InicioMedio ambiente e PatrimonioAs adegas medievais de Vilachá de Salvadur, as esquecidas nos plans de...

As adegas medievais de Vilachá de Salvadur, as esquecidas nos plans de promoción da Ribeira Sacra?

A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur solicita á Administración pública máis compromiso coas adegas medievais como elemento patrimonial único na Ribeira Sacra.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O pasado venres, 3 de setembro, o Diario Oficial de Galicia publicaba a entrada en vigor do Plan de Acción da Paisaxe da Ribeira Sacra. Este documento recolle itinerarios de interese paisaxístico con valores panorámicos por varios lugares e concellos desta zona.

A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur lamenta que, “unha vez máis, a Administración non teña en conta a súa parroquia nos plans de promoción da Ribeira Sacra.” Dende a asociación reclaman unha maior implicación por parte das entidades públicas para a conservación, mellora e promoción das adegas de Vilachá (A Pobra do Brollón), que foron declaradas BIC e que son un elemento único polo seu carácter etnográfico.

Dende o comezo da candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, a parroquia de Vilachá de Salvadur aínda non obtivo ningunha axuda nin apoio para a posta en valor tanto do BIC como doutros elementos patrimoniais. Dende a asociación indican que amosaron a súa vontade de colaborar coa Administración, “dende un diálogo construtivo e totalmente desinteresado.” Tamén solicitaron a inclusión na Mesa Interdepartamental da Ribeira Sacra e o Consello de Parroquias, pero non recibiron resposta de ningunha delas.

A organización veciñal considera importante a inclusión destes espazos con alto valor etnográfico nun pacto de promoción dos valores naturais, culturais e patrimoniais da Ribeira Sacra. Ademais cren oportuno incluír outros elementos de interese, e que encaixarían coas liñas do citado plan presentado pola Xunta, como son o miradoiro da Capela ou a posta en valor do trazado histórico do Camiño de Inverno, que esta asociación leva reivindicando á espera do ditame final da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

A asociación tamén solicita unha mellora da sinalización. Por este motivo, hai meses pediron formalmente ao Ministerio (tramitado por medio do Concello da Pobra do Brollón) un sinal na N-120 á altura do desvío á Pobra e Vilachá que aínda non tivo resposta. Igualmente reclaman sinais para o xacemento castrexo do Castrelao (que este ano será obxecto de estudo arqueolóxico grazas ao apoio da Deputación de Lugo ao proxecto presentado pola Asociación de Veciños/as de Vilachá) e para Os Conventos.

Por último, dende a asociación fixeron chegar ao concello un documento con varios propostas para presentar ante o Consorcio da Ribeira Sacra. Este documento inclúe a reposición do panel panorámico no miradoiro da Capela, a protección dos elementos patrimoniais como as mámoas ou un proxecto de renovación do Museo do Viño.

ÚLTIMAS

31 da Feira do Viño de Vilachá na primeira fin de semana de maio

Esta edición manterá tamén outro dos cambios dos últimos anos: a creación de dous...

60 equipos inauguran a tempada de montaña en Taboada esta fin de semana

A nova directiva da Escudaría Taboada mantén o trazado orixinal da proba, na que...

Traballos preventivos en pistas e cortalumes do Distrito Forestal VIII Terra de Lemos

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte,...

29.469€ para a rehabilitación do lavadoiro de Hospital no Incio

Esta actuación busca a integración dos elementos que conforman o patrimonio etnográfico, neste caso...