Máis espazos de coordinación, colaboracións concretas que empecen por proxectos pequenos e acceso en igualdade de condicións aos recursos para as iniciativas máis pequenas, son as principais conclusións de “O Fiadeiro. Territorios que conectan“. O encontro organizado por Aventeira, o sábado 21 e o domingo 22 no Xeocamping Montañas do Courel, en San Clodio (Ribas de Sil), contou con iniciativas do Xeoparque e de diferentes puntos da Ribeira Sacra.
Inaugurou o encontro Roberto Castro, alcalde de Ribas de Sil e presidente do Xeoparque Montañas do Courel. Interviron tamén o GDR Ribeira Sacra-Courel, o HUB de Emprendemento e Innovación do Xeoparque, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e a unión de cooperativas EspazoCoop.
O sábado dedicouse a que as iniciativas se coñecesen. Cada unha presentou o que fai e o que busca, e pola tarde mantiveron reunións entre elas segundo os intereses que marcaran pola mañá. As participantes valoraron sobre todo poder poñerlles cara a proxectos próximos e descubrir posibilidades de colaborar que ata agora non exploraran.
O domingo, en dúas mesas de traballo, debateron sobre a viabilidade económica dos proxectos no rural, o turismo sostible e como manter colaboracións estables entre entidades. Nas dúas mesas repetiuse a mesma idea: superar as dinámicas localistas e reforzar a sensación de compartir un mesmo territorio.
As conclusións recollen catro liñas de traballo:
- Crear máis espazos de encontro e coordinación entre as iniciativas do territorio.
- Empezar por colaboracións pequenas e asumibles, que permitan gañar confianza antes de abordar proxectos maiores.
- Facilitar que as iniciativas máis pequenas accedan a oportunidades, recursos e redes en igualdade de condicións.
- Construír un tecido económico arraigado no territorio, que xere actividade sostible e valor social desde os principios da economía social e solidaria.
Peso da economía social
Arredor dunha cuarta parte das persoas participantes viñan de cooperativas, unha presenza que levou o cooperativismo e a economía social e solidaria (ESS) ao centro de moitas conversas como modelos de emprender ligados ao territorio, á sostibilidade e ás respostas colectivas.
As participantes coincidiron en que este tipo de encontros debe ter continuidade, para que os contactos da fin de semana se convertan en proxectos compartidos. Desde Aventeira recollen esa demanda e xa estudan vías para darlle seguimento ao traballo iniciado no Courel, que permitan seguir tecendo redes e consolidando un substrato común no territorio.
O encontro contou coa colaboración do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e EspazoCoop. Financiouno a Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), que participa en calidade de organismo intermedio do Programa de Emprego, Educación, Formación e Economía Social (EFESO), cofinanciado polo FSE+.
Aventeira, promotora desta iniciativa, é unha cooperativa galega sen ánimo de lucro impulsada no 2019 por un grupo de profesionais do ámbito educativo e do lecer que compartían unha mesma ilusión: construír un proxecto de autoemprego social, sostible e comprometido coa transformación da realidade.


