O Ateneo Casino de Monforte de lemos acolleu este pasado mércores 7 de xullo a presentación do FanCine de Lemos onde se anunciou “unha edición moi especial” e con novidades, como por exemplo, a incorporación de novos espazos e sedes ou o apartado de “país convidado”, no que este poderá presentar a súa cinematografía contextualizada nos contidos do festival.
Igual nos aventuramos, pero o futuro deste festival pasa por ir incorporando espazos ao longo do territorio da Ribeira Sacra para integrar a paixón cinematográfica co lecer e goce deste xeodestino. O caso é que este ano o FanCine traspasa as fronteiras de Monforte e chega a Sober. Alí, a Adega Algueira converterase nun espazo máis do festival e acollerá algunha das proxeccións e actividades. Polo demais, o Multicines Hollywood será o escenario principal e xunto con el tamén acollerán proxeccións o Ateneo Casino e o Parque dos Condes.
Para esta edición, e segundo referiu o codirector, Iván Patiño, chegaron 230 propostas cinematográficas. As curtametraxes serán as protagonistas do evento pero tamén se proxectarán longas, neste caso a previsión é contar con 6 filmes. Un deles, “Amigo”, do director Óscar Martín, será a encargada de abrir o ciclo o 21 de xullo nos Multicines Hollywood, sesión á que asistirá o propio director.
Ademais das proxeccións, traballouse tamén nun programa de actividades paralelas: gastronomía, exposicións, clases maxistrais, encontros, charlas, presentacións ou coloquios. En palabras de Reinaldo Pereira, coordinador de actividades, “en definitiva, un espazo plural de opinión e reflexión sobre o xénero que une ao público con todos os convidados que formarán parte do Lemos FanCine”.
Por citar algunhas das actividades, o día 22 de xullo Alberto Hortas, especialista en maquillaxe de ficción, impartirá no Ateneo Casino unha clase maxistral sobre os aspectos máis reveladores da maquillaxe e a construción de personaxes. E tamén será interesante ver en acción ao actor e humorista Pedro Brandariz realizando unha actuación para público infantil na que lles achegará o mundo do cinema dun xeito especial, ou ver a exposición da artista gráfica lucense Noemí Núñez.
OUTRAS NOVIDADES
Unha delas foi a convocatoria dun concurso de carteis. Era a primeira vez que se facía e, segundo a organización, chegaron 9 propostas. A idea é manter esta iniciativa entendendo que axuda para darlle repercusión nacional e internacional ademais de fomentar a participación creativa.
Outra das novidades da VII edición do FanCine de Lemos foi crear o apartado de “país convidado”. Será a primeira vez que o festival convida a un país para que poda presentar a súa cinematografía.
O país en cuestión será Chile que achegará unha mostra de 6-7 filmes.
E non queda aí a cousa, dende a organización adiantaron tamén que vai haber unha “película sorpresa” en sesión golfa…
O festival conta co apoio económico e institucional principal do Concello de Monforte de Lemos e da Deputación de Lugo.