HomeMovementos sociaisAsociación Tarabelada, impulsora da I Mostra de Artesanía e Produtos Locais de...

Asociación Tarabelada, impulsora da I Mostra de Artesanía e Produtos Locais de Quiroga

Quiroga acollerá este mercado local o vindeiro 27 de agosto, día de feira, e colaborará tamén organizando un concerto da Roda para poñer fin á xornada.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O vindeiro 27 de agosto, segunda feira do mes de Quiroga e unha das máis concorridas do ano, celebrarase a I Mostra de Artesanía e Produtos Locais.

O evento chega grazas á iniciativa da Asociación Tarabelada, á que pertencen dous artesáns de Quiroga: Caurelor e Artesanía Armaior e á intermediación de Verónica Núñez –Caurelor– co concello.

Nesta I Mostra de artesáns e produtores locais, que se desenvolverá ao longo da rúa Real, haberá uns 12-14 postos de produtos locais e de artesanía. No apartado de alimentación haberá queixos, marmeladas, mel, licores, repostería, produtos derivados da castaña… e na parte da artesanía poderanse atopar traballos feitos con coiro, xabóns, bixutería, cerámica, teas creativas, tellas ou madeira de oliveira.

Pablo Rodríguez, de Artesanía Armaior nunha feira. Foto: Carlos Rueda

Dende o Concello de Quiroga informan que recibiron a proposta con interese e apoiaron a iniciativa para que sexa posible o vindeiro 27 de agosto. Para rematar esta xornada de dinamización local veñen de anunciar que a partir das 21:00 h. terá lugar a actuación do grupo de música folk “A RODA” nas inmediacións da rúa Lago.

COÑECEMOS A ASOCIACIÓN TARABELADA

Para coñecer de quen parte esta iniciativa falamos cun dos socios e encargado de organizar as feiras. Trátase de Flo, un francés que leva 13 anos vivindo nunha aldea de Castro Caldelas, lugar onde arranxou coa súa parella unha casa en ruínas.

Cóntanos que a Asociación Tarabelada naceu no 2012 en Castro Caldelas con fins culturais e medioambientais principalmente. As súas accións van encamiñadas a potenciar e desenvolver: a artesanía, a comercialización de produtos locais, o ecoloxismo e o feminismo.

A primeira feira que organizaron foi en Castro Caldelas, precisamente no ano 2012, e a partir de aquí foron ampliando a iniciativa a outros concellos. Este verán, por exemplo, conta Flo que organizarán un total de 14 feiras en diferentes municipios como: Castro Caldelas, Parada de Sil, A Pobra de Trives, Manzaneda, A Teixeira, Nogueira de Ramuín, Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga.

Tamén sabemos por este dinamizador rural que van ampliando socias e socios e son estes os que tamén colaboran para propoñer nos seus concellos a organización das feiras. Así foi, por exemplo, como Verónica Núñez, de Caurelor, falou con Concello de Quiroga para que se realizara o 27 a I Mostra de Artesanía e Produtos Locais.

Este tipo de eventos, lembra Flo, están enfocados a todos os públicos, xente nova e maior, e tamén para a veciñanza local e as/os visitantes e turistas.

ÚLTIMAS

Monforte mellorará o punto limpo e os contedores cun investimento de máis de 41.000€

O Punto Limpo do Concello de Monforte construíuse no ano 2000 e desde ese...

A segunda fase da mellora da LU-651 entre Folgoso e Seoane, un dos principais investimentos da Xunta no 2026, aseguran os populares

A deputada do Grupo Popular no Parlamento de Galicia visitaba o municipio xunto á...

Xanela colabora nun módulo de FP do I.E.S. Val do Asma de Chantada

O pasado 29 de outubro o director de Xanela, Iñaki Castiñeira, foi de visita...

A asociación ‘Chantada contra o cancro’ anima a inscribirse na súa andaina solidaria

Conta atrás para a andaina solidaria que organiza dende hai 5 anos a 'Asociación...