HomesociedadeMonforte presenta a programación do 8M

Monforte presenta a programación do 8M

Este venres 3 de marzo, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada en representación de José Tomé e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, deron a coñecer o programa deseñado polo Concello arredor do 'Día internacional da muller'.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O programa deste ano vaise desenvolver baixo a mensaxe “A igualdade non é flor dun día”, un chamamento a manter vivo o espírito do 8M durante os 365 días do ano para que a sociedade siga avanzando cara a igualdade real entre homes e mulleres.

Segundo a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, a elección do lema ten un dobre simbolismo. Por  un lado, destacar a importancia de manter prendida durante todo o ano a chama desta data. “Hoxe e sempre debemos cultivar a conciliación, a corresponsabilidade, o respecto… só así, alcanzaremos a meta, que é a igualdade”, asegurou a representante municipal; e por outro poñer en valor o traballo que se leva feito. En palabras de Margarita López respecto deste último punto de vista: “Se miramos atrás vemos que superamos importantes obstáculos, que a igualdade non é flor dun día, senón froito do esforzo de moitas xeracións ás que debemos tanto. Estamos máis preto, pero como sociedade temos a responsabilidade de seguir dando pasos cara adiante ata acadar o obxectivo. É a obriga de todas e de todos, seguir escribindo un presente e un futuro máis xusto”.

PROGRAMA

O mércores 8 de marzo, ás 12:00 horas, e como é tradición, a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López Rodríguez procederá á Lectura do Manifesto na Praza do Concello. En consonancia coa mensaxe, estando esta relacionada coas prantas e o feito de regalas e coidalas cada día repartiranse no propio acto entre a cidadanía varios exemplares de “Plantas da Igualdade” que levarán ás súas casas para coidar a diario, do mesmo xeito que teríamos que coidar a igualdade.

Tamén se lle explicará á cidadanía o significado da presencia en diferentes rúas da cidade dunhas macetas de gran tamaño e co lema “A igualdade non é flor de un día” que teñen como fin lembrarnos a todos e todas a necesidade de promover e practicar a igualdade na vida cotiá.

Seguindo coa simboloxía, e despois da lectura do manifesto, varios representantes de colectivos sociais aportarán un puñado de terra ás “Plantas da Igualdade” lendo en alto a mensaxe que cada un deles fai de maneira individual con respecto a esta loita que é a de todos.

As plantas da Igualdade tamén se repartirán nos centros educativos entre os nenos e nenas de primaria e infantil fomentando unha educación en igualdade desde idades temperás.

Pensando en que os cativos e cativas son un sector da poboación clave para a educación e concienciación, organízanse tamén actividades dirixidas ao alumnado de educación primaria e secundaria con un alto valor educativo. Trátase de actividades colaborativas e xincanas coas que se invita aos rapaces a atopar momentos de debate e reflexión sobre a igualdade de xénero.

Estas actividades están financiadas con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas ou ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2023.

Continuando coa sensibilización pola igualdade, e destinada a público xeral, colocaranse carteleiras en distintas zonas da cidade, así como un vinilo no autobús urbano, e farase unha proxección dixital na Torre da Homenaxe con iluminación en cor malva co lema “Monforte pola Igualdade” que permanecerá acendida dende as 19:30 h. ata as 22:00 h. do día 8 de marzo.

Como remate de actividades, o 9 de marzo, en colaboración coa Concellería de Cultura, desenvolverase no Edificio Multiusos ás 20:15 h. a representación teatral “DOCE UVAS, DÚAS MULLERES E UNHA OLIVA” a cargo da Compañía Olivas Negras.

ÚLTIMAS

Charla sobre a antiga bailía templaria de Canaval

A conferencia, a cargo de Almudena Bouzón Custodio, doutora en Historia Medieval pola USC, abordará...

IGV denuncia que “o campo galego véndese aos lobbies en Bruxelas”

IGV lamenta nun comunicado que moitos partidos estatais practican un duplo rexistro "para enganar...

O PP de Monforte volve reclamar máis seguridade no paso a nivel da Florida

Este paso a nivel volveuse poñer en funcionamento despois das obras na liña ferroviaria...

O condutor dun camión resultou ferido nunha saída de vía na N-120, á altura de Cereixa

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ao redor das 11:35 horas deste martes,...