HomesociedadeA Xornada Castañeira dos Anguieiros inmortalizada por unha parella de reporteiros belgas

A Xornada Castañeira dos Anguieiros inmortalizada por unha parella de reporteiros belgas

Michèle e Jean Meuris chegaron por casualidade aos Anguieiros, aldea de Montefurado, no Concello de Quiroga, o sábado 4 de novembro e alí pasaron o día impresionados pola acollida e os coñecementos sobre as tradicións que recibiron por parte da Asociación Boca do Monte.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A VII Xornada Castañeira que organizaba a entidade quiroguesa Asociación Sociocultural Boca do Monte o pasado 4 de novembro estivo marcada polo temporal e a constante choiva, feito que provocou que acudira menos xente que outros anos, aínda que quedou unha anécdota para a historia…

Ás 9 da mañá estaba prevista unha camiñada dende Os Anguieiros ata Seadur, e xa alí coñecer a Cova da Xabreira, un proxecto emprendedor que se caracteriza por ofrecer experiencias enogastronómicas  nunha cova tradicional recuperada dentro do conxunto etnográfico de Covas de Seadur.

A choiva constante e o vento levou a cancelar esa andaina dándose a casualidade de que por alí chegaron nese momento dous forasteiros con acento francés que foron tropezar xusto coa única persoa dos Anguieiros que falaba francés. Tratábase de Benji, un rapaz de orixe galego-francesa que viñera de Madrid expresamente á Xornada Castañeira e que puido facer de tradutor para a ocasión.

Estes forasteiros eran Michèle e Jean Meuris, unha parella de reporteiros belgas desprazados a Galicia para facer unha reportaxe audiovisual de carácter turístico-cultural. Segundo unha acreditación que lle presentaron aos anfitrións da asociación dos Anguieiros, os dous son xornalistas e conferenciantes pertencen á Asociación de Conferenciantes Francófonos de Bélxica (Association des Conférenciers Francophones de Belgique) e á Unión Belga de Periodistas e Escritores de Turismo (UBJET, Unión Belge des Journalistes et Ecrivains du Tourisme). Para a reportaxe que os trouxo a Galicia tiñan como obxectivos principais gravar imaxes dun obradoiro de cantería de Poio, en Pontevedra; percebeiros traballando en Muxía; unha canteira a ceo aberto en Quiroga e as antigas galerías das minas romanas das Médulas.

O caso é que estes forasteiros belgas, aloxados en Quiroga tras coñecer o día anterior unha canteira de louxa, foron convidados a tomar café e licores como recibimento e despois uníronse a un pequeno grupo de socios e socias para ir coñecer as covas de Seadur, concretamente a Cova da Xabreira. Alí viron a adega e a cova reconvertida a restaurante para rematar despois degustando uns viños mencía e godello, coñecendo así un lugar e vivindo unha experiencia coa que non contaban.

Brinde despois de visitar a Cova da Xabreira. Foto: Rebeca
Visitando a adega da Cova da Xabreira. Foto: Asoc. Boca do Monte.

CONVIVENCIA E INTEGRACIÓN NA CELEBRACIÓN DA VII XORNADA CASTAÑEIRA

Integrados no grupo, despois da visita improvisada a terras ourensáns de Seadur e Larouco, volveron aos Anguieiros convidados a xantar e a quedar xa para vivir a celebración do Magosto por xente da asociación. Nese tempo viron unha casa vella con caniceira e lareira, reviviron como se asaban antigamente as castañas no cacho e despois formaron parte do Magosto popular co resto de veciñanza e amigos/as que se achegaron pola noite. Participaron na preparación, marcando castañas, e despois petiscaron empanada, tortilla, embutidos, dóces e por suposto castañas asadas regadas con viño.

Os forasteiros belgas participando na preparación das castañas. Foto: Antón Fdez.

A música correu a cargo do grupo tradicional de Quiroga O Recanto, que animou o fin de festa. Jean Meuris, entusiasmado, non paraba de gravar e a súa compañeira Michèle preguntaba e observaba, transmitíndolle os anfitrións dos Anguieiros unha chea de coñecementos e tradicións expresadas como podían, e sobretodo coa axuda complementaria dos poucos que sabían francés e inglés.

Contra as dez da noite a parella de reporteiros belgas volvía para Quiroga, onde tiñan alugada unha casa turística, despedíndose con grande gratitude pola acollida e xenerosidade que lle prestou a xente. “Quedou falado que para o ano sería ben que viñesen facer unha proxección da reportaxe e eles deron os seus datos para manter comunicación vía mail”, comentan dende a asociación Boca do Monte.

Celebración do Magosto. Foto: Antón Fdez.

ÚLTIMAS

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...

Proxección de “La violencia invisible” e coloquio este 23 de novembro en Quiroga

Aproveitando a conmemoración do 25N, “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero”,...