HomeEn profundidadeDiario de Inspiración: Os latexos do corazón dos museos da Rede Museística...

Diario de Inspiración: Os latexos do corazón dos museos da Rede Museística Provincial, pulsos sociais da cultura

O corazón latexando dentro do armario dos colchóns, a choiva facéndose sentir no cuarto de Uxío Novoneyra, as andoriñas sobrevoando a cama de María Paz Taboada e Zúñiga, mentres as camas soterradas penduran do aire, os debuxos de Angelita noutra vida aparecen sobre unha alfombra… Máxico?

Publicado o

- Advertisement -

Iso acontece no Museo Pazo de Tor desde o mes de maio e, efectivamente, é máxico. O 18 de maio celebrábase o Día Internacional dos Museos e unha intensa actividade protagonizou a vida nos museos da RMPL (Rede Museística Provincial de Lugo) co apoio da área de cultura da Vicepresidencia da Deputación, baixo o lema escollido este ano polo ICOM, “Museos, Sostibilidade e Benestar”.

O Museo Pazo de Tor acollía a comezos de mes un Encontro de saberes dentro do I Foro de Museoloxía Social da RMPL. Durante dous días, Tor reuniu a algunhas das voces máis representativas dos museos de toda España, con artistas, xestores culturais, educadoras, xornalistas ou estudantes. Na primeira xornada debatiron sobre a museoloxía social, sobre como mellorar as relacións entre os museos e as persoas e a relación dos museos coa súa contorna. A experiencia foi museoloxía social en si mesma, porque ao día seguinte as conclusións e inquedanzas ás que as/os profesinais chegaran, intercambiáronse coas dunha veintena de alumnas/os da Facultade de Humanidades de Lugo, que aspiraban a un futuro laboral nun museo.

As persoas que se reuniron no Museo Pazo de Tor neste Encontro de Saberes, aseguraban que traballaban coa arte como elemento de transformación, a favor das persoas, por unha educación democrática, a favor do dereito universal de acceso á cultura, para crear espazos de unión. Traballamos por revertir parte do sistema, pola educación desde a base…. “Traballamos coa memoria, co presente e co futuro, iso crea anacronismos que nos levan a musealizar doutra maneira”, engadiría Encarna Lago, xerente da RMPL, “Por iso desde a RMPL creouse este primeiro foro de museoloxía social, para medir e valorar o traballo que se fai desde os museos. Estase no camiño correcto para conectar coa xente? Que máis podemos facer para mellorar os museos como servizo público?”.

Pulsos sociais da cultura

A vontade do traballo desde os museos está en contra da incomprensión, dos egoísmos, en contra de proxectos que deshumanizan, en contra das planificacións de arriba para abaixo, en contra das barreiras, das violencias institucionais, en contra do patrimonio alonxado das persoas,…”en contra dos museos como dinosaurios que tardan en moverse.”

…Neste Encontro de Saberes quixéronse facer as cousas ben, sabendo que para iso o relato de sempre non vale. Os museos para que teñan senso e cumpran a súa función precisan de interactuar coa contorna e coa xente. Nese punto é fundamental que as persoas poidamos aportar.

O discurso museístico xa non é o do museo decimonónico que expón o patrimonio ou a arte baixo un discurso único. O museo da actualidade precisa da participación das persoas, de que cada un aporte o seu graniño de área e se retroalimente dos demais. Os museos queren ser experiencias vivas que recollen e entregan á súa contorna e que canalizan ansias e inquedanzas multiformas, pulsos socais da cultura.

Entenden que non hai distancia, que non son estruturas ríxidas que definen o que é a arte e como, ou a cultura e por que. Flúen, a lo menos queren fluír, unirse a un latexo común sen distancias. Como función social para os museos paréceme un planazo. Quen ou que, se non vai exercer esa función cohesionadora nunha sociedade cun rumbo distópico?

