HomeOpiniónFacer da igrexa vella de Chantada unha biblioteca pública

Facer da igrexa vella de Chantada unha biblioteca pública

Biblioteca Pública na Igrexa Vella e Museo do Pobo na Casa de Lemos. Se dubidara da posibilidade real que unha empresa destas características chegue a termo non estaría aquí, de madrugada, escribindo.

Publicado o

POR
Xavier Viana Álvarez
- Advertisement -

A primeira vez que vin unha igrexa transformada en libraría foi en Óbidos. Nun corredor da Casa do Relógio, onde estaba aloxado, había unha gran foto do templo cun lema na parte inferior: «Vila Literária». A imaxe sorprendeume tanto como o copo de ginjinha de fabricación propia que Sara, a caseira, quixo compartir comigo antes sequera de deixar o macuto no cuarto. Explicoume que a Grande Livraria Santiago era orgullo para eles.

Entrei na muralla pola Porta do Vale e subín pola rúa do Coronel Pacheco ata chegar a aquela inmensa e espléndida libraría. Adorei. A súa nobreza permanecía intacta. As fronteiras do sagrado diluíronse para ser reintegradas novamente no dominio do profano a través dos relatos gardados en cada un dos libros.

Vila Literária Óbidos / vilaliteraria.com

De feito, naquel momento concreto imaxinei a igrexa vella de Chantada convertida nunha biblioteca pública: funcional, atractiva e marabillosa. Diferente. Ben a merecemos. A inexistencia dun espazo moderno e accesible para a consulta de manuais, prensa, revistas, dinamizador social, difusor dos valores asociados á lectura, transmisor de encanto polo coñecemento, é unha tara nos servizos municipais que demanda unha solución inmediata.

Chantada é un municipio que afortunadamente produciu desde hai século e medio valiosos documentos, tanto bibliográficos como hemerográficos, e máis recentemente tamén gráficos, fotográficos, fonográficos e cinematográficos.

Cando un pasea polas rúas do Cantón, subindo pola curva da Morte ou camiñando a rúa do Comercio, sempre ten a tentación da pausa na Praza do Comercio. Deterse ante a Casa de Lemos permite a calquera persoa darse conta que sobran obstáculos e faltan recursos que nos fagan apreciar o legado cultural que temos ante nós.

Un museo para exaltar o territorio

Onte xustamente, mentres agardaba polo meu sobriño Miguel nos soportais da casona, regresou a min o pensamento de hai uns anos en Óbidos. Mais, nese instante, mesturáronse ideas e dubidei. Lembrei a viaxe a Mayorga (Valladolid) acompañando aos entusiastas e xenerosos veciños de Castelo cando acudiron ao «Encontro nacional de Festas Tradicionais con Lume» que se celebrou nesta vila castellana en 2019. Os actos repartíronse entre o Museo del Pan, construído na antiga igrexa mudéxar de San Juan, e a fermosa igrexa de Santa Mariña (que casualidade!), utilizada como centro artístico. Pregunteime: non sería mellor para a igrexa vella de Chantada un Museo que exalte o noso territorio? Biblioteca ou Museo?

Igrexa vella de Chantada

Se a xente que visita a Casa da Cultura fose interrogada estou seguro que pouca expresaría de xeito detallado as remodelacións que necesita, mais unha boa parte coincidirían en que indiscutiblemente necesita de fondas melloras. Nas condicións actuais non é lugar digno para unha biblioteca pública, exactamente polo mesmo motivo que é un lugar ideal para ser rehabilitado e acoller entre as súas paredes ben unha nova Biblioteca ou ben un Museo Municipal.

É de interese coñecer a opinión dos Lemeses, familia tradicionalmente propietaria da casa, e recuperar a versión de Faustino Fernández, quen a comprou antes de cedela ao pobo, sobre o uso que anhelaban para ela. Escribía Xavier Costa-Clavell no 1984: «sus deseos son los de que la Casa de Lemos se convierta en un Museo do Pobo». Coa simple expresión destas palabras, tornábase realizable aquelo que o intelectual chantadino Avelino Gómez Ledo reclamou en diferentes tribunas públicas: «debiéramos tener a estas alturas, algún museo donde guardar […] el legado ancestral de tantos instrumentos de labranza, del vestuario tradicional, y algunos de los mil objetos encontrados por los castros […], destruidos sin piedad o vendidos por codicia. Sería una muestra de cultura». Un Museo Municipal que investigue, conserve, restaure e exhiba a memoria de toda a comunidade.

Ese será o sitio que ademais protexa obxectos profanos e sagrados (cruces procesionais, cálices, tallas, etc.) dun novo espolio por parte de traficantes e coleccionistas que se aproveitan da dificultade comunitaria para facer efectiva a custodia destes bens de extraordinario valor patrimonial.

Libros antigos Chantada

Unha biblioteca e un museo no corazón de Chantada. Para quen teña capacidade de comprensión, a proposta, ben pensada, é a seguinte: Biblioteca Pública na Igrexa Vella e Museo do Pobo na Casa de Lemos. Se dubidara da posibilidade real que unha empresa destas características chegue a termo non estaría aquí, de madrugada, escribindo. Aproveitaría para desfrutar con Tiempos Difíciles, o magnífico romance de Charles Dickens que teño a medias. O libro precisamente acaba así: «¡Querido lector! Será responsabilidad tuya y mía si, en nuestros respectivos campos de acción, cosas parecidas sucedan o no. ¡Hagamos que sucedan! Nos sentaremos ante la chimenea de nuestro hogar con el carazón más ligero mientras, de manera inevitable, los rescoldos de nuestro fuego se convierten en cenizas grises y frías».

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...