HomeOpiniónBótalle coláxeno ao caldo

Bótalle coláxeno ao caldo

Estes datos científicos causaron estupor na nosa comunidade de Cereixa, a parroquia que conta coa parrillada máis importante do sul de Lugo e vai e resulta que os nosos devanceiros eran veganos!

Publicado o

POR
Xurxo Ayán Vila
- Advertisement -

Mentres escribo estas liñas, un bote de coláxeno remanece pousado na mesiña. Unha lesión de xeonllo obrígame a botar man desta substancia para reforzar o tendón rotuliano. Casualidades do destino. Cando estou a procurarme coidando do meu esqueleto propio, chegan xusto agora os resultados das análises feitas pola doutora, Aurora Grandal (Universidade da Coruña), aos defuntiños da necrópole altomedieval do castro de San Lourenzo. Este é o punto de chegada de toda unha secuencia milagreira. O noso castro sobreviviu de milagre a unha canteira de area na década de 1970, á apertura dunha liña de alta tensión, aos lumes da década de 1980 e un longo etcétera. A segunda milagre veu dada polo que atopamos nas escavacións arqueolóxicas desenvoltas dende 2016. Por baixo da ermida do San Lourenzo preservábase un camposanto no que temos exhumado ata o momento 80 tumbas, de homes, mulleres e nenos. Na Galiza interior é praticamente imposíbel documentar restos humanos por mor do grao de acidez do solo. De feito, nos enterramentos nos que os defuntiños foron cubertos de terra, apenas rexistramos pegadas brancuxentas no sedimento, relictos do que foron no seu día os corpos dos devanceiros. Sen embargo, hai outras tumbas nas que os mortiños foron depositados sen terra, selándose o enterramento con grandes bargos de lousa.

Antropóloga Candela Martínez na exhumación de Libertaria. Campaña de 2019 / X.A.

Esa sorte de cámara de aire xerou unhas condicións especiais que facilitaron a conservación de restos esqueléticos. O caso máis espectacular é o da muller do século XII soterrada na tumba 53 (batizada por nós co nome de “Libertaria”), da que se conserva o esqueleto praticamente completo. Novamente, experimentamos unha nova milagre no castro de San Lourenzo. Aos defuntiños tampouco se lle podía esixir máis. E aínda así, a racha continuou. Seleccionamos mostras óseas de sete defuntiños e enviámolas a Londres para seren datadas por C-14. De sete acadamos case o pleno. Seis delas foron datadas con éxito. Grazas a iso sabemos que o camposanto estivo en uso entre os séculos IX e XII da nosa era.

O C-14 é un isótopo radioativo moi coñecido polo público xeral grazas á divulgación arqueolóxica. Pero hai máis vida alén do C-14. Existen outros isótopos estables (non radiativos) que poden fornecer informacións senlleiras sobre os nosos devanceiros. As taxas de carbono e nitróxeno estable no coláxeno dos ósos humanos adultos indican a procedencia das proteínas na dieta. O C-13, concretamente, indícanos se a fonte das proteínas é mariña ou terrestre, porque hai un 7% de diferenza entre o carbono disolto no océano e o dióxido de carbono que é de onde zugan o carbono as prantas no mar e na terra respeitivamente. Os isótopos de carbono tamén permiten diferenciar entre a presenza de prantas C3 (trigo, centeo, avea, por exemplo) e C4 (millo, millo miúdo…) na dieta. Pola súa vez o Nitróxeno-15 que se detecta no coláxeno permite calibrar se a dieta é herbívora, carnívora e/ou omnívora. Así por exemplo, unha taxa elevada de Nítroxeno 15 é indicativa dun consumo elevado de carne. Finalmente contamos tamén coa análise dos isótopos de osíxeno, procedente da auga que bebemos e que deixa a súa marca en dentes e ósos. Estes isótopos son indicadores da mobilidade en vida da persoa e mesmo da súa orixe xeográfica. Para iso cómpre extraer carbonato do esmalte dental.

…e resulta que os nosos devanceiros eran veganos

Todo isto soa moi ben, pero para acadar estes resultados precisamos que o coláxeno dos ósos dos nosos defuntiños estea ben preservado. Por tanto, cómpre unha enésima milagre. Malia os esforzos da doutora Aurora Grandal, unicamente puideron fornecer información os individuos soterrados nas tumbas 37, 42 e 53 (Libertaria). Tres de oito tumbas. O que semella unha derrota segue a ser unha auténtica milagre.

Libertaria. Século XII

E que nos indican estes resultados? Pois que probablemente esteamos ante persoas locais, non foráneas, labregos e labregas altomedievais que vivían a nivel de subsistencia e tiñan unha dieta na que a carne e o peixe brillaban pola súa ausencia e na que predominaba o pan negro (centeo) e hortalizas. Rapidamente vennos ao maxín a imaxe do caldo con castañas. Segundo os investigadores, a entrada pola porta grande do marrao doméstico nas nosas vidas aconteceu pouco despois, a partir do século XIII.

Atilano s XV / XA

Estes datos científicos causaron estupor na nosa comunidade de Cereixa, a parroquia que conta coa parrillada máis importante do sul de Lugo e vai e resulta que os nosos devanceiros eran veganos!

Así e todo, contamos cunha propina. Temos a sorte de poder contrastar o que foi en vida “Libertaria”, unha muller do século XII, e “Atilano”, un home do século XV. Libertaria formaba parte dunha comunidade campesiña, igualitaria, que traballaba arreo. O que non aparece na súa dieta vémolo reflectido na arte románica, na plusvalía que os señores feudais acaparaban con rendas e impostos. Pola contra, Atilano era un home importante na comunidade que quixo ser soterrado no interior da capela do San Lourenzo. Daquela había clases. As análises amosan que comía ben e de todo, peixe mariño e fluvial, e carne. Unha clara diferenza de status. Atilano comer, comía coma un crego.

Y para comer, Lugo!

ÚLTIMAS

A aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas do rural no Nadal

As decoracións de Nadal a nivel particular e a nivel público semella que van...

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...