Museoloxía social, maxia e solidariedade

Unha cosmovisón múltiple, que o discurso sexa de todas/os e non só un discurso do poder, sexa do tipo que sexa ese poder. Máxico outra vez? Conseguir un espírito crítico nas persoas, iso é o que promove a museoloxía social, xerar pequenas revolucións.

E ao día seguinte chegaba o momento do intercambio co alumnado. A quen lle deixamos o relevo nos museos? Que queremos transmitir ás novas xeracións? Que queren elas? “Nós fomos valentes, agora moitos/as terminan rendéndose, moitas veces por frustración, porque son persoas moi formadas e non aproveitadas”, iso quedou resoando en Tor ata que chegaron as/as máis novas/os.

Xunto con outros ecos, “Co acceso ao coñecemento podemos ser mellores persoas, os museos son espazos de verdade, hai que pasar do postureo á acción, que á xente non lle dea medo achegarse ao coñecemento.” Sobre a mesa quedaba a intensa xornada.

E cara a noitiña en Pincelo, mirando ao Miño desde Sacra Experience, actuaría Davide Salvado, pero antes Marga Sánchez Romero, autora de “Prehistoria de Mujeres” e Miguel Ángel Cajigal Vera, autor de “Otra historia del arte, no pasa nada si no te gustan Las Meninas”, protagonizaban este Encontro de Saberes cuns libros con outras perspectivas, “Non falo de Picasso no libro, se facemos as cousas da mesma maneira non vai a cambiar nada. Aínda que a xente non o saiba, os museos son ferramentas fundamentais para o cambio, usade estes libros como broomerang, como arma arroxadiza. En primeira fila nunha batalla sabedes que podedes contar con nós.”

Se ao MÁXICO lle sumamos o HEROICO ou SOLIDARIO, non pediría moito máis, pero é que ao día seguinte co alumnado de Humanidades estalou a creatividade tecendo redes e tentando loitar contra aqueles anacronismos que aínda se dan nos museos. E sempre un latexo constante, o carácter vocacional do traballo nos museos e por extensión da actividade artística ou creativa.

Profesionais e Estudantes dixéronse e preguntáronse: O museo é un espazo plural se as persoas que o promoven son plurais. Que nos podedes ensinar, que necesitamos desaprender?. Impulsar a comunicación de fóra cara dentro. Accesibilidade para discapacidade, gratuidade de acceso, empoderamento do público. Ser accesible é falar os mesmos códigos. Musealizar creando contextos e ambientes emocionais que permiten a empatía. Da distancia e a desvinculación á aprendizaxe compartida. O Museo que deixa de ser unha illa allea á realidade. Todo o que fai o museo é educar, conservar, gardar, divulgar, catalogar. Temos que manter a curiosidade, reclamar o museo como un espazo que nos pertence a todas/os. Escoitar para dar espazo e romper co discurso hexemónico. Todo Museo ten esencia, é fundamental o traballo con ilusión e motivación… E reivindícase Tor, “É o museo do afecto, non temos prezo, porque temos valores, somo embaixadores dunha forma de ser e estar. Temos que cambiar desde a individualidade, podemos mellorar o noso metro cadrado”.

Historia do Futuro no Museo Pazo de Tor / ABF

E Tor palpita

E aí aparece o corazón latexando, varios,… que palpitan en Tor despois da intervención “A historia do Futuro”, que crearon Che Marchesi e Pamen Pereira. Á montaxe deste proxecto expositivo acudiron escolares que se mergullaron nas trasnadas que propuxeron as/os artistas. E agora as camas de Soterradas quérense elevar; os debuxos de Angelita, que viviu alí abaixo, vense sobre a alfombra na planta dos señores;…

Historia do Futuro no Museo Pazo de Tor / ABF

…E Tor palpita, na capela, no armario,…mentres se moven as cortinas que agora están vivas e escoitase a choiva caer intensa na habitación na que está escrito na xanela “chove para que eu soñe”…e todas/os soñan. Invítante a tocar unha ilusión que desaparece mentres os criptogramas de chocolate que lembran tardes de cultura xunto a María Paz, a señora do Pazo, reposan naquela mesa na que sentaban Noveneyra e Manuel María.

