O colectivo Veciñanza Fronte o Odio organiza este xoves, 15 de outubro, unha palestra aberta ao público para analizar o avance dos discursos de odio na sociedade, os mecanismos que favorecen a súa difusión e as ferramentas das que dispón a cidadanía para identificalos e combatelos.
A actividade celebrarase ás 20:30 horas no Centro Cívico de Monforte e contará coa participación de Adrián Gómez Martínez, mestre de Educación Primaria e comprometido coa defensa dos dereitos sociais e da diversidade.
Durante a palestra abordaranse cuestións como a tipificación legal dos discursos de odio, as estratexias empregadas para normalizar mensaxes discriminatorias e as consecuencias que estas teñen sobre as persoas e os colectivos aos que van dirixidas. A través de exemplos recentes, procurarase ofrecer ferramentas para recoñecer estes discursos, desmontar os seus argumentos e fomentar o pensamento crítico.
Desde a organización amosan a súa preocupación pola crecente presenza de mensaxes racistas, xenófobas, machistas, homófobas e discriminatorias nas redes sociais, nos medios de comunicación e tamén en determinados ámbitos políticos. Consideran especialmente preocupante que este tipo de discursos se estean normalizando e contribuíndo a xerar un clima de rexeitamento, intolerancia e hostilidade cara a determinados colectivos.
«O odio non aparece da nada. Constrúese a través de mensaxes, prexuízos e discursos que, cando se repiten e normalizan, acaban tendo consecuencias reais sobre a vida das persoas. Por iso consideramos fundamental aprender a identificalos e combatelos», explican desde o colectivo.
Veciñanza Fronte o Odio, un espazo plural e aberto á participación
Veciñanza Fronte o Odio é un colectivo formado por persoas da comarca de Lemos con procedencias, sensibilidades e maneiras de pensar diversas. Non responde a unha ideoloxía política concreta nin pretende ser un espazo de pensamento único, senón un punto de encontro para persoas que comparten unha serie de principios fundamentais: a defensa dos dereitos humanos, o feminismo, o antirracismo, a loita contra a homofobia, o ecoloxismo, a xustiza social e a solidariedade.
O colectivo nace da preocupación compartida polo avance dos discursos de odio e da intolerancia, coa vontade de contribuír a construír unha sociedade máis respectuosa, igualitaria e diversa.
Para iso, pretende desenvolver actividades culturais, educativas, divulgativas e de sensibilización que permitan fomentar o pensamento crítico, desmontar prexuízos e promover valores de convivencia e respecto.
Un dos principios fundamentais desta iniciativa é o seu carácter aberto e participativo. Calquera persoa que comparta estes valores pode formar parte do colectivo, achegar ideas, propoñer actividades ou colaborar na súa organización. A intención é que sexa a propia veciñanza quen contribúa a construír e desenvolver este espazo colectivo.
Desde Veciñanza Fronte o Odio convidan a toda a veciñanza de Monforte e da comarca de Lemos a participar no debate deste xoves para coñecer esta nova iniciativa, que aspira a consolidarse como un espazo aberto á colaboración e á organización de futuras actividades.
«Fronte a quen pretende dividir a sociedade sinalando as persoas pola súa orixe, identidade, orientación sexual ou maneira de vivir, nós queremos promover o encontro, o respecto e a solidariedade. Cremos que a mellor maneira de combater o odio é non permanecer indiferentes e implicarnos colectivamente», conclúen desde a organización.


