HomeCulturaExposición de Juana de Vega na casa da cultura de Monforte no...

Exposición de Juana de Vega na casa da cultura de Monforte no 150 aniversario do seu falecemento

A exposición leva por título “Juana de Vega, Condesa de Espoz y Mina (1805-1872): Facer no século”, e está organizada pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do falecemento da ilustre coruñesa, que desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social, unha muller progresista e liberal, avanzada para a súa época, que deixou unha gran impronta non só na cidade da Coruña senón tamén en toda Galicia e resto do Estado.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A mostra itinerante sobre a vida e a traxectoria de Juana de Vega abrangue desde o seu nacemento en 1805 na Coruña ata o seu falecemento en 1872 nesta mesma cidade. A exposición iniciou o seu percorrido a principios de ano na cidade da Coruña, e agora rota polas principais cidades de Galicia, recalando ademais en Monforte de Lemos, terra da nai de Juana de Vega, e en Mondoñedo, de onde era orixinario o seu pai.

Todos aqueles interesados en visitar a exposición desta importante figura da historia de Galicia e España, poderán facelo na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro ata o 24 de agosto, de luns a venres, en horario de 9 a 21 horas, e os sábados de 9 a 14 h.

Na exposición, distribuída en 20 paneis, percórrense as andanzas da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX, o seu casamento co heroe da Guerra de Independencia, Francisco Espoz y Mina, e o seu casamento. Tamén o exilio, os ataques sufridos polo militar navarro e a súa morte, que a converten na “viúva eterna”. Mais isto non foi óbice para que desenvolvese a súa faceta humana e intelectual ao longo dos anos. Desde a súa función como aia da Raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou a súa influencia nos círculos de poder para acadar sempre o fin de axudar aos máis necesitados.

A Asociación de Señoras, o Hospital da Caridade, o Asilo da Mendicidade e a Casa da Misericordia son algunhas das institucións que contribúe a crear e, sobre todo, manter. Juana tamén participou activamente nas iniciativas políticas liberais que se deron na cidade herculina e Galicia. Polo seu parladoiro da rúa Real pasaron políticos, xornalistas e intelectuais. Persoeiros como José Pardo Bazán, Vicente Alsina, Hipólito Otero, Montero, Telinge ou Arias Uría atopábanse entre as súas amizades.

Foi considerada como unha heroína pola súa loita contra o cólera, unha das doenzas máis mortíferas do século. Tamén destacou na defensa da memoria do seu defunto marido, preservando o seu legado e protexendo o seu recordo. Juana morre o 22 de xuño de 1872 con 67 anos. Deixa un testamento detallado e sistemático. As súas últimas vontades inclúen o repartimento ben ordenado dos seus bens entre familiares, amizades moi queridas e diferentes institucións.

Ademais da mostra itinerante, ao longo deste ano celebráronse diferentes actividades ao redor da figura desta ilustre muller, como o congreso internacional “Contemporáneas: políticas, traballadoras e facedoras de sociedade”, destinado ao estudo do papel da muller na sociedade, ou a publicación dunha ampla e documentada biografía de Juana de Vega, da que é autor o historiador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Ramón Veiga.

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...