Pouco despois de inaugurar “A historia do Futuro”, chegan a Tor as XXI Xornadas Pedagóxicas que comezaran no Museo Fortaleza San Paio de Narla e no Museo Provincial de Lugo. E durante dous días, o Museo Pazo de Tor palpitando acolle entre as súas paredes a máis dunha trintena de profesionais da educación. A Rede Museística defende “o museo social, sostible, igualitario e inclusivo, como espazos socioafectivos e entenden os seus museos como axentes de transformación social a través da educación. Momento de dialogar coa comunidade, poñer as persoas no centro e darlles voz.” Máis de 20 anos facéndoo con esta actividade.

Búscase que o profesorado conte cunha formación específica para a educación nos territorios rurais, e falouse dunha pedagoxía creativa do lugar, da escola rural como soño ou realidade, a educación patrimonial centrada nos vínculos ou da programación escolar que a RMPL desenvolve nos seus museos, con alternativas como a webserie para captar ao alumado de secundaria ou con propostas educativas que convidan á infancia a relacionarse coa vida a través dos museos, “Tes nas túas mans a ferramenta clave do coñecemento, curiosea, busca na túa contorna e na natureza, recolle, anota, debuxa, colecciona curiodidades,… Benvida ao teu universo”. Que mellor invitación pode haber para entrar?

E as educadoras e educadores quixeron volver á infancia, usar a maleta viaxeira con eses obxectos significativos para traballar vínculos, mergullarse nun país no mapa de Domingo Fontán e Crear o teu museo, coñece, comprende, visibiliza, respecta.

Desde o Museo do Mar de San Cibrao, a persoa que máis parece ver sendo cega, Ángeles Miguélez, guiou aos mestres por esta escola indiana que collería o nome do home cando a pagou a muller. E Ángeles segue guiándonos coa súa mirada, “O motor é o tic tac do corazón, o afecto, o que tamén está palpitado en Tor. Grazas á educación podemos guiar as nosas vidas e podemos descubrir novos camiños.”

Seguimos aínda no Museo do Mar, nesta visita virtual por ese museo brúxula que orienta para afondar nun mar multicultural e a accesibilidade e a igualdade dentro do museo, “estas dúas non son opcións, son obrigas”, insistiría Encarna Lago, para despois comezar a visita presencial ao Museo Pazo de Tor e que mestras e mestres escoitaran os latexos, a choiva, entraran en Soterradas, coñeceran a vida nobre, as carruaxes, as armas, os cadros…

O mapa de Galicia, a alquimia de Domingo Fontán

Só un home que comeza os estudos de Filosofía con 12 anos, alá polo 1800, sería capaz de rematar tres décadas despois o que foi o primeiro mapa físico de Galicia, a primeira cartografía matemática de España. E aí case 200 anos despois vemos como Fontán documentaba parroquias, ríos, montañas e pontes de cada recuncho desta terra. Visionario que alcanzou a ver a importancia do seu traballo de alquimia para aquel presente e este futuro, recollendo cada anaco da nosa Galicia.

Na sala accesible do Museo Pazo de Tor onde atopamos o mapa, unha frase de Castelao advirte “Para uns a Terra é o pequeno berce no que naceron, apenas un fermoso val… Para outros, a Terra é tan grande que soamente alcanzan a vela no mapa de Fontán”, e sobre el axeonlláronse como nenos, as educadoras.

Esas xornadas pedagóxicas que nos devolven á infancia fixeron que as/os participantes reverenciasen o mapa. De xeonllos buscaron, encontraron e econtráronse, marcaron as localizacións, compartíronas e seguiron buscando,…Non no mapa a exposición, nos mapas dun País no mapa da RMPL destinados a escolares e adultos que non dubidan en axeonllarse.

