O concello de Chantada celebra desde o pasado día 24 as Festas na honra da Nosa Señora do Carme, este sábado, 26 de agosto as festas teñen a súa cita máis tradicional coa celebración do Folión de Carros. Durante toda a xornada vívese un gran ambiente, contouse con pasarrúas e cabezudos e hostaleiros e moitas persoas vestíronse xa como carroceiras. Chaleco, camisa branca e boina para eles e elas, con saia, blusa, mandil e pano.
Segundo se informa desde o Facebook do concello de Chantada, os carros participantes este ano no Folión son 14:
- A recolleita do millo.
- O lavadeiro do Chouso.
- A casa do xastre.
- Entre fragueiros e ferreiros.
- Tecendo melodías.
- Petando na casa do Berzas.
- Os licores do rosquilleiro.
- O oficio dos contacontos.
- A casa dun oleiro.
- Na casa do xerreiro.
- A serra de Sobreira.
- Na feira, novos e vellos, recuncan nos pendellos.
- Fágase xustiza con Silverio Pastor.
- O tapadillo das pelexas.
Ás 22:30 actuará a Banda de Gaitas do Concello de Chantada, ás 23:00 celebrarase o Folión de Carros. Posteriormente será a lectura do pregón por conta de Don Manuel Villar, Director do Museo do Pobo Galego e o concerto á 1:30 de PelePau. O domingo comezará con pasarrúas pola mañá e concerto da Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira, no Parque Eloísa Rivadulla. Ás 18:30 comezará o XXII certame de Bandas de Música na Praza do Cantón para rematar coas orquestras Olympus e Gran Parada.
O día 28 a rapazada terá Festa Infantil no campo da feira vello desde as 17:00. Ás 00:00 contarase con sesión de fogos artificiais na Praza do Pavillón. Contase coa orquestra Los Satélites e o Grupo América. No último día, o martes, 29 de agosto, terá lugar a Festa da Empanada no Campo da San Lucas contarase con gaiteiros e charangas para poñer o punto e final coas actuacións das orquestras París de Noia e Tango. A xornada do 29 é festivo local e tódalas dependencias municipais estarán pechadas, incluída a Casa da Cultura, a oficina de Chantada Turismo e a Biblioteca Pública Municipal de Chantada.