Este artigo de opinión no que se fan recomendacións sobre o interesante patrimonio que ten Monforte é unha continuación ao publicado en febreiro. Aquí podedes acceder ao seu contido.
A praza de España e a colección bibliográfica de temática local da Casa da Cultura
A praza de España tivo grande protagonismo na historia local xa dende a Idade Media. Foi e segue a ser un lugar de actividade comercial e de movemento social. Nela estivo situada dende tempos medievais ata o seu derrubamento no século XIX a igrexa parroquial de Santa María da Régoa. Substituíu a esa igrexa primitiva da Régoa na praza de España nas funcións parroquiais a de Santo Domingo que por iso se coñece tamén como santa María da Régoa. Na praza de España, no número 3, atópase a Casa da Cultura Lois Pereiro que alberga unha colección bibliográfica de temática local de grande interese doada por José Luis Martínez Montero.
A rúa do Comercio e o Centro do Viño da Ribeira Sacra
Na praza de España comeza a rúa do Comercio que finaliza na praza Doutor Goyanes. No número seis da rúa do Comercio estivo o Hospital de Sancti Spiritus e posteriormente de 1821 a 2001 a Casa do Concello. Actualmente o edificio é a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, da Oficina de Turismo e do Centro do Viño que ofrece unha interesante visión da Ribeira Sacra tomando como fío condutor o viño.
A Oficina do Peregrino
No extremo da rúa do Comercio próximo á praza Doutor Goyanes atópase o edificio que foi o Hotel Comercio, unha interesante mostra da arquitectura contemporánea en Monforte. No baixo do edificio comezou a súa andaina en 2021 a Oficina do Peregrino pois por Monforte de Lemos discorre a ruta xacobea do Camiño de Inverno ao igual que por outros concellos da Terra de Lemos e da Ribeira Sacra. Na oficina hai información presentada de modo atractivo sobre o Camiño de Inverno.
A rúa Armando Cotarelo e o Museo Lodeiro
Entre as rúas do Comercio e das Hortas atópase a pequena rúa Armando Cotarelo onde está situado Museo Lodeiro. Del sinálase o seguinte na web de turismo da Ribeira Sacra: “O Museo Lodeiro alberga 300 obras talladas a man en pedra e madeira, raíces e pintura, polo escultor local Darío Lodeiro. Repártense en catro salas: dúas delas na planta inferior e dúas na superior, cunha superficie de 200 metros cadrados aproximadamente“.
Dende a praza de España pola rúa Santo Domingo pode subirse cara ao conxunto Monumental de S. Vicente. A rúa de Santo Domingo ata a porta da Alcazaba, unha das que se conserva da muralla medieval, discorre paralela a esta construción defensiva que tanto ten que ver no nome de Monforte “Monte fortificado”. Atravesada esta porta un carreiro situado preto dela á esquerda sobe cara ao Conxunto Monumental de S. Vicente do Pino.
O Conxunto Monumental de S. Vicente do Pino
Está formado por dúas construcións de carácter civil a Torre da Homenaxe de época medieval e o Palacio dos Condes de Lemos de época moderna e tamén polo mosteiro de San Vicente do Pino unha construción relixiosa. Acaroada ao mosteiro de S. Vicente do Pino está a súa igrexa actualmente de carácter parroquial. O Conxunto forma parte dende 2003 do Parador Nacional de Monforte de Lemos.
O palacio dos condes de Lemos
Do palacio condal destaca principalmente a porta de acceso construída en mármore procedente do veciño concello do Incio.
O mosteiro de S. Vicente do Pino
En canto ao mosteiro destaca a fachada e o seu claustro. Reviste grande interese, coa presenza de elementos medievais e de época moderna, a igrexa de San Vicente do Pino. É mágoa que pezas como a urna cineraria do abade Espasando ou un baixorrelevo, as dúas pezas de tempos medievais, non poidan ser contempladas actualmente e que a igrexa leve tempo pechada ao público e non se realicen todas as actuacións precisas para unha adecuada posta en valor.
A Torre da Homenaxe e a súa exposición sobre a Idade Media
No tocante á medieval Torre da Homenaxe os seus trinta metros convértena na máis alta das do seu tipo en Galicia. No interior alberga uns paneis informativos sobre a época histórica da súa construción: a idade media.
“Os seus trinta metros convértena na máis alta das do seu tipo en Galicia”
No primeiro dos catro pisos os paneis ocúpanse da idade media e da muralla de Monforte, no segundo a temática dos paneis é a sociedade medieval, o tema do terceiro son señores de Lemos destacados e as súas fillas polo cal se fala de Pedro Fernández de Castro o da Guerra, do seu fillo Fernando de Castro e das súas fillas Xoana de Castro “raíña de Castela por un día” e de Inés de Castro “raíña de Portugal despois de morta”. No cuarto piso os paneis explicativos ocúpanse das guerras irmandiñas que marcan a fin da idade media e da presenza de xudeus en Galicia na época medieval, presenza que está constatada en Monforte e cuxa memoria se conserva en óptimo estado grazas ao labor do investigador Felipe Aira Pardo. Monforte de Lemos xunto con Ribadavia e Tui son as tres localidades galegas que pertencen á Red de Juderías de España.