A oposición presentou no pleno deste luns varias iniciativas para paralizar o proxecto da nova ponte no Malecón e garantir a participación veciñal no proceso. As propostas non contaron co apoio do equipo de goberno e o alcalde, José Tomé, ratificouse en que a ponte se fará e se cumprirá co compromiso cos votantes que o respaldaron cun programa electoral que recollía a execución desta ponte.
Mentres desde o BNG consideran moi graves as palabras pronunciadas polo alcalde durante o Pleno municipal ao referirse ás persoas que acudiron ás dependencias municipais para consultar o proxecto da nova Ponte do Malecón, “xa lle direi cantos son e quen eran, porque moi heteroxéneos non eran”.
O concelleiro do BNG, Manuel Luaces, lembra que “calquera persoa ten que poder entrar no Concello, preguntar, consultar documentación e presentar unha alegación coa absoluta tranquilidade de que a súa identidade non vai ser utilizada posteriormente nun debate político. O Concello non é propiedade do alcalde. É a casa de toda a veciñanza, tamén da que discrepa das súas decisións”.
O BNG asegura que estas palabras poden provocar un efecto intimidatorio que resulta especialmente preocupante nun momento no que existe unha importante contestación cidadá ao proxecto da Ponte do Malecón. “A participación veciñal non pode ser vista como unha ameaza nin como un problema para ningún goberno. Que sigan informándose, preguntando e alegando. Ninguén debe ter medo a discrepar dun alcalde. E moito menos debe sentirse sinalado por exercer os seus dereitos no seu propio Concello», concluíu Manuel Luaces.

RP alegacións Ponte Malecón / PP de Monforte
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que anunciaron alegacións ao proxecto de construción da nova ponte e conexión coas rúas Corredoira, Santa Clara e Paseo do Malecón, ademais de pedir a paralización do proxeto.
A primeira das alegacións céntrase na necesidade dunha xustificación suficiente da solución proxectada e da súa adecuación á finalidade perseguida, “a documentación sometida a información pública debe permitir coñecer de maneira suficiente que problema concreto de mobilidade se pretende resolver, con que intensidade de tráfico e mediante que análise comparativa se determinou que a solución escollida constitúe a alternativa adecuada”.
A segunda alegación fai referencia ao impacto sobre o contorno do Malecón e do conxunto histórico. Aínda que existe un informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio, está referido ao paso do Camiño de Santiago, polo que é necesario analizar tamén o impacto global da actuación sobre o contorno patrimonial. A terceira alegación reclama unha xustificación da proporcionalidade económica da actuación. A cuarta alegación aborda o impacto ambiental, a infraestrutura verde e a función do Malecón como espazo de regulación climática urbana.
A quinta alegación refírese ao dereito dos interesados a coñecer e examinar o expediente completo, “podería existir unha vulneración dos artigos 83 e 53 da Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, ao entender que non se expón a totalidade da documentación relativa ao proxecto, así como determinados informes internos do Concello e informes sectoriais preceptivos”.
Outras das alegacións presentadas polos edís populares fan referencia aos informes municipais susceptibles de anulación; ao posible incumprimento non xustificado das condicións de accesibilidade; ou a diferenza entre o proxecto actual e o proxecto gañador do concurso de ideas celebrado no ano 2020, entre outras alegacións. A voceira popular apuntou a posibilidade de que neste contexto o expediente poida ser susceptible de nulidade ou anulabilidade, polo que se solicita a paralización definitiva da execución do proxecto.
Estas alegacións van na mesma liña que as presentadas polo BNG e Esperta Monforte.

