InicioOpiniónOPINIÓN: Monforte, unha cidade de museos e interiores visitables (I)

OPINIÓN: Monforte, unha cidade de museos e interiores visitables (I)

Baixo este título achéganse algunhas reflexións sobre o patrimonio de Monforte de Lemos e da súa contorna. Nesta primeira entrega a ollada diríxese cara os museos e interiores visitables preto do río Cabe, mentres que en vindeiras colaboracións do mesmo autor coñeceremos museos e interiores visitables do centro histórico e da contorna ademais dun reconto e dun epílogo final.

Publicado o

POR
Xosé Martínez Rodríguez
- Advertisement -

Monforte de Lemos pola súa rica historia conta cun apreciable patrimonio artístico do que forman parte e merecen salientarse os museos, exposicións permanentes e coleccións. Recoméndase a visita a eses puntos pois son reflexo, dentro da especificidade de cada un, da rica historia e patrimonio local.

MUSEOS E INTERIORES VISITABLES PRETO DO RÍO CABE

Preto do río Cabe atópanse algúns museos e interiores visitables. De sur a norte temos en primeiro lugar o Museo do Colexio de Nosa Señora da Antiga.

Museo do Colexio de Nosa Señora da Antiga

Un colexio cheo de historia… O colexio foi fundado polo cardeal Rodrigo de Castro fillo da III condesa de Lemos e cuxas obras comezaron en 1593. Este antigo centro educativo, dos máis antigos de Galicia, pola súa longa historia foi e segue a ser coñecido con moitos nomes ademais do de Nosa Señora da Antiga: do Cardeal, da Compañía (por ser ocupado polos xesuítas ata 1767) e dos Escolapios que seguen presentes no centro dende a súa chegada a Monforte en 1873.

O colexio foi fundado polo cardeal Rodrigo de Castro fillo da III condesa de Lemos e cuxas obras comezaron en 1593

Un colexio cheo de arte… No colexio destaca a súa fachada principal de 110 metros orientada cara ao leste, a escaleira de portería, o claustro dos escudos, a igrexa e o museo. Escaleira monumental, claustro dos escudos, igrexa e museo son interiores visitables.

As orixes do museo. Do museo do Colexio sinala o libro Viaje por los pequeños museos de Galicia de María Rosa Casado Nieto e Anselmo López Morais “En la antigua sacristía de la iglesia (…) a lo largo del tiempo dedicada a sala de estudios de los internos, comedor, capilla y biblioteca) se instaló el año 1942 un museo en el que, con algunos objetos del personales del cardenal, se reunieron los valiosísimos cuadros que antes estaban dispersos en varios puntos de la capilla”-

Os contidos do museo. En canto aos contidos deste museo, segundo a páxina web https://escolapiosmonforte.es/historia/, o museo pinacoteca alberga os dous únicos cadros do Greco que se atopan en Galicia: San Lourenzo e San Francisco, cinco pinturas atribuídas ao pintor renacentista italiano Andrea del Sarto (San Pedro, San Xoán Bautista, Santa Inés, Santa Margarita e Santa Catalina de Alexandría),  outros dous cadros titulados “Morte” e Xuízo Final e un retrato do cardeal Rodrigo de Castro de autor descoñecido executado segundo debuxo de Francisco Pacheco, sogro de Velázquez. No museo tamén se atopan seis vitrinas que acollen libros e obxectos (principalmente de carácter sacro) que pertenceron ao cardeal Rodrigo de Castro.

O museo pinacoteca alberga os dous únicos cadros do Greco que se atopan en Galicia

O Campo de Santo Antonio, a Casa do Concello e o Convento de Santo Antonio

Augas arriba do Cabe, ao norte da Compañía, atópase a Casa do Concello que alberga unha serie de fotografías, cadros e unha maqueta do Colexio do Cardeal que se poden ver. O edificio no que dende 2001 está a Casa do Concello foi construído no século XX e tivo antes de ser Casa do Concello usos civís e militares.

Antes, no Campo de Santo Antonio houbera un convento franciscano comezado a construír en 1503 polo II conde de Lemos Rodrigo Enríquez, avó do cardeal Rodrigo de Castro. Ese fermoso convento foi lamentablemente derrubado no século XIX. Consérvanse algunhas xoias del entre elas o cruceiro que se atopa no propio Campo de Santo Antonio. O baixorrelevo da capela de S. Pedro na rúa de Dr. Casares procede posiblemente do convento. Tamén procede do convento o fermoso retablo da Inmaculada que se atopa na igrexa parroquial de Piñeira.

