HomesociedadeA Romaría de San Mateo, en Monforte, protagonista nun cupón da ONCE

A Romaría de San Mateo, en Monforte, protagonista nun cupón da ONCE

Na mañá deste 14 de setembro deuse a coñecer a nova e presentouse o deseño en rolda de prensa celebrada na Sala de Xuntas do Concello de Monforte. O Cupón que dará a coñecer o San Mateo e Monforte sairá o 20 de setembro, véspera do día propio da celebración.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A coñecida Romaría de San Mateo monfortina celébrase cada ano o 21 de setembro na parroquia de A Parte e paraliza a actividade da cidade aínda sen ser un día festivo. A ela achégase moita xente, incluso de concellos veciños da Comarca de Lemos, e serve de encontro para amigos e familias coa tradición de montar carpas e espazos comúns preparados para comer, beber e montar unha boa esmorga.

Pois ben, este evento será protagonista no Cupón da ONCE do vindeiro 20 de setembro. O Alcalde de Monforte, José Tomé, e o Delegado Territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, deron a coñecer na mañá deste mércores 14 de setembro o deseño do Cupón que lle dedica a Organización Nacional de Ciegos Españoles e que contará cunha tirada de 5 millóns de cupóns para toda España. Na presentación, tamén estiveron a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Directora da axencia da ONCE en Lugo, Eva Lorente Arnás.

Segundo palabras do rexedor monfortino, “será a primeira vez que a ONCE dedica un cupón a un evento destas características no Concello de Monforte”. No deseño a protagonista é a imaxe do santo, do San Mateo, da igrexa da Parroquia de Santa María de A Parte, a cal pertence a Diocese de Lugo. Xunto a ela, tamén foi incluído o escudo do Concello de Monforte.

José Tomé: “será a primeira vez que a ONCE dedica un cupón a un evento destas características no Concello de Monforte”

José Tomé tivo palabras de agradecemento para a ONCE pola homenaxe a “unha das romarías máis senlleiras e dala a coñecer en toda España” e tamén para a Diócese e o cura da parroquia de A Parte, D. José Luis Vázquez Coego; neste caso polos permisos e as facilidades dadas para poder realizar as fotografías da imaxe do San Mateo.

Rolda de prensa para presentación do Cupón da ONCE do 20 de setembro / XdL

EFECTO PROMOCIONAL

O Alcalde tamén subliñou a importancia publicitaria que esta iniciativa terá para o Concello e para a propia romaría, pois “cando saia á venta o cupón dedicado a esta romaría de San Mateo, Monforte de Lemos, a Ribeira Sacra e o sur da provincia de Lugo contarán cun importante elemento de promoción e de difusión en toda España”. Os 5 millóns de cupóns que están á venta dende hoxe permitirán que este evento que forma parte da tradición monfortina sexa coñecido en todo o territorio español.

INTERVENCIÓN DO DELEGADO TERRITORIAL DA ONCE

Manuel Martínez Pan, Delegado Territorial da ONCE en Galicia, comezou a súa intervención poñendo en valor o labor social desta organización referindo datos que falan de seu da relevancia do seu traballo. Dixo, por exemplo, que a ONCE é o primeiro empregador do mundo para xente con discapacidade e o cuarto e o cuarto do Estado en termos xerais.

Respecto do Cupón dixo que “é a mellor tarxeta de presentación para a ONCE e representa moito para este grupo social e leva máis de 80 anos, dende 1938, xerando a través del oportunidades de vida para persoas con discapacidade. O cupón é símbolo de inclusión”.

E referíndose xa á celebración do San Mateo comentou que estaban “encantados en poder contribuír á difusión desta romaría, desta terra e desta comarca”.

SISTEMA DE SELECCIÓN PARA SER IMAXE DO CUPÓN

Rematada a rolda de prensa, un dos xornalistas presentes preguntou polos criterios á hora de escoller motivos para ser imaxe do cupón. Martínez Pan explicou, de xeito resumido, que hai unha comisión seleccionadora para atender solicitudes e escoller as moitas peticións que lles chegan ao longo do ano. Despois, unha comisión adxudicatoria, en función de diferentes criterios, decide se a petición sae adiante. No caso que nos ocupa, a proposta partiu do Concello de Monforte e como vemos, chegou a bo porto.

Deseño que quedará para o Concello de Monforte como recordo / XdL

ÚLTIMAS

Daveiga, dende o 2005 apostando polo desenvolvemento da contorna máis próxima

Lugar da Veiga S.L.L. nace no 2005 aínda que o proxecto levaba varios anos madurando...

O 12 de abril comeza un programa piloto para visitar as igrexas da Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra coa maior concentración de arte románico rural de Europa é un...

A D.O. Ribeira Sacra no Salón Gourmets de Madrid do 7 ao 10 de abril

O Salón Gourmets, na súa 38ª edición, consolídase como o evento europeo de referencia...

“Coreografías do facer: imaxes do traballo feminino en Gustav Henningsen”, a exposición na igrexa nova de Chantada

A igrexa nova de Chantada acolle ata o 20 de abril a exposición "Coreografías...