Poderá optar a estas axudas:
- Alumnado de ensinanzas universitarias adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior empadroado no Concello de Monforte de Lemos.
- Alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e bacharelato empadroado no Concello de Monforte de Lemos que teña que desprazarse fóra do termo municipal, por non existir oferta do ciclo formativo neste municipio ou non ter obtido praza na oferta local no curso.
Os interesados en participar no presente concurso, deberán xustificar documentalmente a concorrencia dos seguintes requisitos:
- Estar empadroados no Concello de Monforte no período inmediatamente anterior á presentación da solicitude.
- Demostrar documentalmente estar matriculado no curso 2026/2027 para os solicitantes da axuda en calquera universidade, ciclo de formación ou bacharelato.
- Estar ao corrente das súas obrigas tributarias (Administración Estatal, Autonómica e Local) e coa seguridade social, na data de presentación da solicitude para o que deberán presentar declaración xurada co compromiso de manter o cumprimento das anteriores obrigas durante o período de tempo necesario para a tramitación e resolución do expediente.
- Non estar incurso en ningunha das prohibicións da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións.
Para a determinación do importe da subvención, terase en conta a renda per cápita anual e a situación laboral dos membros da unidade familiar. Quedarán excluídas aquelas rendas per cápita familiares superiores a 12.000€. En función destes criterios, cada solicitante poderá optar a axudas que van dende os 200 ata os 600 euros.
As instancias para participar neste concurso atoparanse a disposición dos interesados na páxina web municipal https://www.monfortedelemos.es/gl/axudas/.
Ditas solicitudes poderán presentarse no rexistro xeral do Concello ou, no seu caso, nos rexistros e oficinas a que se refire o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, ata o 30 de outubro de 2026.
A esta solicitude deberá achegarse a documentación pola orde que se sinala a continuación:
- Solicitude de axuda para o transporte para o que se pida a axuda .
- DNI do solicitante e da nai, pai, titor ou persoa encargada da garda e protección do menor, no caso de que o alumno sexa menor de idade.
- Libro de Familia no caso de solicitarse a axuda para un menor de idade.
- Copia de matrícula universitaria, matrícula do ciclo de formación ou bacharelato para o curso 2026/2027.
- Copia da condición de discapacitado dos membros da unidade familiar, recoñecidos pola administración competente, de ser o caso.
- Certificado de Empadroamento colectivo da unidade familiar.
- Copia da declaración da renda correspondente ao exercicio 2025 dos membros da unidade familiar que estivesen obrigados a iso, ou na súa falta, certificación negativa de non realizar dita declaración expedida pola Delegación de Facenda.
- No caso de que existise situación de desemprego, certificación de alta como desempregado expedida polo organismo competente e da percepción ou non de prestación no caso dos desempregados e se se estivese recibindo unha pensión en calquera das súas modalidades (xubilación, viuvez, invalidez, etc.), certificación expedida pola Tesouraría da Seguridade Social.
- Declaración xurada do solicitante de que se atopa ao corrente nas obrigas tributarias (Administración Estatal, Autonómica e Local) e da Seguridade Social.
- Declaración de outras axudas.
- Certificado dos datos bancarios do beneficiario (expedido pola entidade bancaria).