Afondando nas funcións do Museo Pazo de Tor e no seu carácter educador que incorpora novos microrrelatos, presentáronselles aos participantes nas xornadas pedagóxicas novos espazos expositivos do museo, que xa se poden visitar de modo permanente, a Casa da Soga e a Vida tralos Labirintos Mentais. No primeiro rescátanse historias soterradas dos distintos usos deste espazo interior do Pazo. Mentres, no exterior, na parte traseira ao carón dese enigmático labirinto de lousas de pizarra en forma de espiral que ten o Pazo, adentrámonos noutras historias soterradas. Porque a historia da servidume e a da muller foi soterrada, pero a da enfermidade mental tamén, en non querer vela. Aínda hoxe quérese ocultar. Por iso a RMPL amosa no Museo Pazo de Tor a historia dos labirintos mentais coa que contan, e que ben dá para un novo Diario de Inspiración con esas ganas de non querer ver o evidente, que ten a sociedade actual.

“Que todo o mundo baile muiñeiras e toque pandeiretas.

Que foi todo isto? Foi o mes de maio coa celebración do Día Internacional dos Museos e parte das actividades que se desenvolveron no Museo Pazo de Tor en rede co resto de museos provincias. Estas actividades colearon en xuño e deixan polo medio outras propostas non menos interesantes como as residencias Land Art nas que estiveron creando en comunidade, Da terra que dá novas relacións entre arte e vida; Lois Cid, Rosa Neutro, Alberto Oderiz e Verónica Vicente.

…E un agasallo, Aldea Nova, xornadas de xestión cultural e sustentabilidade en entornos rurais. Dous días para reprensar o rural e repoboalo desde a cultura, modo economía circular. Unha delicia escoitar a unha albañila falando de bioconstrución e citar a Gaudí, “ser orixinal é volver á orixe”; a Encarna Lago apaixoada, afirmando “A falta de acceso á cultura, limítanos. O neoliberalismo fai que vexamos as cousas, non ás persoas.”; coñecer o Programa Europa Creativa  e como traballar a cultura invertiu a pirámide demográfica dunha aldea de Málaga “porque a Cultura é unha das vías para fixar poboación e xerar arraigo”, achegarse a Cinema Palleiriso con Anxo Moure, ou ao espazo de cohabitación ourensá, a Casa Vella.

Seguiu sendo unha delicia esta actividade, cando Mercedes Peón, “que a miña idea desde pequerrecha era ser de aldea”, non séndoo físicamente, pero si de alma, compartiu a súa videografía coa que estuda a expresión oral e corporal no rural. Foi unha viaxe no tempo con Mercedes de guía, “A tradición non é estática, iso é o tradicionalismo. O folclore representa ao pobo, as creatividades de cada lugar desaparecen. A creación colectiva morreu cos tocadiscos e os bares. Pasamos do arado ao tractor. A miña proposta é que todo o mundo baile muiñeiras e toque pandeiretas.

Un diario intenso porque o é a actividade que desenvolve a RMPL e os proxectos que impulsa coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación. Xa no verán as propostas seguen nos museos, campamentos, obradoiros e actividades que terán como principal misión seguir abrindo os universos das/os máis cativas/os. Na web comunidadermpl.gal está a información para facer a axenda de lecer destas vacacións.

ÚLTIMAS

Un vídeo divulgará a semente, sega, acarrexa, malla e ‘Festa dos Fachós’ de Castro Caldelas

A Festa dos Fachós de Castro Caldelas é unha das tradicións de culto ao...

Granxas familiares, un modelo en risco?

O 95 % das granxas que hai en Galicia seguen sendo familiares. Grazas á...

A Gándara de Monforte triunfa no Galego de Cross Escolar

Na categoría cadete feminina, o equipo da Gándara formado por Sabela Nieves, Sara Pérez,...

II Foro de Innovación Empresarial este 14 de xaneiro en Chantada

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o secretario xeral da CEL, Jaime...