HomeDeportesNuria López, a atleta do Saviñao ‘que se atreve con todo'

Nuria López, a atleta do Saviñao ‘que se atreve con todo’

Coñecida por competir en carreiras con cadeira de rodas, o pasado mércores 1 de marzo proclamouse campioa galega de atletismo adaptado na modalidade de lanzamento de peso. Falamos con ela.

Publicado o

- Advertisement -

A atleta Nuria López, natural de Licín –no Saviñao– volve ser noticia no mundo do deporte no sur de Lugo. O seu afán de superación semella non ter límite e o pasado 1 de marzo volveu de Ourense cun primeiro posto no Campionato Galego de Atletismo en pista cuberta. E non foi en carreira de cadeira de rodas, que en cuberto non pode competir, só o fai en campionatos ao aire libre, se non en lanzamento de peso.

Preguntámoslle a Nuria como foi a cousa e directamente dinos que “foi por casualidade. Como non podía competir en carreira pedíronme participar e que me apuntara a lanzamento de peso”. Pedíranlle, seica, noutras ocasións hai anos pero nunca dera o paso nin tan só practicara. E desta deuno, aceptou o reto. “Tiven unha media hora de tempo para practicar… e pensaba para min, que non me vexa ninguén que entenda” (ri). O caso é que empezou a tirar e a bola ía cada vez máis lonxe, chegando nun dos lanzamentos de adestramento a alcanzar a distancia de 5,25 metros.

Xa na proba, o seu mellor lanzamento dos seis intentos quedou en 4,38 metros, marca que lle deu o campionato. “Ía por probar e sen ningunha intención de que podía gañar, pero saíu moi ben a cousa”, comenta con humildade a atleta do Saviñao.

Nuria López en acción. Foto cedida por ela.

Chanceamos con ela dicíndolle que pode co que lle boten e dinos que lle gustaría facer lanzamento de xabalina… Pensamos que agora é ela a que está de carallada pero non, fala en serio e adianta que vai probar nesa disciplina.

CAMPIONATO Á VISTA

Para rematar preguntamos por competicións que hai por diante, agora que chega a primavera, e dinos que os días 25 e 26 de marzo será o Campionato de España por Autonomías en Madrid e que vai facer os 100 metros en cadeira de rodas, ademais de lanzamento de peso e probar xa tamén lanzamento de xabalina.

No que respecta á forma física dinos que está ben e, aínda que non compite dende o 2022, encóntrase áxil e preparada para volver ao calendario competitivo. Para adestrar acude con regularidade ao ximnasio e na casa corre coa cadeira de rodas no rodillo.

FELICITACIÓNS

Coñecida esta noticia, Nuria cóntanos que recibiu moitas felicitacións. Unha delas foi a do propio Alcalde, Carlos Armesto, que a chamou e tamén se referiu a ela nunhas declaracións que fixo o 2 de marzo en Onda Cero Monforte. “Nuria é un orgullo para ela, para a súa familia, para toda a xente do Saviñao e para toda a xente do deporte”, dixo, e engadiu “é unha rapaza que é optimismo puro, que fai do realmente extraordinario algo normal”.

ÚLTIMAS

Concerto de acordeón no ciclo ‘Primavera Musical’ en Sober

Os amigos e amigas da música instrumental teñen o vindeiro 25 de maio unha...

O concello de Monforte requerirá a Aqualia para dar solucións integrais aos problemas de Escultor Francisco Moure e Reboredo

O contrato do concello de Monforte con Aqualia naceu no 2001, "xa dende o...

Unha nova xornada do ‘Marida Maio’ no Centro do Viño da Ribeira Sacra

Este xoves, 22 de maio, terá lugar ás 19:30 h. a segunda xornada da...

Prazo de inscrición aberto ata o 10 de xuño para participar na XXV edición de Artelemos

Como o ano pasado a cita coa mostra de artesanía durará 6 días, nesta...