HomeCulturaBono Cultural Xove, 400€ para consumir cultura se tes 18 anos

Bono Cultural Xove, 400€ para consumir cultura se tes 18 anos

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, reafirmou este xoves en Monforte de Lemos o apoio do Goberno ao sector cultural da provincia, destinando 928.000 euros co Bono Cultural Xove. Na cidade do Cabe vistou dous establecementos adheridos ao programa, as librerías Pelayo e Entrelibros, para comprobar de primeira mao o impacto desta iniciativa e compartir sensacións coas súas xerentes.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Isabel Rodríguez, acompañada da tenente de alcalde, Gloria Prada, valorou a boa marcha do programa do Ministerio de Cultura e Deporte “do que xa se beneficiaron 722 lucenses nesta segunda edición, o 31,12% dos posibles solicitantes da provincia”. Neste sentido, animou aos 2.320 mozos e mozas de 18 anos a que soliciten o Bono “e poidan gozar así das vantaxes de 400 euros destinados ao consumo de cultura”.

Así mesmo, subliñou que investir en cultura “é investir en educación, en formación e na consolidación dunha sociedade avanzada” por iso manifestou que espera que antes de que remate setembro todos os posibles beneficiarios soliciten o bono “e aproveiten esta magnifica oportunidade agora que estamos no verán, cunha oferta cultural ampla, variada e de calidade”.

En Lugo, hai unha vintena de establecementos inscritos en 8 municipios, entre eles distintas librarías, salas de cine, tendas de produtos dixitais e en liña ou locais especializados en música, entre outros. Con respecto aos negocios adheridos, a subdelegada lembrou que sigue aberto o prazo e convidou ás empresas e entidades culturais da provincia a sumarse rexistrándose na https://entidades-adheridas.bonoculturajoven.gob.es/.

O Ministerio de Cultura e Deporte ofrece 400 euros aos mozos e mozas que teñan ou cumprisen 18 anos este 2023 para acceder a produtos e actividades culturais durante un ano. As persoas interesadas poden solicitalo na páxina web www.bonoculturajoven.gob.es antes do próximo 30 de setembro.

Os interesados deben proceder á súa identificación dixital a través de Cl@ve ou ben a través do seu Certificado dixital. Poden realizar o trámite persoalmente ou a través da representación dun adulto, para o que é preciso achegar o formulario de representación descargable na páxina web, correctamente asinado por beneficiario e representante.

Unha vez concedida a axuda, o importe total abónase nun único pago, en formato de tarxeta prepago virtual nominal que está vixente durante os doce meses seguintes á concesión. Excepcionalmente, poderanse emitir tarxetas físicas se o beneficiario non dispón dun dispositivo móbil compatible. A tarxeta é persoal e intransferible.

Tres liñas de axuda

O Bono Cultura Xove divídese en tres apartados para fomentar o acceso a diferentes expresións culturais:

  • 200 euros para artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais. Por exemplo, entradas e abonos para artes escénicas, música en directo, cine, museos, bibliotecas, exposicións e festivais escénicos, literarios, musicais ou audiovisuais.
  • 100 euros para produtos culturais en soporte físico, como libros, revistas, prensa, ou outras publicacións periódicas; videoxogos, partituras, discos, CD, DVD ou Blu-ray.
  • 100 euros para consumo dixital ou en liña. Aquí entran subscricións e alugueiros a plataformas musicais, de lectura ou audiolectura, ou audiovisuais, compra de audiolibros, compra de libros dixitais (e-books), subscrición para descarga de arquivos multimedia (podcasts), subscricións a videoxogos en liña, subscricións dixitais a prensa, revistas ou outras publicacións periódicas.

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...