HomeEn profundidadeSer un dos mellores xogadores de Snooker do mundo, o gran reto...

Ser un dos mellores xogadores de Snooker do mundo, o gran reto do sarriao ‘Gussy’

Coñecemos o seu proxecto a tres anos para entrar no selecto circuíto profesional mundial deste deporte e sabemos que entre o día 2 e o 17 de outubro estará na cidade de Albufeira (Portugal) participando no campionato de Europa.

Publicado o

- Advertisement -

Juan Pedro Durán, coñecido co alcume de “Gussy” dende pequeno, naceu en Ponferrada pero con dous anos xa estaba vivindo en Sarria, terra da súa nai. “Son Sarriao”, di claramente por se me quedaba algunha dúbida.

Leva moitos anos xogando ao billar, a súa paixón, e participando con grande éxito en diferentes competicións e modalidades a nivel galego, nacional e internacional.

Hai uns seis meses, e co obxectivo de chegar ao circuíto mundial profesional de snooker (World Snooker Tour), empezou un proxecto a tres anos cun equipo de preparadores ‘premium’. O tempo dirá se este sarriao alcanza o olimpo da considerada como ‘modalidade máis difícil do billar’ e onde non chegou aínda ningún español.

A primeira pregunta é obrigada, como chegas a este deporte tan descoñecido en Galicia?

Empecei hai uns 27 anos xogando ao Pool Americano, o billar americano de toda a vida, e fun ascendendo categorías. O terceiro ano estaba xa en primeira categoría nacional chegando a ser quinto de España. Hai seis anos tiven problemas de cadeira e tiveron que poñerme unha prótese, circunstancia que me levou tamén ao retiro laboral. Traballaba de Garda Civil e o corpo decidiu retirarme entendendo que non podía ter actividade de impacto como correr ou saltar, por poñer un exemplo.

Eu non buscaba a xubilación pero chegoume así, co cal puiden empezar a dedicarlle máis tempo a afeccións, entre elas o billar americano, e a partir de aquí descubro o Chinese 8 Ball. Durante dous anos son o mellor xogador español nesta modalidade de billar, conseguindo ser o único español na Copa do Mundo do 2019 e alcanzando a sexta praza no ránking europeo. Todo isto motívame para mercar unha mesa. Atopei unha de snooker que me permitía adestrar e a partir de aquí voume introducindo no snooker. Así empezou a cousa.

“Eu non buscaba a xubilación pero chegoume así, co cal puiden empezar a dedicarlle máis tempo a afeccións, entre elas o billar americano”

Unha disciplina deportiva minoritaria en Galicia e incluso en España, non?

Si o é. Con dicirche que en Galicia só hai tres mesas cando de billar americano pode haber tranquilamente unhas 1000 xa cho digo todo. Unha mesa é a miña, outra está no Club de Billar Teo e a terceira no Club de Billar de Lugo.

Juan Pedro Durán ‘Gussy’ competindo en China. Foto cedida por el.

Cando compites por primeira vez ao snooker?

Hai dous-tres anos. Neste tempo fun campión galego e cheguei a cuartos de final a nivel nacional.

Entendo, logo, que compaxinas Chinese 8  Ball con Snooker?

Sigo practicando Chinese 8 Ball e Pool Americano. A miña prioridade absoluta é o snooker, pero vou competir a todo o que vai xurdindo como adestramento mental e complemento, sempre que non entorpeza ao snooker.

Dende o inicio da pandemia non temos competición de Chinese 8 Ball pero sigo competindo na máxima categoría do pool nacional, pero insisto, sen ningún obxectivo de gañar, só como complemento mental ao snooker.

Como evolucionas no snooker?

Empezo a participar en competicións e a involucrarme moito. Nas competicións ía pasando roldas, quedando na miña mellor clasificación entre o posto 33 e o 64. Pero eu quería seguir mellorando e chegar arriba.

E cal era o camiño para seguir e alcanzar aos mellores?

O máis importante, prepararme mentalmente. Pregunteille a un amigo da Garda Civil que é psicólogo, se coñecía a alguén que me puidera axudar a prepararme. Acabei traballando co psicólogo Joaquín Dosil e co especialista en rendemento mental Rubén Domínguez. Os dous son profesores na Universidade de Vigo e preparan a deportistas de elite.

“O máis importante, prepararme mentalmente”

Como apostaron por ti, para levarte tamén?

Joaquín viu o meu proxecto no snooker e interesoulle tamén o reto que teño de intentar chegar ao circuíto profesional. Comezamos hai uns seis meses.

Cal é o camiño a seguir agora?

