Este ano o ciclo comeza o sábado, día 8, e remata o sábado 29 de outubro, cun total de catro concertos que van desde as voces, pasando pola corda, o vento metal, e pechando co habitual concerto da Banda de Música. O leitmotiv segue sendo ofrece ao público unha ampla variedade de formacións coas que descubrir novos timbres e repertorios.
O día 8 abre a programación o sexteto vocal SondeNós. Visitan por ve primeira Chantada, e para a ocasión teñen preparado un programa especial que resume dez anos de traxectoria musical conxunta. Textos de Rosalía de Castro, Séchu Sende, Manuel María ou Manoel Antonio e músicas de Joseph Cosma, Octavio Vázquez, Ennio Morricone ou Charles Aznavour, conforman seis trípticos que describen a soidade na estación da vendima, a longura do mar ou a fartura da Terra.
O sábado día 15 é a quenda do Trío Castelao con María José Ortuño na frauta. Estamos a falar dun dos grupos de referencia na música de cámara galega, formado por músicos de corda pertencentes á Orquestra Sinfónica de Galicia, e que que desta volta contarán coa tamén frautista da formación coruñesa, María José Ortuño, de solista. O programa que interpretarán conta con música de dous dos meirandes músicos da historia, xunto cun dos máis recoñecidos compositores galegos da actualidade. Así, escoitarase o Cuarteto con Frauta en Re Maior de W. A. Mozart, a Metamorfose sobre un Tema de Beethoven de Juan Durán, e o Trío para Cordas op. 9, n. 3, en Do menor de L. V. Beethoven.
Xa o sábado día 22 tempo de Turoqua Ensemble, quinteto de vento metal de recente formación integrado por grandes músicos profesionais galegos que amosan as posibilidades expresivas, cromáticas e virtuosísticas tanto da música orixinal escrita para quinteto de metais como de transcricións. Neste concerto traen música de Giovanni Gabrieli, John Cheethan, músicas populares do mundo arranxadas para a formación e tamén música da nosa terra coa Brassodia de Esteban Batallán.
Finaliza o ciclo o venres, 29 de outubro, da man da Banda de Música de Chantada, que desta volta ofrece un programa titulado “Unha Noite na Ópera”, no que farán soar música dalgúns dos máis importantes compositores da historia coma Verdi, Puccini, ou Wagner, artífices de títulos imprescindibles coma La Traviata, Nabucco, Lohengrin, Turandot…