HomeEn profundidade“O coche máis antigo que vén é un Citroën 11 Sport do...

“O coche máis antigo que vén é un Citroën 11 Sport do 1937”, Miguel Martínez, do Club Autoclásico RS

Este domingo 23 de abril o Club Autoclásico Ribeira Sacra celebra o X Aniversario e a VIII edición da Festa de Clásicos, concentración que conta xa con 150 coches inscritos. Falamos con Miguel Martínez, un dos promotores.

Publicado o

- Advertisement -

O Club Autoclásico Ribeira Sacra naceu en agosto de 2012 en Monforte. Miguel Martínez, un dos fundadores, comenta que se foi creando polo boca a boca. “Eu tiña algún coche clásico, outro amigo tamén e fómonos xuntando. Primeiro demos algún paseo e despois xa decidimos facer o club… cando empezamos a saír de ruta eramos dez”, comenta. Na actualidade son uns 45 socios/as.

O club naceu no 2012 e no 2013 decidiron organizar a primeira concentración alá polo mes de marzo, bautizárona como ‘Festa de Clásicos’. Este ano terían que celebrar o X Aniversario, como é o do Club Autoclásico Ribeira Sacra –que chega un ano despois– pero quedaranse na edición VIII porque dúas non se puideron realizar por mor da pandemia.

Miguel lembra que a primeira saída foi aos Chancís e había uns 80 coches inscritos. A raíz desta concentración foi medrando a asociación, engadíndose xente de Monforte e doutros lugares como Chantada, A Rúa, Ourense, Portomarín, Sarria e Xove. Tamén nos comenta que a intención inicial da Festa de Clásicos era facela máis grande, de dous días e cun gran concerto de música dos 80-90, pero non foi posible por falta de infraestrutura. Ao final quedou nun día.

Miguel lembra que a primeira saída foi aos Chancís e había uns 80 coches inscritos.

Que se chame ‘Autoclásico Ribeira Sacra’ non é ao chou. Este nome púxoselle para tratar de abranguer o territorio Ribeira Sacra e tamén para promover a súa beleza paisaxística. “Dende o primeiro ano tratamos de saír dun concello diferente da comarca”, di Miguel Rodríguez. Nestes anos xa saíron de Pantón (dúas veces), Sober, O Saviñao, Bóveda, A Pobra do Brollón e Monforte (dúas veces, a primeira edición e este 2023). Para vindeiras ocasións xa pensan en concellos como Quiroga ou O Incio.

No que se refire a coches que participan, as marcas máis presentes de clásicos son Renault, Seat e Citröen, aínda que tamén se poden ver algún Jaguar, Chevrolet e outras máis exclusivas. E no apartado de curiosidades sabemos que o coche máis antigo é un Citroën 11 Sport do 1937, e que dende os primeiros anos participa un portugués que vén dende Bragança.

“Dende o primeiro ano tratamos de saír dun concello diferente da comarca”

Ademais deste evento, o máis importante para o club, os socios/as fan saídas trimestrais, asistindo a outras concentracións. A maioría delas en Ourense e Lugo, pero tamén se achegan a Caramulo en Viseu (Portugal) no mes de setembro, ao Salón de Porto en outubro e ao Salón de Clásicos de Vigo en febreiro.

VIII EDICIÓN DA FESTA DE CLÁSICOS

A concentración e ruta será este domingo, 23 de abril, tendo a explanada da Compañía en Monforte de Lemos como punto de partida e chegada. A recepción está programada para as 9:00 h. e a saída por grupos de 25-30 coches para as 10:00 h. aproximadamente. Hai uns 150 coches inscritos, con 14 ou 15 clubs participantes.

No que respecta á ruta, cun percorrido duns 50 quilómetros, esta transcorrerá por estradas secundarias, a estrada a Castro Caldelas e a de Pinol-A Carqueixa ata Sober. A primeira parada será o Miradoiro do Duque e despois visitarase a Adega Cruceiro de Vilachá de Doade. A continuación, o lugar de encontro será o Miradoiro de Santiorxo.

Este ano o club celebra o X Aniversario cunha homenaxe moi especial a Elvira Veloso, unha muller moi importante no sector da automoción. “Nacida en Monforte de Lemos e secretaria de moitos directores de SEAT, peza fundamental na conservación da colección de coches históricos que agora mesmo atesoura a marca para a execución dun futuro museo”, comenta Miguel Martínez.

Xuntanza de 2012, antes da existencia do Club. Foto: Miguel Martínez.

ÚLTIMAS

Obradoiro contra a desinformación en Taboada

Esta actividade de alfabetización mediática será impartida por Selina Otero Verdes, licenciada en xornalismo...

En outubro aumentou en 110 o número de parados no centro-sur da provincia

Paro comarca de Sarria no mes de outubro 751 (+35): O Incio 32 (-1) Láncara 73...

O BNG de Monforte reclama transparencia no proceso selectivo da Policía Local

Os nacionalistas aseguran que as informacións publicadas sobre os resultados da primeira proba, na...

“Os dous de sempre”, do dúo Mofa & Befa, este 5 de novembro no Multiusos de Monforte

A función enmárcase na programación cultural impulsada polo Concello de Monforte a través da...