HomeMedio ambiente e PatrimonioFolgoso do Courel e A Pobra do Brollón seguen loitando contra o...

Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón seguen loitando contra o lume, Quiroga respira

Os lumes da parroquia de Vilamor e Seceda, en Folgoso do Courel, seguen descontrolados e o estrago medioambiental rolda as 3.900 hectáreas de monte. Na Pobra do Brollón seguen tamén en alerta, con algunhas aldeas desaloxadas, e Quiroga respira informando que os tres incendios activos destes días están controlados dende primeiras horas do domingo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

SITUACIÓN EN FOLGOSO DO COUREL

Segue decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio forestal activo no municipio lucense de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que rolda as 2.500 hectáreas segundo as últimas estimacións. Esta situación operativa de emerxencia declarouse pola proximidade do lume ao núcleo de Parada dos Montes –Concello A Pobra do Brollón–, lugar onde segundo informaban onte tivo que procederse a evacuar á veciñanza.

Este incendio permanece activo desde o xoves pasado. No seu control traballaron ata o momento 2 técnicos, 27 axentes, 40 brigadas, 25 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 7 avións e 9 helicópteros. Neste lume tamén despregou efectivos a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona.

Lume da parroquia de Vilamor. Foto: Guillermo Díaz

Na mesma parroquia de Vilamor, en Folgoso do Courel, continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 no outro incendio forestal activo nese territorio. Este lume iniciouse tamén o xoves pasado e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas provisionais. Ata o de agora desprazáronse á zona 6 técnicos, 21 axentes, 32 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 avións e 3 helicópteros. 

Segundo soubo este xornal varios núcleos de poboación tiveron que ser desaloxados no Courel: Vilamor, Froxán, Vilar, Folgoso, Santa Eufemia, Touzón, Ferreirós de Abaixo, A Campa, Vidallón, O Carballal, Cortes, Castro Portela, Mazo de Santigoso, Baldomir, Eiriz. Algúns dos evacuados foron para o polideportivo de Triacastela e o camping de Seoane; outros buscaron acobillo con familias noutros lugares da zona libres de perigo.

O outro lume activo no Courel é o da parroquia de Seceda, no que tamén segue decretada como medida preventiva a Situación 2. Este incendio iniciouse o venres pasado e, segundo as últimas estimacións, afecta a unha superficie de 1.100 hectáreas provisionais. No lugar levan traballado un total de 19 axentes, 29 brigadas, 14 motobombas, 6 avións e 6 helicópteros. Neste lume tamén participa a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A POBRA DO BROLLÓN

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello da Pobra do Brollón, parroquia de Saa. O incendio permanece activo desde o xoves pasado e afecta unha superficie provisional de 700 hectáreas. Ata o de agora téñense mobilizado para o seu control 3 técnicos, 29 axentes, 42 brigadas, 28 motobombas, 1 pa, 5 avións e 4 helicópteros.  No día de onte tiveron que desaloxar a aldea de Salcedo como medida preventiva.

Outro lume, no mesmo concello e na mesma parroquia, leva queimado segundo as últimas estimacións, unhas 50 hectáreas. No seu control levan traballado 1 axente, 1 brigada, 1 motobomba e 1 helicóptero.  

QUIROGA

Extinguido ás 00:09 h. desta madrugada o lume da localidade lucense de Quiroga, parroquia de Quiroga, que se iniciara o venres pasado e que afectou finalmente 83 hectáreas arboradas na zona coñecida como ‘A Conchada’. Para o seu control mobilizáronse en total 1 técnico, 10 axentes, 21 brigadas, 14 motobombas, 2 avións e 4 helicópteros.

Permanece controlado desde as 22:25 h. do sábado o incendio que se orixinara o xoves pasado tamén en Quiroga, neste caso na parroquia de Outeiro. Segundo as últimas estimacións, está afectando unha superficie de 250 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 2 técnicos, 18 axentes, 17 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 4 avións e 4 helicópteros.

E o terceiro incendio destes días neste concello, o da parroquia de Nocedo, está controlado desde as 23:53 h. do sábado. Segundo as últimas medicións sobre o terreo rolda as 15 hectáreas provisionais de monte afectado. Orixinouse o venres e ata o momento levan traballado nel 1 técnico, 10 axentes, 11 brigadas, 9 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

ÚLTIMAS

Comeza a organización da XLIV Feira do Viño de Quiroga

Nesta primeira xuntanza púxose en marcha a maquinaria que moverá esta cita de exaltación...

Cortes de tráfico esta fin de semana nas rúas monfortinas Doutor Casares e Doutor Teijeiro para reparacións do firme

No caso da rúa Doutor Teijeiro, o tramo afectado é o comprendido entre o...

“O tamaño do Gran Fachón non se desvela ata o propio día”, Sara Inés, Alcaldesa de Castro Caldelas

Como cada ano, e para non faltar á tradición, o 19 de xaneiro celebrarase...

Información ambiental para a veciñanza no Concello da Pobra do Brollón

O equipo de Axentes Ambientais, dependente da Consellería de Medio Rural, ofrece atención á...