conselleiro puxo en valor “o importante compromiso da Xunta de Galicia coa protección e posta en valor do patrimonio cultural de toda a Comunidade, e especialmente da Ribeira Sacra, onde estamos investindo 4,5 M€ en actuacións como a que poremos en marcha en Monforte de Lemos”.

Non será o único investimento este ano, pois, como explicou o conselleiro, prevese unha segunda intervención de 75.000 euros para restaurar diferentes bens artísticos do inmoble. 

Así pois, estas actuacións de recuperación patrimonial “van engalanar a capital da Ribeira Sacra de cara a recta final para a posible declaración deste enclave como Patrimonio Mundial pola Unesco”, abondou o conselleiro. 

Os traballos de restauración

O proxecto de restauración –financiado ao abeiro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020– permitirá solucionar as afeccións que sufre o inmoble, entre elas as gretas provocadas na igrexa polo célebre terremoto de Lisboa de 1755 que, aínda que non comprometen á estabilidade das bóvedas, é preciso corrixir. As actuacións estenderanse por un prazo máximo de seis meses e resolverán os principais problemas de conservación deste monumento.

Entre as actuacións previstas atópase o selado da greta do muro do presbiterio e a substitución da cuberta de tella da zona do presbiterio, acometendo a consolidación da bóveda. Restaurarase e porase en valor o pasadizo existente tras o presbiterio cunha actuación específica en todos os seus elementos construtivos.

Isto permitirá evitar as filtracións que se están a producir na cuberta do presbiterio e que están a degradar a estrutura da bóveda; arranxar e recuperar o pasadizo que comunica as dúas alas na planta baixa, que se reformou por última vez no ano 1835; reverter a entrada de auga a través das carpinterías do tambor na cúpula, e deter os ataques xilófagos no interior da igrexa que está afectando tanto ao pavimento como a diferentes elementos mobles.

Singularidade da Nosa Señora da Antiga

O Colexio de Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido, entre outras denominacións, como Colexio do Cardeal, Colexio da Compañía ou Escolapios, é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. O inmoble amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súas adscrición errónea ao propio Juan de Herrera. 

Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, debe citarse a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros. Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que alberga,  no que se poden atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba.   

ÚLTIMAS

Veciñanza Fronte o Odio promove un encontro este xoves, 15 de outubro, no centro cívico de Monforte

O colectivo Veciñanza Fronte o Odio organiza este xoves, 15 de outubro, unha palestra...

Do 14 ao 30 de outubro está aberta a convocatoria de axudas para o transporte do alumnado de Monforte que estuda fóra

Poderá optar a estas axudas: Alumnado de ensinanzas universitarias adaptadas ao Espazo Europeo de Educación...

Este venres, 16 de outubro, comeza unha nova tempada do “cineclube Ateneo” de Monforte

Este proxecto de cineclub, organizado polo equipo do Ateneo Casino, baixo a coodinación do...

Diego Vallina sobre o  pan de Siós: “cando chego ao Gadis case mo quitan das mans”

Cada día quedan menos panaderías como as de antes, que cozan en fornos de...