HomeEn profundidade“Nunca abandonei Meán nin O Saviñao”, Juan Rodríguez, hostaleiro rural

“Nunca abandonei Meán nin O Saviñao”, Juan Rodríguez, hostaleiro rural

No ano 2017 montou unha cantina na súa aldea. O proxecto que comezou coma un soño non só está aguantando senón que empeza a medrar apostando incluso este verán polas actuacións en directo os sábados. Falamos con este namorado do rural en xeral e de Meán en particular.

Publicado o

- Advertisement -

Achégome a Meán para coñecer a Juan Rodríguez, un taberneiro con ilusión e ideas que está poñendo en valor a súa cantina rural. O establecemento está na parroquia de Louredo, no Concello do Saviñao, e moi preto da estrada que comunica Escairón con Chantada, á altura da empresa Celega, S.L.

Chego sen problemas coa axuda do navegador e alí está xa esperándome diante da casa. Ensíname a contorna e acto seguido, o típico dun anfitrión galego, convídame a tomar algo. Tomamos unha cervexa e sentamos un pedazo na terraza que ten nun galpón.

Descubro que Juan é un namorado de Galicia pero sobre todo da súa ‘patria pequena’, O Saviñao e Meán, lugar este onde naceu. Conta que tivo oportunidade de marchar fóra onde tiña familia, Barcelona e Suíza por exemplo, pero nunca deu o paso. “Sempre estiven namorado disto. Do sitio e da xente”, confesa.

Casa grande e letreiro de Meán / XdL

Juan é un namorado de Galicia pero sobre todo da súa ‘patria pequena’, O Saviñao e Meán, lugar este onde naceu

Tivo unha granxa de vacas durante quince anos , experiencia que lle gustou e da que non se arrepinte, pero cando chegou ‘a cota láctea de Europa’ decidiu deixalo. Isto foi alá polo 2004, ano a partir do cal tivo que buscar traballo como asalariado no que fixera falta, e ata hoxe.

Cóntame cousas curiosas como a súa afección polo fútbol, cando era novo, chegando a xogar no Escairón con xente coñecida do Saviñao como Sarmiento, José Carlos, Suso Picha ou o escritor Xavier Quiroga. E como non, tamén me fala do seu interese pola cociña, unha inquedanza que foi xermolando grazas á súa madriña, Elisa Edita –da que aprendeu moito facéndolle de pinche nos fogóns–, e grazas tamén a un gran amigo, Pepe Barxa. Este último, ademais de ser un gran escultor, seica é moi bo cociñeiro.

Tendo xa unhas bases culinarias, Juan coñeceu hai dezasete anos a Eugenia, unha rapaza venezolana que traballaba en Escairón e que hoxe é un puntal moi importante na cociña da Cantina de Meán. Ademais de dominar a cociña venezolana ten moi boa man con pratos máis autóctonos, “fai moi ben os callos… e unha venezolana facendo callos non é normal”, dime Juan.

Precisamente, unha das iniciativas recentes que tiveron foi organizar unha comida temática. Un sábado ofreceron pratos típicos de Venezuela sendo a convocatoria todo un éxito. Ademais de clientes de aquí, tiveron moita xente orixinaria de Venezuela e Cuba.

Casa que acolle a Cantina de Meán, a carón dunha estrada. Foto: XMF

A Cantina de Meán está nunha casa grande na que, ademais de vivir a familia de Juan, hai un espazo amplo onde poñer mesas para atender comidas por encargo as fins de semana. Segundo nos conta o anfitrión, a idea de facer a cantina na casa xurdiulle no ano 2014 pero non foi ata o 2017 cando o proxecto se fixo realidade. Comezou ofrecendo cafés, bebidas e algún pincho pero pouco a pouco a clientela foino animando para que fixera algo máis. “Sabían que cociñaba e querían que fixera tamén comidas”, di Juan.

Segundo nos conta o anfitrión, a idea de facer a cantina na casa xurdiulle no ano 2014 pero non foi ata o 2017 cando o proxecto se fixo realidade

E así foi, co tempo animouse a ofrecer comidas por encargo só para as fins de semana e ata hoxe. Durante o inverno ten pouca actividade pero agora no verán está a cousa moi animada. Empezou en xuño e polo de agora estalle indo a cousa moi ben, máis se cabe coas actuacións en directo que programa os sábados pola noite para acompañar ás ceas.

A estratexia de Juan é sinxela, “durante a semana planifico e vou tomando nota de encargos para cubrir a fin de semana”. Entre os encargos hai ‘grandes clásicos’ –ao forno ou á brasa– que teñen moita saída: codillo, polos da casa, churrasco, solomillo á Ribeira Sacra, años, costela e incluso paellas. Queda claro que o forte son as carnes. O peixe non o traballa e para clientes vexetarianos dime que algo hai, que a súa compañeira fai tortillas e empanadillas de verduras moi boas.

Juan Rodríguez na terraza da Cantina de Meán / XdL

CONCERTOS E OUTROS PROXECTOS

Juan empezou en xuño coa idea de facer música en directo como un extra para atraer a xente e probou con sesión vermú de domingo pero ao final centrouse en organizar actuacións os sábados noite.

O 26 de xuño foi a primeira, que acompañou a unha gran sardiñada, e foi todo un éxito. Dende aquela cada sábado trae a algún grupo, a unha hora prudencial –sobre as 20-21:00 h.– e con estilos de música moi variados que encaixan no perfil de clientes que ten para as ceas: jazz, cumbias, boleros, tangos, etc.

Como proxectos de futuro, este cantineiro rural de Meán dinos que aproveitando que o Camiño de Inverno de Santiago pasa a uns 800 metros, e que o albergue de Diamondi que abrirá en breve está a dous quilómetros, a idea é abrir as portas entre semana para ser un punto de parada de peregrinos.

ÚLTIMAS

‘Ok(c)toberfest’ no barrio de Carude, en Monforte

O popular barrio de Carude, en Monforte de Lemos, vivirá este sábado unha xornada...

Sarria celebra dez anos do Esmorga Fest os días 17 e 18 de outubro

O festival comeza o venres 17 ás 20:00 horas coa apertura de portas na...

Publicadas as listaxes definitivas de admitidos no Programa Activa de Monforte que abre prazo extraordinario para cubrir vacantes

Xa están publicadas na páxina web municipal as listaxes definitivas de persoas admitidas nas...

Prodeme participa no Meeting Internacional Special Olympics 2025

Son 9 os deportistas de PRODEME quen viaxaron a Castelló, 7 xogadores compiten na...