A Deputación de Lugo programa de actividades con motivo do Día da Transrománica. Esta iniciativa, que celebra a súa xornada internacional o domingo 9 de maio, contará na provincia con 14 rutas que se levarán a cabo nunha xornada de portas abertas ao románico. Os itinerarios serán de balde e cun máximo de 8 persoas por visita, e estarán dirixidos por un guía oficial de turismo.
As inscricións permanecerán abertas ata o día anterior ás actividades, o 8 de maio, ás 12.00 horas, ou ata completar aforo. En total ofértanse 112 prazas e as persoas interesadas poderán inscribirse na páxina web http://inscricions.deputacionlugo.org.
As rutas no sur da provincia son as seguintes:
Ás 10.30 horas
- Ribeira Sacra – Carballedo
- Ribeira Sacra – Monforte de Lemos
- Ribeira Sacra – Taboada
- Ribeira Sacra – Pantón
- Ribeira Sacra – O Saviñao
Ás 11.00 horas
- Camiño Francés I – Sarria
Ás 16.30 horas
- Camiño Francés II: Portomarín e San Facundo de Ribas de Miño
- Ribeira Sacra – Chantada
- Ribeira Sacra – Sober
A Ruta Transrománica está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade e conta na súa ruta con 10 igrexas de arte románico situadas en 10 concellos da Ribeira Sacra.
As igrexas que inclúe a candidatura son: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.