Competir moito a todos os niveis… nacional, europeo, internacional. Adestrar moitas horas para reforzar a técnica, 6 ou 7 horas diarias de mesa. Traballar a condición física para aguantar partidas de 3-4 horas. Neste apartado teño un preparador físico que me leva, José Manuel Miragaya, que foi preparador físico do Breogán e agora é profesor de INEF. E por suposto, ter unha boa preparación mental.

Gañador en China nun torneo de penaltys. Foto: Juan Pedro Duán.

Volvendo á preparación mental. Por que é tan importante?

Porque tes que dar o cen por cen sempre. Por poñerche un exemplo, un futbolista pode pasar desapercibido algúns minutos durante un partido, pero aquí tes que estar todos os minutos, e todos ao cen por cen. Non podes fallar nada, un pequeno fallo é determinante. O snooker é un deporte individual con moita esixencia, con moita presión… Podo contarche que nos últimos campionatos estaba mal, todo ía torcido, estábanme saíndo mal… Aos catro meses de levarme Dosil chameino e ‘reseteoume’. Deume unha serie de consellos, pautas… e dei un cambio radical. Axudoume moito que estivera aí.

“O snooker é un deporte individual con moita esixencia, con moita presión…”

Algún consello de Joaquín Dosil que me poidas contar?

A ver… que poda contar. Que disfrute, que me divirta e que o pase ben. Tamén vai moi ben manter unhas rutinas, axudan a estar concentrado.

Como compaxinas a túa vida doméstica con este proxecto tan esixente?

Como che dixen, o traballo xa non é unha preocupación para min. Estou retirado pero fisicamente para este deporte non me limita. Non teño fillos e economicamente non estou, por sorte, necesitado de cartos. Estas circunstancias persoais tamén axudaron a que Dosil e Rubén apostaran por levarme neste reto.

‘Gussy’ participando na Copa do Mundo de ‘Chinese 8 Ball’ en China (2019).
Foto: Juan Pedro Durán.

Como funciona e como se chega ao circuíto profesional de snooker?

O circuíto profesional de snooker da WST (Wordl Snooker Tour) é un circuíto pechado a 128 xogadores no mundo e para Europa hai tan só 16 prazas. Para alcanzar a ‘Tour Card’, tarxeta que dá dereito a estas dezaseis prazas, hai varias vías. Catorce delas conséguense a través da Q School, unha prestixiosa competición que se xoga unha vez ao ano en Sheffield –Reino Unido— onde compiten os descendidos e os que queren entrar. A partir duns cambios recentes entran os 12 mellores do torneo máis outros 2 por puntuación. Unha tarxeta máis é para o campión de Europa da Federación de snooker e outra para o campión de Europa sub-18.

“O Wordl Snooker Tour é un circuíto pechado a 128 xogadores no mundo e para Europa hai tan só 16 prazas”

Entrando nese olimpo, supoño que se pode vivir do snooker…

Claro, o circuíto profesional é un negocio. Pensa que é o deporte máis visto en Eurosport e canto máis se vexa máis cartos por publicidade se moven.

Non estando arriba aínda, xeraranse uns gastos necesarios para financiar o proxecto. Cóntanos.

Os que se van xerando son asumibles no meu caso e teño algún patrocinador. Un deles é monfortino. Andrés Varela, un xogador de billar de Monforte que ten marca propia de tacos, Senshi Cues. Por certo, e agora que sae este tema, cando xogo ao billar americano fágoo dentro do Club Templarios de Monforte, ao que pertenzo.

Xa rematando. Esta fin de semana empeza o campionato europeo que se celebra en Albufeira, Portugal. Como entraches entre os 4 españois seleccionados e que expectativas levas?

Pois cheguei cun pouco de sorte. Perdín en cuartos no campionato de España e non estaba no ranking entre os catro mellores pero por unha serie de circunstancias, que deses 4 fallou algún que non podía ou non quería ir ao campionato europeo, correu praza e entrei eu.

“Conformaríame con xogar ao meu nivel, render ben mentalmente e seguir collendo experiencia”

En canto a expectativas non levo ningunha de gañar, forma parte do proxecto para estar nas listas e competir e só desexo ter unha boa competición. Conformaríame con xogar ao meu nivel, render ben mentalmente e seguir collendo experiencia.

ÚLTIMAS

A técnica do Esgrafiado no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia

Nesta semana publicábase no Diario Oficial de Galicia, esta técnica tradicional de albanelaría que...

“A cantiga máis longa” este 24 de novembro na igrexa de San Pedro de Bembibre en Taboada

A interpretación vocal de Paloma Gutiérrez del Arroyo e a instrumental de Manuel Vilas,...

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...