Praza de Santo Antón / Concello de Monforte. Foto: XMF

As coleccións da Casa do Concello. A Casa do Concello conta con interesantes coleccións de pintura e fotografía. En concreto en canto a estas últimas cabe destacar as fotos do río do fotógrafo Conrado Vila Aubert e a Galería de alcaldes do século XX froito da laboriosa investigación sobre o tema de Felipe Aira Pardo. Tamén se atopa na Casa do Concello unha interesante maqueta do Colexio do Cardeal ou dos Escolapios, obra dun notable monfortino: Amador López Espinosa.

Unha casa con escudo no Campo de Santo Antonio. Sen deixarmos o Campo de Santo Antonio podemos ver unha bonita casa brasonada que ten o número once. Foi adquirida por un particular co obxecto de abrir nela unha exposición de libros de Camilo José Cela e doutros obxectos artísticos.

O Convento de Santa Clara e o seu Museo de Arte Sacra

Moi preto do Campo de Santo Antonio a carón da Ponte Vella sobre o río Cabe atópase o Convento de Santa Clara no que destaca o seu museo de arte sacra. O museo foi inaugurado en 1977. En 1997 engadíronselle dúas nove salas e en 2015 outras catro salas máis.

Convento de Santa Clara. Fonte: turismo.gal

Moi preto do Campo de Santo Antonio a carón da Ponte Vella sobre o río Cabe atópase o Convento de Santa Clara no que destaca o seu museo de arte sacra

Nos seus comezos tivo un catálogo obra de Manuel Chamoso Lamas e de Manuel Casamar. O patrimonio artístico que acolle o convento foi, antes de ser exposto en museo, obxecto de interese de estudosos como Hermida Balado, Germán Vázquez, Pita Andrade…. En 2005 editouse unha guía do museo de Miguel Ángel González García titulada Convento de Santa Clara. Museo de Arte Sacro.

Polas moitas horas dedicadas ao estudo dos VIII condes de Lemos impulsores do convento de Santa Clara, do propio convento e do museo merece salientarse o nome de Manuela Sáez González. É autora, entre outras publicacións sobre o tema, do libro Del reino de Nápoles a las Clarisas de  Monforte de Lemos (Escultura del siglo XVII en madera) publicado en 2012.

Unhas palabras sobre o Museo de Arte Sacra do Convento de Santa Clara. Un tríptico editado en ano próximo á inauguración do museo contén aínda atractivas palabras sobre este: “El Museo, instalado dentro del Convento, abre sus puertas al público en 1977 y está considerado como uno de los tres de Arte Sacro más importantes de España, y el primero en cuanto a relicarios expuestos. El contenido está formado por un total de 223 piezas de las cuales sobresalen, entre otras, el “Cristo Yacente” y la “Inmaculada” realizadas por Gregorio Fernández. Con todo, lo que da autentica personalidad al Museo son las piezas de orfebrería del Renacimiento italiano del siglo XVII, destacando la arqueta –joyero de cristal de roca, con armadura de ébano y remates de bronce, así como la urna de plata con un clavo de la Crucifixión, los relicarios del Lignum Crucis y de la Santa Espina, la Cruz de Cristal de roca, los dos crucificos de bronce, el retablito de ébano con la figura de bronce de “La Piedad” de Miguel Ángel. Todas estas piezas han llegado hasta nuestros días gracias al celo de las Madres que aun en tiempos difíciles han sido capaces de custodiarlas para que permaneciesen prácticamente intactas”.

O edificio Multiusos e a súa exposición sobre os VII condes de Lemos

Máis ao norte do Convento de Santa Clara e preto do Cabe atópase o Edificio Multiusos na ronda María Emilia Casas Baamonde. Neste edificio atópanse o Conservatorio Municipal de Música Mestre Ibáñez, dependencias administrativas e locais para o desenvolvemento de actividades socioculturais ademais dun auditorio. O edificio acolle tamén unha exposición permanente sobre os VII condes de Lemos e a súa época.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa de Galicia que eu descubrín”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...