HomeTerra de LemosMonfortePrimeiros pasos do Centro de Ciberseguridade que terá Renfe en Monforte

Primeiros pasos do Centro de Ciberseguridade que terá Renfe en Monforte

O alcalde, José Tomé, e o director xeral de LogiRAIL, Óscar Gómez Barbero, reuníronse cos 10 rapaces e rapazas que comezan a formación para integrarse xa como traballadores nesta empresa do grupo Renfe.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Este 2 de marzo comezaba a preparación para os futuros integrantes do coñecido como Centro de Competencias Dixitais (CCD) de Monforte e que estará especializado en Ciberseguridade. A empresa do grupo Renfe que xestiona o proxecto é LogiRAIL, compañía que vén de pór en marcha tamén convenios para colaborar con centros de ensino locais como o IES A Pinguela e o IES Francisco Daviña Rey.

Aproveitando esta primeira xornada de formación, o alcalde monfortino, José Tomé, e o director xeral de LogiRAIL, Óscar Gómez Barbero, reuníronse cos dez rapaces e rapazas aos que un equipo de formadores capacitará para poder formar parte da plantilla do CCD neste novo centro tecnolóxico especializado en ciberseguridade co que contará Monforte.

José Tomé, dirixíndose a eles, explicoulles a importancia que ten o proxecto para a cidade de Monforte porque significa recuperar a imaxe de Renfe de hai anos “cando era considerada como o Naval en Ferrol”, e ver “con orgullo e optimismo a creación deste proxecto” tan necesario para superar a etapa de decadencia coa supresión de servizos.  Como anécdota, comentar que o rexedor monfortino insistiulle aos presentes en que Monforte si, é unha cidade, lembrándolles que ten o título, concretamente de ‘cidade condal’ que lle outorgou o Rei Alfonso XII no ano 1885.

Antes de rematar a súa intervención felicitou e agradeceu ao director xeral de LogiRAIL polo “cumprimento fiel e escrupuloso dos prazos previstos para o desenvolvemento do proxecto cando se anunciou”.

Pola súa parte, Óscar Gómez, manifestou “sentirse emocionado por brindar a posibilidade de progreso a uns mozos cunha perspectiva profesional limitada que poden agora progresar na súa formación e na súa cidade”. Como anécdota explicou o caso dun centro creado en Alcázar de San Juan, que viu empezar e que tempo despois ao volver atopou o aparcamento cheo de coches, evidenciando a progresión e mellora económica dos traballadores.

Para a incorporación destes primeiros 10 traballadores contactouse cos centros monfortinos IES A Pinguela e IES Francisco Daviña Rey que achegaron gran parte dos perfís seleccionados, pero tamén houbo contactos coas universidades de Vigo e Santiago de Compostela e os centros CPI de FP A Farixa, IES Politécnico de Lugo e o IES Monterroso, entre outros.

CENTRO DE COMPETENCIAS DIXITAIS

Pioneiro en Europa, o futuro CCD en Galicia, no que Renfe investirá preto dun millón de euros para a súa creación, terá como obxectivo detectar, analizar e corrixir incidentes de seguridade, empregando as solución tecnolóxicas máis avanzadas na industria. Ademais, este centro de operación de seguridade poderá constituír a base de creación e desenvolvemento dun Clúster Empresarial de Ciberseguridade aplicada ao sector ferroviario.

Renfe continúa coa selección de candidatos e comezou xa a elaborar convenios de colaboración con institucións locais. A intención, segundo indican dende a compañía, é fomentar o emprego cualificado, con especial atención ao primeiro emprego dos mozos e mozas, e darlle pulo ao talento feminino.

O investimento en Monforte enmárcase no do Plan Estratéxico da compañía e a inciativa forma parte tamén da Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico para a deslocalización de actividades e combater o despoboamento.

ÚLTIMAS

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...

Vicepresidencia recupera os restos da antiga torre do Pazo de Tor en Monforte

O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche...

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...